Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónica de Lourido

Un debuxante vigués na diáspora bonaerense

Portada de Suevia (1916), cun debuxo da man do autor vigués FdV

Nacido en Vigo, Manuel Fernández Lourido -artisticamente Lourido- comezou a súa formación na, daquela (1898), recén inaugurada Escola de Artes e Oficios onde, conxuntamente cos seus irmáns José e Valeriano, acudiu deica o curso 1909-10.

Foi en 1911 cando por primeira vez participou nunha exposición de caricaturas xunto ao debuxante Rafael Fuembuena no salón da Sociedade “La Oliva”; en outubro dese mesmo ano, o noso protagonista embarcou no vapor Araguaya da Mala Real Inglesa rumbo a Río de Xaneiro cun cartafol cheo de debuxos e ansias de abrirse futuro. O aval de , que publicara unha foto do artista e unha mostra daqueles debuxos na revista Vida Gallega, permitíulle chegar ao Brasil como redactor para a revista viguesa que estaba asentándose en América. Acompañábao a súa dona, Eva Montenegro, emparentada co que sería fundador de Vulcano, Enrique Lorenzo.

Autorretrato de Manuel Fernández Lourido, “Lourido”

Autorretrato de Manuel Fernández Lourido, “Lourido” FdV

Ao pouco tempo deu o salto cara a Bos Aires onde entrou en contacto cos galegos que formaban parte do xornalismo da diáspora, se ben que os inicios na capital arxentina non foron moi fecundos xa que non foi doado que entrase no círculo de ilustradores da cidade. Entón, foi a través do Centro Gallego como contactou con outros debuxantes galegos que vivían na capital bonarense, comezando a publicar na revista do Centro e no Correo de Galicia. Lourido xa enviara tamén daquela debuxos ao salón dos caricaturistas da Exposición de Pintura Regional Gallega organizada polo Centro Gallego de Madrid en 1912.

Un primer intento de la revista Vida Gallega, en 1904

En 1913 comezaba a editarse en Bos Aires a revista Suevia, revista gallega regionalista, dirixida polo pontevedrés Joaquín Pesqueira, que contaba desde o seu primeiro número coa colaboración de ilustradores como Federico Ribas, Castelao, Basanta ou o catalán Juan Ardit. Lourido publicaba nela retratos de persoeiros como Canitrot, Fortunato Cruces ou dos poetas Ricardo Barros e Alejandro Miguéns Parrado. Na segunda etapa da revista, a partir de 1916, xa acadaba un maior relevo cunha páxina completa na que estaban presentes a crítica social, a evocación da vida campesiña galega ou da paisaxe cotiá, como os debuxos que realizou para algunhas capas da revista.Nesa mesma altura foi coñecer a José María Cao Luaces, fundador do Eco de Galicia ou La Bomba, e un dos pais da ilustración humorística política na Arxentina que chegaría a dirixir a emblemática Caras y Caretas.

Alí Lourido publicaba xunto ao vigués Federico Ribas, Juan Carlos Alonso e outros debuxantes que xa estaban a traballar nas revistas galegas da Arxentina. Asemade Lourido mantiña vinculación con Galicia a través das publicacións galegas no Río da Prata e tamén co achegamento á política galeguista, moi presente nos grandes centros da emigración; así en 1914 estivo no grupo encargado de recibir a visita do arquitecto Manuel Gómez Román.

Portada de Suevia (1916), cun debuxo da man do autor vigués "Lourido" FdV

Compaxinando durante algún tempo a carreira de ilustrador xornalístico coas clases nocturnas de debuxo e pintura na Agrupación Artística Gallega de Bos Aires, pasou a formar parte tamén da directiva da Asociación Cultural “A Terra”, creada co obxectivo de divulgar a cultura e a arte galega e para a que debuxou a súa alegoría en 1917. Porén, en 1920, unha doenza acabou coa vida de Lourido, quen morreu no Sanatorio Español de Beneficencia de Temperley. Deixaba viuva e dous fillos pequenos. A mala situación familiar conduciu a Eva Montenegro a emprender o camiño de volta a Vigo, onde morreu, á súa vez, en 1927.

Revista Céltiga del 25 de julio de 1925 con uno de los dibujos de Lourido en la portada

Revista Céltiga del 25 de julio de 1925 con uno de los dibujos de Lourido en la portada

A revista arxentina Céltiga aínda lembraba o artista vigués en 1925 e referíase a unha obra que, no momento da morte, “comenzaba a inquietar y a producir sarpullidos en la hipodermis estética de Buenos Aires”.

A temática dos debuxos de Lourido foi diversa, desde a caricatura de persoeiros da cultura galega residentes en Arxentina ou Galicia (en 1921 publicaba unha de Valle-Inclán na revista Plus Ultra), á sátira política ou ás lembranzas do mundo rural galego que deixara atrás. A proposta estética de Lourido estivo baixo dúas influencias: a liña sintética e a expresividade de Castelao e o debuxo de liñas claras de corte modernista que caracterizaba o debuxo de Ribas.

A morte ceda deste artista cortou a progresión e mais a transcendencia da súa obra, aínda que a súa pegada quedou patente na ilustración arxentina de comezos do século XX.

Compartir el artículo

stats