Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os brancos segredos do seu ventre

Obras da Fundación RAC na Cidade da Cultura

Inauguración da mostra de obras da Fundación RAC na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela). |

O Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura, presenta na exposición Os brancos segredos do seu ventre unha selección de cincuenta e tres de obras procedentes da colección da Fundación RAC de Pontevedra, unha das máis importantes do noso país dentro da arte contemporánea. A salientar a atractiva e coidada proposta da comisaria Bea Espejo, que supera as dificultades espaciais do Museo Centro Gaiás cunha montaxe limpa e vistosa, ao tempo que fai referencia metafórica á arquitectura da Cidade da Cultura por medio da cita do Moby Dick de H. Melville que dá titulo á exposición.

Unha das obras da exposición.

O proxecto suxírenos dúas liñas de reflexión, ambas de enorme actualidade no panorama artístico contemporáneo. En primeiro lugar destaca o que respecta á orixe dos fondos expostos, xa que se trata dunha escolma da Colección RAC, unha institución que incorpora ao seu programa de promoción e conservación da actividade artística, lonxe do simple coleccionismo. Para o propietario, Carlos Rosón, o mesmo concepto e punto de partida como coleccionista, incluso desde a perspectiva da adquisición de obras, semella conformar unha postura de diálogo coas diferentes creacións, ás que dota dun papel relevante, ao tempo que actúa como axente creativo que permite que as obras dialoguen entre si, o que posibilita e facilita o xurdimento dunha grande diversidade de lecturas.E vén ser este último aspecto é o que nos leva á segunda faceta que a mostra nos ofrece, porque o que se nos presenta nas obras escolmadas pola comisaria Bea Espejo é unha reflexión sobre conceptos xenéricos, baseados en xogos cromáticos, ao partir do branco e acabar no negro, que permite subliñar ligazóns entre producións e procesos, por medio de artistas de diferentes xeracións, desde figuras das vangadas de posguerra até creadores novos de estrita contemporaneidade.

Outra das obras expostas.

Para desenvolver o enleado tecido de liñas que converxen nos fondos da colección, parte no seu discurso dun presente rigoroso que ilumina tamén a tradición da modernidade, velaí a presenza de Antoni Tàpies, José Guerrero ou Joseph Beuys, aspecto que permite poder ler as obras na súa total instantaneidade, mais tamén como froito dunha rica e activa tradición.

Título: Os brancos segredos do seu ventre

Comisariado: Bea Espejo

Local: Museo Centro Gaiás, Cidade da Cultura,

Santiago de Compostela. Até o 5 de setembro de 2021

O conxunto de obras e autores presenta nomes moi destacados do panorama internacional como Imi Knoebel, Benjamín Torres, Tracey Moffatt, Julião Sarmento, John Baldessari, Tacita Dean, Roman Signer, Sofía Táboas, Iván Navarro ou Ernesto Neto. Nesta escolma non faltan artistas españois con proxección internacional, como Ignasi Aballí —autor do proxecto da representación española na vindeira Bienal de Venecia— Carmen Calvo, Eulalia Valldosera ou Pepe Espaliú. A respecto da presenza de galegos, é importante na colección de Carlos Rosón a incorporación de obras de Diego Santomé, presente no Museo Centro Gaiás a carón de pezas de Rosendo Cid, Marcos Covelo, Sara Coleman e Ángela de la Cruz. Por medio da obra destes creadores, o espectador pode percibir os elementos de continuidade da longa tradición plástica e detectar constantes formais e temáticas provenientes da pintura e escultura das vangardas do século XX en diferentes soportes (lenzo, vídeo, fotografía...) nun continuo diálogo do que se pode tirar a conclusión do peso na arte actual da variedade de técnicas que amosan a súa vitalidade ao hibridizárense nos diferentes soportes e transmitiren a súa estrutura profunda, a ligazón coa tradición da visualidade.

Instalación que forma parte da mostra no Centro Gaiás.

Diálogos desde a modernidade

Estes procesos tamén evidencian, certamente, as tensións da sociedade actual, as súas pulsións, e permiten percibir a situación da arte actual mergullada nun vieiro de tránsito, xa que nela se poden enxergar procedementos que a sitúan nun constante desprazamento, mesmo físico, cara a outros soportes e mundos visuais, un tránsito que tivo momentos fulcrais no contexto da vangarda histórica, en especial na obra de pintores como Malevich, que levaron ao seu límite, ao situaren a arte nunha experiencia limiar e abisal ao tempo.

Porén, de cinguírmonos ao presente, este sitúanos máis alá dos debates da vangarda histórica, como poderían ser os que se centraban na dicotomía abstracción-figuración; encádranos nun proceso distinto –o do noso presente- en que a arte é plenamente consciente da súa historicidade, mais tamén da súa carga de intensa cultura visual, de xeito que para moitos artistas a obra devén en reflexión metaartística, coa propia arte a funcionar como inspiradora para as novas creacións. Os campos de exploración van desde o diálogo coa historia da arte ao mundo dixital como novo territorio de narración, sen esquecer as diferentes representacións da realidade fragmentada, ou a utilización e reflexión sobre o tempo para conseguir un tipo de percepción diferente e máis profunda.

A teor do observado na mostra do Gaiás, o resultado presentado é un interesante mosaico de certos aspectos da arte actual que nos transporta a sensacións como cromatismo, fugacidade, ambigüidade, emocións intensas ou circunstancias vitais. Un proxecto, pois, ateigado de atractivas suxestións.

Compartir el artículo

stats