Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Lecturas edificantes

Cunha cosmogonía feble

Cobiza -I Premio Pinto e Maragota- desenvólvese en dous futuros. Nun deles, xa nos prolegómenos da catástrofe ecolóxica, seguimos a biografía de Luz Divina, quen logo será creadora dunha nova especie intelixente, evoluída dos vexetais, cuxos membros son escravizados polas clases dominantes que gobernan o planeta, xa completamente afectado pola regresión tecnolóxica. Nese contexto enténdese a temática principal desta novela, ao redor de cuestións básicas sobre a construción do xénero e a repartición cultural dos roles sexuais, moitas delas tomadas das reflexións da filósofa Judith Butler.

Estamos diante dunha ficción non literaria que esquiva a vontade estética para se centrar nas vivencias dos personaxes e nos conflitos que permitan revelar os ideoloxemas dos que parte a narración. Nese sentido, Reimóndez acerta ao compoñer un relato das desposuídas da historia: escravas que, malia o escenario futurista, refire constantemente a experiencias realistas como o tráfico de seres humanos (principalmente desde África), a vida das criadas ou a industria do aluguer dos ventres fértiles. Nese eco, as voces da novela gañan en interese máis alá do evidente e permiten paralelismos máis substanciosos ca o simple esquema de distopía futurista.

E é ben porque nese esquema a novela falla. A autora optou por un mundo onde todo o que podía ir mal foi mal agás o capitalismo. É un futuro do tipo exterminista (xerarquía e escaseza), por definilo en termos de Peter Frase, ao que se opón a mensaxe emancipadora dos testamentos de Luz Divina, cuxo discurso revolucionario pasa pola abolición dos xéneros e a desigualdade que estes implican como vía cara á harmonía que restableza o equilibrio natural. Mais a cosmogonía da novela é feble, acugulada de tópicos e medos do presente. Outravolta, ese futuro bebe do pasado. Demasiado.

Mais no fondo ese deseño non é prioridade da autora, quen só o usa como atmosfera milenarista, apocalíptica na que situar o seu discurso redentorista. Nese sentido, Cobiza está emparentada coas tradicionais lecturas edificantes, haxiografías ou exemplos para ensino de quen le. Perante un mundo que cae, unha profeta-redentora (Luz Divina) propón unha vía de salvación, a promesa que permita superar os tentáculos dese mundo vello que se resiste a desaparecer.

A lectura de Cobiza, aínda que sexan dous libros que nada teñen a ver, pódese combinar c’O Reino, de Emmanuel Carrére, que persegue a creación da Igrexa cristiá a partir dos evanxelistas e primeiros santos e predicadores. É moi significativa en ambos os casos a relación entre a certeza da xustiza do presente e a ambivalencia de sentimentos cara ao futuro: medo á fin do mundo e esperanza nunha alternativa humanista, igualitaria e compasiva.

REIMÓNDEZ, María, Cobiza, Xerais, Vigo,2021, PVP. 17,38 €

Compartir el artículo

stats