Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O Castro da Subidá de Marín

Unha musealización decepcionante

Vista das estruturas do Castro da Subidá.

Achegámonos hoxe ao Castro da Subidá de Marín, unha aldea fortificada da Idade do Ferro ocupada entre os séculos IV a.C. e I d.C da que foi escavada unha mínima parte (un 1% aproximadamente). Este castro, xunto cos de Toiriz (Silleda) e Alobre (Vilagarcía de Arousa), veñen de ser obxecto dunha serie de obras de “restauración e musealización” valoradas en 519.864 € que achega o goberno central. A Deputación de Pontevedra promove os traballos.

O xacemento, de case tres hectáreas, presenta unha “planta ovalada con dous promontorios rochosos situados no extremo norte e sur da croa. A finais do século XIX conservaba parte do dobre recinto amurallado e a principios do século XX aínda estaban en pe algunhas das vivendas circulares” (Rafael Rodríguez, Diego Piay e Mª Luisa Castro; 2018). Situado na ladeira leste de dous promontorios -o meirande de cento setenta e nove metros de altura- A Subidá localízase nas proximidades dos núcleos da Porteliña e Cidrás, en concreto no Coto ou Monte das Sete Espadas. O castro foi obxecto de numerosos espolios, de aí que Arizaga Castro e Abal Silva (2007) sinalasen que “por desgracia, afeccionados e institucións conservan moi dispersos os abundantes achádegos en superficie dignos de ser musealizados”.

Campañas de escavación

Como sinala González Ruibal (2006), o resultado das diferentes campañas científicas de escavación levadas a cabo no castro “resulta bastante chamativo”, xa que “no reducido espazo intervido, no que saíron á luz dúas estruturas, recolléronse unha fíbula transmontana, unha fíbula de omega, una fíbula Fowler A, tres alfinetes decorados, oito placas de bronce decoradas, un aplique con forma de carrete e un fragmento de colar”. Do estudo destes materiais arqueolóxicos ocupáronse Moledo Pérez e Pascual Vázquez en 1982, que tamén participaran na escavación levada a cabo uns anos antes grazas ao pulo de García Alén.

O xacemento conta cunha extensión de case tres hectáreas

decoration

No ano 2011, baixo a dirección de Torres Bravo, foron escavadas e consolidadas dúas estruturas arquitectónicas de planta circular, unha delas dotada dunha gabia perimetral para protexela das escorreduras provocadas pola chuvia. Nese momento levouse a cabo tamén a musealización do xacemento. Posteriormente, nos anos 2017 e 2018, Prieto Robles dirixiu os traballos de escavación e restauración doutro celeiro de planta circular situado ao Norte das estruturas xa coñecidas. Este almacén, que tamén foi consolidado naquela altura, quedou á marxe dos traballos que veñen de ser acometidos agora polo Ministerio. A intervención levada a cabo nos pavimentos é, quizais, o único positivo do proxecto ministerial. Mellorouse o espazo destinado a aparcamento, reforzouse o camiño de acceso con grava e lousas de granito, creáronse dúas áreas de descanso dotadas con bancos de pedra e novos pavimentos, etc. O resultado final é respectuoso co xacemento e incorpora o valor do deseño arquitectónico e paisaxístico ao castro, facéndoo máis atractivo e aportándolle valor.

Nova sinalética interpretativa do xacemento.

Musealización

Pola contra, a musealización arqueolóxica sensu stricto deixa moito que desexar, xa que o seu contido non mellora os atrís interpretativos dos que xa dispuña esta aldea fortificada galaico-romana. Os textos perden en calidade e definición (afírmase, por exemplo, que as primeiras sondaxes no xacemento tiveron lugar en 1981 cando, en realidade, viron a luz a finais da década de 1970), frustrando así unha visita que se pretende instrutiva e lúdica. Pola súa parte o apartado gráfico queda moi por baixo da anterior museografía de 2011, que recreaba de forma atractiva a arquitectura e a vida no castro, explicando con precisión os achados máis sobranceiros (restos de fauna, adornos persoais, etc.). Asemade, sorprende que o discurso museográfico teña múltiples grallas e erros tipográficos debidos ao descoido e/ou ao descoñecemento: “PETROGRIFLO” (por Petróglifo), “ACABECIÑA” (todo xunto), “CASTRO A SUBIDÁ” (na vez de “da Subidá”), “CASTRO DO PACHO (na vez de Facho) DE DONON” (sen til); “IGREXIA VELLA” (na vez de Igrexa Vella), “CASTROLANDIN” (sen til), etc.

Chama a atención a ausencia de rigor e profesionalidade da empresa adxudicataria dos traballos, a murciana Patrimonio Inteligente S.L., no momento de abordar o soporte interpretativo dedicado á arte rupestre da Idade do Bronce. Aquí, os museólogos utilizaron, sen citar a autoría, un calco non actualizado de 1972 (hai corenta e noves anos!) do gravado rupestre prehistórico máis importante localizado no xacemento, obra de Antonio de la Peña Santos.

En conclusión, retrocede o valor didáctico da nova museografía que explica o xacemento respecto da anterior, por máis que mellore a estética dos soportes utilizados para a súa difusión.

O galego, idioma de segunda

É pertinente analizar tamén a consideración que o noso idioma ten na sinalética do castro. O galego aparece sempre como lingua secundaria, xunto co inglés, en todos os soportes interpretativos, o que ocasiona severos problemas ao visitante, forzado a ler nun tamaño de letra cativo, fronte ao lector/a en castelán, ao que se lle ofrece unha lectura confortable. A maiores, o acceso ao reverso dos soportes verticais, onde está presente o noso idioma, resulta difícil e complicado en varios dos paneis, xa que non existe espazo físico suficiente para que o visitante lea comodamente os textos en galego e inglés, unha opción de visita secundaria e accesoria para os museólogos da Subidá.

Esta escasa consideración do galego choca co sentido común, xa que a maioría dos visitantes do castro serán persoas de Galicia interesadas pola súa historia e a súa cultura. Ademais, esta práctica colide coa norma de sinalización que segue a Xunta de Galicia, por exemplo no Camiño de Santiago (art. 81.2 da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia), cando establece que “a rotulación dentro do territorio de Galicia empregará a lingua galega. No caso de que se empreguen varios idiomas, o galego terá lugar preferente na orde de colocación e maior relevancia na dimensión tipográfica.”

Compartir el artículo

stats