Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Desgarrador combate

Poesía para curar

Iria Collazo López (Barro, 1981) dáse a coñecer como poeta con De casa queimada. O título suxire o principal tema da obra, a destrución dun fogar. Das ruínas do que alí habitou (o amor, a infancia, os avós), a autora elabora o seu verso ateigado de melancólica evocación e de non menos nostálxica desolación: “Na cerimonia do vivir, o sagrado nace do vapor da pota/(...)Nunca os veráns volveron ser tan longos”. O ámbito doméstico foi refuxio e quentor nas frías noites da existencia, por iso o vínculo co pasado se tece e se destece coas palabras: “Sabían ben que amar é construír unha linguaxe”. Por conseguinte, cando o desamor asalta a alma os vocábulos acaban sendo devastados: “Deixar de amar é incendiar un dicionario”.

O segundo tema esencial do volume provén do fuxir do Tempo. Con el foxe a nenez e a casa desmorona. O seu rápido paso destrúe simultaneamente os seres que moraron no noso proprio ser, perdidos: “Son meus os ollos desa nena de cervicais frouxas e sorriso de cerdeira?”. Daquela, o mesmo espazo vivido xa non resulta identificábel: “non recoñezo o lugar onde amei”. Pola contra, entre esas catro paredes utópicas circulan as vivencias convertidas en recordos. Como neste verso fermosísimo: “Viamos os pecados arder baixo as alfombras”. Ou no conmovedor poema intitulado 'Lolita', que fala da matanza do porco e da morte da parella do avó.

Finalmente, como nunha experiencia de desdobramento, a poeta nótase escindida. Percibe que, por un lado, existe un eu que solicita compaixón e, polo outro, unha facción de si mesma anhela unha mudanza: “Á parte de min que quixo quedar:/ten clemencia da que che ergue cada día un pensamento”. E nese combate desgarrador só a poesía mitiga o sofremento.

COLLAZO LÓPEZ, I., De casa queimada, Alvarellos, Santiago, 2021, PVP. 9,50 €

Compartir el artículo

stats