Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Esperanza Mariño Davila | Filóloga

“A poesía de Díaz Pardo ten un enorme valor literario e social”

Esperanza Mariño Davila. Santos Díez / AELG

Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa, ensaísta e tradutora, Esperanza Mariño Davila foi a encargada da edición de A mensaxe entre as sombras. Obra poética de Isaac Díaz Pardo (Xerais), na que se reúnen os textos poéticos publicados polo artista compostelán ao longo de medio século (1955-2007).

–Como chegou a Vde. o coñecemento de que Isaac Díaz Pardo tiña unha obra poética?

–Coñecía desde había moitos anos os carteis de cego a través de diversas exposicións do artista en Compostela. Porén, a orixe do libro comezou tras a creación nesta cidade da Academia Real Isaac Díaz Pardo (ARIDP, 2013-), alicerzada no cabodano daquel e coa que colaboro desde a directiva, baixo a presidencia de Xesús Alonso Montero: o intelectual vigués-ribadaviense comentárame a existencia dos dous primeiros poemas na revista ferrolá "Aturuxo"; o tema semelloume interesantísimo e a partir de aí decidín iniciar, moi en serio, a investigación.

–Supoño que sería un traballo enorme atopar todos estes poemas, xa que a obra poética de Díaz Pardo está dispersa en revistas, folletos, follas soltas… Como foi ese traballo de “recolleita” engadido ao seu correspondente labor de contextualización?

–O labor resultou unha verdadeira aventura, porque podía atopar algo ou ben “mallar en ferro frío”. Mais adoro os retos literarios e decidín arriscar, aventurarme na procura do tesouro, no que realmente acreditaba. E si, tratouse dunha inxente tarefa; tamén a contextualización constituíu unha xeira complexa de sete anos, tanto pola extensa bibliografía que debín manexar como polo contido críptico que ás veces manifestan os seus poemas.

–Este libro vén de sorprender propios e estraños. Sábese que Díaz Pardo escribía, pero non tanto que cultivara a poesía. En xeral, que valor literario lle dá vostede ao conxunto de todos estes poemas?

–Non só me parece dun enorme valor literario, senón tamén lingüístico e social. Sitúa nun espazo propio a literatura de Isaac, antes case acurrunchada e que agora se revaloriza rotundamente; ademais, a súa evolución lingüística resulta interesante por insólita e, debido ao forte vencello social de toda a súa obra, facilita o coñecemento das diversas épocas históricas ao longo do máis de medio século -ditaduras, colonialismo, (pseudo)democracia- que atravesaron el mesmo e as nacións onde habitou: Galiza, España, Arxentina. E mediante unha metáfora, mesmo o antigo Congo Belga, onde denuncia o colonialismo depredador.

–En que etapa ou etapas da súa vida escribiu Díaz Pardo máis intensamente poesía?

–Non se pode acoutar en ningunha etapa específica, pois trátase dunha actividade esporádica; con todo, a época máis prolífica deuse na década dos 70 cando escribe a maior parte dos carteis de cego.

–Cales son os temas que máis abundan na obra poética de Isaac?

–Dentro da multiplicidade temática, cómpre destacar o compromiso coas causas xustas, vertidas de xeito directo a través da denuncia da emigración, do asoballamento e atraso de Galiza e á vez, a da inxustiza social en calquera lugar do mundo.

–Observou algunha influencia clara doutros poetas na poesía de Díaz Pardo? Cales deses outros poetas (e correntes poéticas) podería salientar?

–Non se pode adscribir a ningunha corrente poética, pois a súa ansia de liberdade rexeita a coerción de correntes ou escolas; en calquera caso, resulta evidente e fulcral a influencia de dous grandes autores: Rosalía de Castro e Celso Emilio Ferreiro.

–Non falta quen pense que, se en vez de se dedicar a poñer en pé as súas empresas (nomeadamente O Castro e Sargadelos), Díaz Pardo insistise na súa vocación pictórica, seguramente se tivese convertido nun dos artistas galegos máis internacionais do século XX. Pasaría o mesmo se se tivese centrado na literatura?

–Podería ter sido un extraordinario pintor, con certeza, pero aborrecía pintar retratos e cadros para a acicalada xente burguesa -a única que podía financiar esta arte- e, sobre todo, esa pintura non manifestaba un férreo compromiso co pobo galego para transformar a sociedade, que era exactamente o que el procuraba.

Por outro lado, tanto a Guerra Civil como a Ditadura condicionaran de maneira sórdida a vida de Isaac e da familia de seu: a censura impediulle publicar libros en Galiza por subversivos, logo impresos en Buenos Aires mais infelizmente pouco coñecidos mesmo na actualidade. E o “Caudillo”, que fora colega de Camilo Díaz Baliño no Colexio Dequidt de Ferrol e do que se lembraba perfectamente, cando soubo que o fillo devira pintor de sona convidouno a decorar o xigantesco e apoloxético mausoleo sito no val de Cuelgamuros, máis coñecido como Valle de los Caídos. Como Franco rexeitaba un non por resposta, e Isaac prefería que lle cortasen unha man antes que colaborar cos que inmolaran o pai e expoliaran a familia, viuse obrigado a buscar unha escusa, e obtívoa mediante o abandono da pintura a prol da inmersión absoluta na creación dunha primitiva fábrica de cerámica, a do Castro. En resumo, podería ter sido un artista galego brillante; porén, dadas as circunstancias, mercantilizado polos poderes, fácticos ou non; semellante exercicio puramente egolátrico xamais lle interesou, de aí o seu prematuro abandono: non importaba a súa “carreira”, senón Galiza e as causas xustas.

Como Isaac era excelente en todo canto traballaba, así mesmo podería ter desenvolvido un orixinal, prolífico e interesante percurso literario, mais preferiu priorizar, por exemplo, a súa faceta de editor coa creación das Ediciós do Castro, que axudasen a recuperar a memoria histórica solapada adrede polo franquismo, o que conseguiu nunha non pequena medida.

Cumpriría meditar seriamente logo sobre todo este asunto antes de emitir un xuízo, xa que o falar non ten cancelas...

Por que elixiu o título d’A mensaxe entre as sombras?

–O título non é casual, por suposto. Isaac tratou moitísimo a nivel temático a alegoría da cegueira ou das xentes que ven sen miraren e, sobre todo, sen comprenderen pero á vez e paradoxalmente, tamén a figura do cego que pode ver máis que a maioría, seguindo o refrán popular “Para pasar por cego hai que ter moita vista”; alén diso, resultan ben coñecidos os seus debuxos e pinturas con personaxes de grandes ollos abertos dun xeito rechamante. Consonte o anterior, el mesmo escolleu o pseudónimo literario do “Cego Zago” (na realidade, Isaac tiña serios problemas de visión nun ollo).

Como resulta tan significativo na súa vida e na súa obra este tópico da cegueira, quixen crear unha antítese entre a luz da sabedoría -a súa descoñecida mensaxe- e as simbólicas negras sombras que a rodeaban.

Compartir el artículo

stats