Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Na procura das raíces

Non hai destempo para se atopar no mundo

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Pilar Ponte

A escritora, profesora, tradutora, teórica e editora viguesa Silvia Bardelás ofrécenos a súa terceira incursión pola porta grande no mundo da novela. Despois dos títulos As Médulas (2010) e Unha troita de pé (2011), chega da man da mesma editorial este Destempo, que vai remexer nas nosas mentes ideas como o paso do tempo, a busca do noso lugar no mundo ou a capacidade para mudar o destino que temos cada un de nós.

“Lois ten unha vida afastada coa que non pode identificarse, unha arela indefinida sen recantos onde abeirarse, e desacougarse (...)”. Este sería o punto de partida da novela. Un rapaz desconforme coa traxectoria que leva nos Estados Unidos, onde vive coa nai, Estela, e co padrasto que aborrece, accede a vir a Galicia para pasar o verán coa súa avoa Mati, no rural da provincia de Pontevedra. O crego da parroquia, o padre Anxo, vai ser o responsable de que o encontro entre Lois e a avoa mude as súas vidas para sempre. Matilde embárcase xunto con varias amigas na aventura de intentar mudar o mundo máis próximo, alentadas polo crego, que non é para nada o prototipo de cura que agardamos. Teñen que deixar que o corazón se inflame de amor para axudar o próximo nas súas necesidades e que triunfe a xustiza. E así a vella sae todas as tardes para facer o que o neto chama “a revolución”, poñerse á porta da Deputación para protestar polo investimento en cousas innecesarias, reclamar melloras na educación ou organizar faladoiros na rúa.

Dúas revolucións

O protagonista da novela vese, deste xeito, atrapado por dous mundos nos que se ten que encontrar interiormente. Dunha banda os Estados Unidos, cos que non se sente identificado, e doutra banda o mundo do rural, a aldea da avoa, tamén estraña para el, onde se atopa na misa do domingo cos poucos rapaces que quedan alí, e onde irá descubrindo paseniño o seu lugar grazas ao apoio de Eva, a súa moza, coa que comparte afeccións e arelas e onde terá que dar coas súas raíces. Así as cousas, hai dúas revolucións na novela: a revolución da loita social e a revolución do encontro interior de Lois.

A novela é un desencontro co que aborrecemos e do que fuximos, pero tamén un encontro con todo aquilo do que nos fomos desprendendo

Pero a procura das orixes vai ser estendida a outras persoas a través de África, a nai de Eva, outra personaxe que vén de vivir fóra, cun abrigo que lle vai grande e co pelo mal tinguido. A autora proxecta a problemática do encontro íntimo de cada persoa en varias xeracións. Un ten que atopar interiormente nalgún punto do planeta o seu lugar no mundo e a súa raizame. Desde este punto de vista, a novela é un desencontro, maxistralmente deseñado, con todo aquilo que aborrecemos e do que fuximos, pero tamén un encontro, aínda que lento e non exento de dificultades, con todo aquilo do que nos fomos desprendendo a modo de espello retrovisor, como o da portada do libro, por onde imos vendo pasar o tempo.

Na procura das raíces

Na procura das raíces / Pilar Ponte

BARDELÁS, Silvia, Destempo, Barbantesa, Cangas, PVP. 17,10€

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents