Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Soldadito español

Militares na gran pantalla

Manuel de la Calva e Ramón Arcusa, o Dúo Dinámico, en "Botón de ancla" (1961).

Hai unhas semanas cumpríronse vinte anos da aprobación do decreto que poñía fin ao servizo militar obrigatorio en España. Dábase, así, durante a lexislatura dun goberno conservador, carpetazo a un período forzoso para todos os mozos do estado español que, a efectos pragmáticos, apenas servía para acumular algunhas anécdotas para seren contadas en anos posteriores. Con esta supresión, nacía en España o exército profesional. Desde a industria cinematográfica, este estamento recibiu un trato acorde coas coordenadas históricas de cada momento.

"Raza" (1950).

Como non podía ser doutra forma, tras da Guerra Civil, o exército erixiuse en protagonista do coñecido como “cine de cruzada”, ambientada no recente conflito bélico e cun marcado carácter propagandístico. A esta categoría pertencen filmes como Escuadrilla (Antonio Román, 1941), El crucero Baleares (Enrique del Campo, 1941), El santuario no se rinde (Arturo Ruiz Castillo, 1949) ou a célebre Raza (José Sáenz de Heredia, 1941) escrita polo mesmísimo ditador Francisco Franco, baixo o seudónimo de Jaime de Andrade e producida polo Consello da Hispanidade. Co actor Alfredo Mallo como o seu alter ego, a película trataba de ofrecer un modelo do que debería ser o cine español, acentuado por uns valores militares, morais e relixiosos. Ademais, como enaltecemento do exército, aínda que non estiveran contextualizadas na Guerra Civil, atopamos títulos como ¡Harka! (Carlos Arévalo, 1941) ou ¡A mí la legión! (1942). En certo sentido, este xénero enlaza coa literatura da épica medieval, que procura un referente común, un exemplo de virtudes no que mirarse e que ademais ofrece un sentimento de identidade nacional e de pertenza a un grupo social. Temáticas recorrentes neste modelo son as pasaxes sobre a actividade da guerra, o ton elevado e sublime, un código militar onde a valentía é máis importante que o amor, e unha situación comprometida na que o heroe ten a posibilidade de amosar as súas capacidades.

Fotograma de "La vaquilla" (1985).

A medida que pasan os anos e o recordo da guerra vai quedando atrás, este xénero vai reducindo a súa presenza na gran pantalla e, ademais, o talante xa non é tan belicoso —cine de cruzada— como nos primeiros anos. Así, o exército quedará como un espazo de boa convivencia e solidariedade propia dunha gran familia. Polo tanto, o humor asoma por estes filmes para outorgar unha imaxe máis afable e cordial, como un lugar de encontro para os mozos que tiñan que cumprir o servizo militar, e así queda constatado con películas como, por exemplo, Botón de ancla, que conta con dúas versións, unha do ano 1949, dirixida por Ramón Torrado, e outra, de 196,1 a cargo de Luis Lluch. Ambas foron rodadas na Escola Naval Militar de Marín e, a pesar do seu estilo moito máis desentendido, o fatal desenlace incide na idea de sacrificio inherente ao estamento militar. Dobre versión tamén atopamos en Recluta con niño (Pedro Luis Ramírez, 1955), con José Luis Ozores no papel protagonista, e Cateto a babor (Ramón Fernández, 1970), desta vez con Alfredo Landa no reparto principal.

Xa na democracia prodúcese un inevitable proceso de “desacralización” a través da comedia dramática Soldadito español (1988), de Antonio Giménez-Rico, do humor insolente en Historias de la puta mili (Manuel Esteban,1993)—co-producida pola TVG—e que estaba baseada nas historietas de Ramón Tosas “Ivá” publicadas na revista "El jueves" ou aínda con La vaquilla (Luis G. Berlanga, 1985), co típico final demoledor que está presente en todas as películas do director valenciano. Pola súa banda, Francisco Regueiro narraba a historia de catro militares, compañeiros da misión de África, entre os que se atopaba Franco. En Madregilda (1993), Regueiro ofrece un filme escuro, onde sempre é de noite, metáfora dos tempos nos que este país estivo sometido a unha ditadura militar.

"Cuñados"

O realizador Toño López, curtido na televisión —Auga Seca, Matalobos— debuta no mundo do celuloide con Cuñados, película producida por TVE, TVG e Portocabo e que conta no reparto con facianas moi coñecidas no audiovisual galego. Miguel de Lira, Xosé Touriñán, Federico Pérez e Eva Fernández interpretan unha comedia que conta coa estética e narrativa propia da ficción televisiva. A estrea terá lugar este venres, e narra a historia de tres cuñados que, debido a problemas económicos, se atopan na obriga de embarcar nunha peripecia disparatada para poder salvar a adega familiar.

Ademais de na capital do Miño, a comedia está ambientada en varias localidades da provincia ourensá, e as súas pretensións non van alén de ofrecer risas e entretemento, explotando a vistosidade de moitas das súas localizacións, que apostan pola reivindicación paisaxística da nosa terra e cun humor afable e moi próximo.

Con esta aposta, o cinema galego amosa a versatilidade da súa oferta actual, capaz de ofrecer propostas alternativas ao cine comercial —Ons, Nación, A illa das mentiras— e, tamén, como é o caso de Cuñados, un produto que entronca coa comedia hispana máis convencional, propicia para que os espectadores cinematográficas comecen a retomar o contacto coas salas de exhibición.

Compartir el artículo

stats