Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Terror e misterio

Breve, intensa e diferente

O home das bonecas é, para comezar, unha obra estraña de orixe e de construción ignorada, cuxa xénese real nunca foi explicada. Publicouse como da autoría de Jean-Louis Renaud, personaxe inexistente que encobre, a xeito de sinónimo simbiótico, unha dupla e mesturada autoría, a de Louis Janot e mais Louis Lacroix, dos que non sabemos absolutamente nada. É un misterio aínda non resolto, ocultado polo editor da obra, Henry Floury, que a publicou en París en 1899, sen dar dato ningún.

Estraña foi tamén a publicación material, de só 225 coidados exemplares; e coidada foi, do mesmo xeito, a ilustración, da autoría do pintor e caricaturista Jean Veber, o que nos fai pensar que tal vez o editor fose en realidade o propio autor do texto. Texto, certamente, dunha calidade e precisión asombrosa; e, en galego, en tradución do francés de Xavier Senín, de excelente e meritoria adaptación, logradísima e de lectura moi pracenteira. A brevidade do texto, ademais, fai que flúa de xeito ameno e sen dificultade, a pesar da compresión conceptual, que require de ritmo pausado. Polo dito, recomendo a lectura desta obra breve, intensa e diferente, na que atoparemos unha nova perspectiva. E iso a pesar de que, en xeral, é unha creación debedora da súa época: estilo refinado, atmosfera densa e escura, erotismo mórbido, paixóns vivas e violentas. As bonecas reemprazan as mulleres reais (en certo paralelismo actual, e mesmo virtual), e, case coma hoxe, dáselle máis valor ao ideal que ao real, ao social-irreal que á realidade concreta que temos á man, nunha especie de loucura construída nun mundo íntimo e falso. Ben encadrada na colección “Vólvense os paxaros contra as escopetas”, na temática de “terror e misterio”.

RENAUD, Jean-Louis, O home das bonecas, Hugin e Munin, Santiago, 2021, PVP. 6 €

Compartir el artículo

stats