Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Na xeira do capitalismo

Historia do pensamento (XVI)

Vista parcial do centro histórico de Amsterdam (Países Baixos).

Nos anos posteriores á clausura do Concilio de Constanza (1418), no que a Igrexa daba por superado o longo conflito interno que supuxera o Cisma de Occidente, a Igrexa terá que enfrontarse a tres novos grandes desafíos: a adaptación da doutrina aos novos tempos, a necesidade de dotar dunha nova identidade ‘nacional’ aos estados modernos e as tensións que están a xurdir no campo.

Do reformismo luterano á contrarreforma católica: O obxectivo final do Concilio de Letrán (1517), convocado polo papa Xulio II, foi reafirmar a autoridade papal -nun proceso paralelo ao que estaba a suceder nas principais monarquías europeas cos seus monarcas-, condenando definitivamente o conciliarismo -unha doutrina que consideraba que a Igrexa era unha comunidade de fieis, polo que a autoridade do Papa debería estar sometida ao poder asembleario do concilio-. Así mesmo, no transcurso dese Concilio confirmouse un corpo doutrinal que motivou a reacción de Lutero, quen, segundo todos os indicios, ao pendurar as súas 95 teses na porta da igrexa de Todos os Santos de Wittenberg o 1 de novembro de 1517, tan só pretendía abrir un debate académico. Porén, a oposición mostrada pola xerarquía eclesiástica e a súa negativa a retractarse na Dieta de Wörms (1521), cando se declararon heréticas as teses luteranas, provocou un conflito no que os intereses políticos -manifestados no enfrontamento entre a liga de príncipes luteranos (Esmalcalda) e católicos (Nuremberg)-, prevaleceron sobre os teolóxicos, como proba o feito de que o Ínterim de 1548 recoñecese algunhas concesións aos príncipes luteranos e a Paz de Augsburg (1555), na que se acorda que a relixión do estado será a do príncipe.

Representación do Concilio de Trento (1545-1563).

Ora ben, cal era a diferenza decisiva entre a doutrina de Lutero e a católica? Fronte a xustificación pola fe e as obras do catolicismo -doutrina ratificada no Concilio de Trento-, Lutero sostén que só a fe nos fai xustos ante Deus; neste sentido, Lutero entende que o home é pecador, isto é, ofende a Deus sen poder evitalo, polo que se pode liberar de todas as normas opresoras do catolicismo -incluída a caridade-, pero á vez confía en Deus, que o salva mediante a fe. Velaí a razón pola que Lutero reclama unha lectura persoal da Biblia, que vai traducir ao alemán, como única fonte de saber, o que deriva no rexeitamento dos principais dogmas do catolicismo (encarnación...). Un camiño semellante ao que transitarán Calvino e o anglicanismo, iniciado como un conflito de autoridade entre o rei Henrique VIII e o papa Clemente VII.

Trento

Fronte a este corpo doutrinal, instáurase a Inquisición romana (1542) para perseguir os herexes e reúnese o Concilio de Trento (1545-1563), no que se reafirma a autoridade papal, confírmanse os sete sacramentos e formalízase o dogma católico nun catecismo, dos que o de Astete (1599) foi un dos máis populares.

A Igrexa fronte ás mobilizacións campesiñas: Ao longo da historia hai abondas mostras de presenza de membros do clero nas filas dos movementos sociais, mesmo liderándoos; velaí está o exemplo de John Ball, John Wyclif ou Jan Hus. Esa presenza do clero promovendo ou liderando o malestar social, visibilizouse de novo durante a revolta liderada por Hans Böhm (1476) e nos levantamentos de campesiños, como o liderado polo padre Konrad en Wurtemberg (1514), que se sucederon entre os anos 1493 e 1517, e que acadaron a súa máxima expresión durante a guerra campesiña liderada por Thomas Müntzer (1524-5). Así e todo, xerarquía eclesiástica, en tanto que aparello do Estado encargado do ‘coidado das almas’, sempre foi contraria a eses movementos, situándose do lado dos opresores dese pobo campesiño, tanto ten que fosen príncipes protestantes (Lutero opúxose a Müntzer) ou católicos.

Clases e nacións

Nun momento no que se están a desenvolver as principais estratexias de acumulación orixinaria do capitalismo: a explotación dos recursos auríferos e arxentíferos de América Latina; o sometemento da poboación indíxena mediante a ‘mita mineira’; o secuestro de milleiros de homes e mulleres libres de África escravizados en América..., que definiron o novo sistema-mundo capitalista que situaba no centro ás potencias hexemónicas de Europa -primeiro Castela e Portugal e máis tarde os Países Baixos, Inglaterra e Francia-, mentres que reducían a América e a África á condición periférica, era preciso dotar a esas potencias dunha identidade que servise de elemento de cohesión.

Esa misión, dotar ao estado dun corpo social natural, vai cumprila a relixión ao dotar a eses modernos estados ‘nacionais’ dun elemento identitario común arredor do cal aglutinar aos grupos sociais que posuían intereses enfrontados. Velaí está a expulsión dos xudeus dos reinos de Castela e Aragón (1492), Portugal (1496) e Navarra (1498) e a conversión forzosa dos musulmáns (1502) en Castela, en tanto que primeira expresión dese papel identitario da relixión nas potencias hexemónicas entre 1450 e 1550. Un papel que tamén está detrás das guerras de relixión entre católicos e luteranos que concluíron coa Paz de Augsburgo (1555), nas guerras de relixión entre católicos e hugonotes que remataron co Edito de Nantes (1598) e nos Países Baixos, onde a relixión calvinista foi o elemento que vertebrou a nación holandesa fronte ao dominio castelán na guerra pola independencia.

Así mesmo, mediante a persecución da bruxería a Igrexa contribuíu a consolidar o patriarcado ao servizo do capitalismo, como sostén Silvia Federici.

Compartir el artículo

stats