Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

"A outra banda do Íberr"

Unha peza de Xohana Torres

Xohana Torres (1929-2017), nun debuxo de Laxeiro (1968).

Con edición, moi coidada, de  Engaiolarte, na Biblioteca Xohana Torres, chegaba o ano pasado ás librerías unha peza fundamental na literatura dramática galega contemporánea, editada inicialmente por Galaxia en 1965. Presentada ao Concurso Castelao de Teatro Galego, na edición de 1964, a primeira das tres que houbo, resultaría finalista, sendo a gañadora Cando morren os faroles de Ángel de la Peña Carrillo. O dito concurso fora convocado pola Asociación Cultural O Galo, creada en 1961, na que se puxeron en marcha iniciativas pioneiras naquel tempo, como un cadro dramático dirixido por Rodolfo López Veiga, ou unha escola de teatro, dirixida por Antón Concheiro Caamaño. Historias do teatro aínda por escribir coa fondura que merecen.

Na altura en que se publica a peza de Xohana Torres, a literatura dramática galega estaba iniciando unha nova andaina, e non eran moitos os textos nos que buscar modelos, ben que xa se publicaran O desengano do prioiro (1952), de Ramón Otero Pedrayo, Vieiro Choído (1957) de Xosé Luís Franco Grande, O incerto señor don Hamlet (1958) de Álvaro Cunqueiro, 20 pesos crime (1962) de Bernardino Graña, ou Orestes (1963) de Arcadio López Casanova. Neste último xa abrolla unha liña de traballo moi presente na literatura dramática europea ou americana, como foi a recreación de motivos tirados da tradición grecolatina. Así o fai o francés Jean Anouilh nunha das súas pezas máis celebradas, Antigone, estreada en París en 1944, durante a ocupación nazi, que será traducida para o galego por Franco Grande e Xosé Manuel Beiras, e escenificada en 1959 polo cadro de declamación de Cantigas e Agarimos con dirección de Rodolfo López Veiga. Velaí, sen dúbida, un modelo a considerar.

A autora, no momento de entrar a formar parte da RAG (2001).

O texto de Xohana Torres presenta cando menos tres niveis posibles de análise. Dunha banda, temos o conflito político derivado da invasión de Galandia, país que está situado na banda esquerda do río Íberr, segundo se descende pola foz que enche o mar, o que provoca a fuxida á banda dereita dunha poboación desterrada, exiliada, que malvive na miseria e coas lembranzas. Pola outra, algo saberemos dos problemas para a organización da resistencia na banda dereita, pero tamén das medidas do exército desta banda para controlala e mesmo para controlar os invasores de Galandia na outra beira do río, espazo de tránsito vedado e prohibido que tamén é espazo de morte, como semella que lle acontece a Ekoar Lois, cando tenta volver ao seu país. E dicimos semella, porque a peza ten a virtude de non dar conta de todo o que acontece, xerando numerosos ocos e baleiros que cada quen debe encher segundo mellor entenda. Finalmente, a peripecia vital de Malen de Escó, muller que o texto secundario nos presenta caracterizada cunha “fráxil melancolía que deberá acompañala sempre”.

  • Adeus a Xohana Torres

    Unha das voces máis destacadas das letras galegas contemporáneas

Nesas direccións, o texto admite lecturas diversas; unha delas, quizais a máis relevante, teña que ver coa historia de vida de Malen. Por aí a peza abandona os territorios da alegoría, que abrolla da denominación do río que separa dous países, e sitúase nos marcos da filosofía existencialista, daquelas moi estendida en toda Europa, tamén en España e mesmo en Galicia. Mais por esta beira da Iberia, tamén collía pulo o estudo da saudade, estado anímico que define moi ben unha muller que reclama liberdade para decidir o seu futuro fronte aos uns e aos outros; fronte aos pragmáticos que como seu home só habitan o presente, e fronte aos idealistas, compañeiros de mocidade, que só enxergan futuro na terra redimida. Matria fronte a patria?

Nas súas perdas e renuncias, que son moitas, Malen encontra a única forma de afirmar a súa vontade de ser muller, libre e sen outras ataduras que a ditosa saudade que a vai acompañar sempre. Velaquí un texto magnífico, froito temperá dun tempo en que esperanza e frustración camiñaban da man polos vieiros todos da existencia.

Teatro Estudio de Ferrol

Nun artigo de 2013, publicado en Diario de Ferrol, Vicente Araguas lembra os tempos en que formou parte dunha compañía afeccionada de teatro, o Teatro Estudio, promovida polo director do Instituto Concepción Arenal, Victorino López González, e onde Alfredo Osset ou José Antonio Blanco asumían a dirección escénica. Aquel grupo presentaría espectáculos con obras de Camus, Brecht, Chekhov, Valle-Inclán, Anouilh ou Ionesco, e as funcións adoitaban celebrarse no Teatro Jofre. Nese grupo, ao que o xornalista José Torregrosa ten dedicado algún traballo interesante, colaboraba Xohana Torres, e participou como actor Francisco Rodríguez Sánchez.

Na historia do teatro en Galicia, xogaron un papel fundamental estes grupos que, malia utilizar o castelán na escena, animaron teatralmente moitas vilas e cidades, en ocasións presentando textos e autores de verdadeira actualidade. A súa historia, en moitos casos, está aínda por reconstruír, pero felizmente contamos con persoas que gardan memoria, material e inmaterial, de tantos e tantos aconteceres escénicos. Velaí unha liña de traballo necesaria da que se debería ocupar o tantas veces reclamado Centro Galego de Documentación Teatral. Porque a historia, como dicía Don José Ortega y Gasset, permite comprender o presente e axuda a facer futuro.

Compartir el artículo

stats