Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De "O pacto do letargo"

Crítica social e thriller fantástico

Portada do libro "O pacto do letargo".

Cada vez que Miguelanxo Prado (A Coruña, 1958) publica un cómic, tanto os medios coma os lectores aplaudimos coas orellas. O autor conta con máis de corenta anos de carreira ás súas costas (e que carreira!), o Premio Nacional do Cómic de España (2013), o Premio Cultura Galega das Artes Plásticas (2015) e case cada unha das súas obras é gañadora do Premio á mellor obra no Salón do Cómic de Barcelona: Quotidiania delirante (1989), Trazo de Tiza (1994), A mansión dos Pampín (2005), Ardalén (2013), Presa Fáciles (nominada, 2017).

O seu último traballo, O pacto do letargo, non foi menos. Trátase do primeiro do que se proxecta como unha triloxía e tivo un lanzamento case simultáneo en tres idiomas. Apareceu en Francia, en xaneiro do ano pasado, baixo o título Le triskel volé (Casterman, 2020). A edición en castelán, programada para abril, pospúxose polo mesmo motivo polo que se pospuxo todo; finalmente, publicouse en agosto e, como a maioría dos labores de Prado, da man de Norma Editorial. Nese mes puidemos gozar da edición en galego, por parte de Retranca Editora: unha entrega incrible a cargo de Kiko da Silva (Vigo, 1979) con cartoné con sobrecuberta en acetato transparente e portada interior en papel cebola; impresión mate en papel de gramaxe alto que reproduce as cores dunha forma vibrante. Todo un luxo a un prezo moi axustado.

Moitas recensións escribíronse xa desta obra, como non podía ser menos, pero é un bo momento para volver falar dela polo seu ton e a súa mensaxe. Ademais dun thriller fantástico, O pacto do letargo conforma unha crítica social e unha pequena oda ao ecoloxismo. A natureza non só existe na primavera; pero por ser esta, quizais, unha das tempadas nas que máis se goza dela, convén lembrar que toda boa relación debe ser equilibrada. O seu ton, máis lixeiro que noutras novelas do autor, convértea en accesible para todos os públicos e unha boa opción para lectores noveis.

Miguelanxo Prado. FdV

O pacto do letargo sitúanos nalgún "punto indeterminado" de Galicia —aínda que os e as compostelás recoñecerán algunhas das localizacións—. A través de Artur Rego, un bolseiro doutorando, vémonos inmersos na procura dun tríscele perdido que parece ser a clave para resolver un misterio que mestura mitoloxía e realidade. Os Máxicos, Puros e Demos espertaron dun letargo voluntario no que estaban sumidos. Pero fixérono antes de tempo. O pacto dicía que espertarían se se cumprían dous escenarios: ou ben a humanidade reconciliouse coa natureza e é capaz de vivir en paz co resto dos seres vivos ou ben a humanidade foise extinguir. Xamaín, señor dos Demos, e Grian, señor dos Puros, teñen diferentes aproximacións ante este incidente e tamén respecto a como deberían proceder cando descobren que o ser humano voltou aínda máis egoísta, ambicioso e cruel do que lembraban. Así, a premisa pon no punto de mira a condición humana; tenta un debate acerca da eterna dicotomía entre ben e mal representados nas culturas e relixións como dúas castas antagónicas e que, en moitos casos, parecen ser algo externo e alleo, coma se o resultado do que pasa no mundo fose culpa de "outros". Quizais o ser humano sexa capaz de todo ou quizais sexan nocións demasiado estancas e obsoletas. Os personaxes que desfilan pola obra son unha mostra diso. Non todos son "malos", se queremos empregar ese termo, pero abundan os personaxes avarentos e corruptos; violentos e covardes. Xa que logo, máis que diante dunha crítica social, atopámonos cunha crítica cara á humanidade e a súa forma de relacionarse entre si e coa natureza. Ademais, nun segundo plano, xorde outra crítica, bastante realista, da corrupción no mundo académico.

Aínda que o argumento e a mensaxe da obra poden caer algunha que outra vez en lugares comúns, o tratamento que se fai deles, así como do xénero fantástico, é orixinal. Un enfoque desmitificador, moi naturalista, que non presenta enfrontamentos épicos e tenebrosos no medio da escuridade da noite. Ao contrario, as interaccións entre os opostos ocorren no medio da natureza, a plena luz do día e son, maioritariamente, dialogantes. Unha visión cotiá do mundo máxico, aínda que soe contraditorio.

Luxo para unha obra de luxo

A narrativa de O pacto... é fluída e eficaz, facendo que a historia avance de forma trepidante e a bo ritmo en case todo o traballo. As escenas están moi ben pensadas e secuenciadas, sempre lideradas por diálogos cribles e con contido. Con todo, a acción final é bastante abrupta e precipitada. Rompe un pouco co ritmo do resto do cómic. Pero hai que lembrar que se trata dunha triloxía e que, aínda que a conclusión podería estenderse un pouco, non desmerece en absoluto a obra. Canto ao estilo, Miguelanxo Prado xorde soberbio: uso harmónico das acuarelas, cunha paleta predominante de verdes e ocres, que rompe intencionadamente con azuis e violetas. Monocromo beige para as escenas do pasado.

As composicións son bastante académicas. Divide cada páxina case como unha retícula, catro tiras cun número variable de viñetas. Apoia a expresividade nos personaxes, xa que o relevante está neles e a historia que nos contan, e calquera recurso está ao servizo do guión. O deseño dos personaxes é moi coidado, anguloso pero máis suavizado que en ocasións anteriores. O protagonista absoluto é o ambiente, unha contorna rural ben definida e chea de detalles. En fin, as tipografías empregadas tamén foron deseñadas por Prado. O resultado, unha edición de luxo para unha obra de luxo.

Compartir el artículo

stats