Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Poeta Seoane

Unha acertada reedición

Poeta Seoane

Entre as múltiples facetas creativas do pintor Luís Seoane está a poesía que publicou en Arxentina. Libros con fermosas ilustracións do autor chegados de Buenos Aires vendíaos en Vigo o vello Patiño, en Librouro. Pero eses libros pouco accesibles só se atopan hoxe nalgunhas bibliotecas, nas librerías de lance ou se venden como xoias en Internet. Por iso é un motivo de alegría a publicación polo Consello da Cultura Galega de Fardel de eisilado, en edición facsimilar da que editou Ánxel Casal en Buenos Aires en 1952, con debuxos de emigrantes do propio Seoane. O libro conta cun sisudo, extenso e interesante estudo do profesor Gregorio Ferreiro Fente, que entre outros materiais se serviu da correspondencia entre Fernández del Riego e o artista.

En 1949 Seoane,exiliado que se apuntaba a proxectos relacionados con Galicia do máis variado, pasou cinco meses entre París e Londres. O barco de retorno a Arxentina fixo escala técnica en Vigo. Seoane durante breves horas pode verse coa muller e abrazar a varios amigos. De novo a bordo, escribe o poema “Dende o Highland Princess”, con referencias a Fisterra, ás arelas de xustiza e de redención para Galicia e para os seus fillos que andan errantes polo mundo.

Hai nesta poesía de Seoane un afán de dignificar a lingua e un claro arrebato de denuncia. Fardel de eisilado anticípase a Celso Emilio e introduce o socialrealismo na poesía galega. A súa visión da emigración, do exilio e das tráxicas feridas que a Historia deixou en Galicia provocan o desacougo no seu corazón, pero non lle impiden albiscar unha aurora de esperanza.

Libro, xa que logo, interesante e de fermosa edición.

Seoane, Luís, Fardel de eisilado, Consello da Cultura Galega, Clásicos da emigración, Santiago, 2020, S/R

Poeta Seoane

Poeta Seoane

Compartir el artículo

stats