Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O feitizo das pedras

Pena dos Mouros (Donalbai, Begonte)

Vista da Pena dos Mouros.

Vista da Pena dos Mouros.

Na comarca da Terra Chá, no concello de Begonte, abundan penedos de caprichosas formas que enchen de misterio o territorio. Pola súa grandeza, pola súa antigüidade, pola súa morfoloxía, están unidos a lendas que tratan de explicar o inexplicable: por que están aí, quen os trouxo ou quen os tallou. Á falta de solucións ou interpretacións plausibles, eran para os devanceiros uns agochos onde os mouros agachaban os seus tesouros. Os enigmas das pedras están presentes nesta terra chairega que ten, por unha banda, grandes formacións graníticas esculpidas pola erosión na Pena dos Mouros e, por outra, xacementos como os atopados en Donalbai, cos seus círculos concéntricos rexistrados na rocha.

Do frutífero que é este municipio á hora de percorrer lugares encantados e con encanto, dá fe a Pena dos Mouros, na mesma parroquia de Donalbai. O conxunto está formado por tres grandes piares de seis metros de alto sobre os que asenta unha pedra en forma de ril, din uns; de cranio de can, segundo outros. Partindo de aquí, e seguindo unha liña recta, chégase deica as Penas de Rodas, no concello limítrofe de Outeiro de Rei que, segundo algúns investigadores, se utilizarían como observatorio astronómico. Ambas “Penas” están en conexión pois parece que durante os solsticios anuais o sol atravesa Rodas e logo penetra na dos Mouros. A similitude das rochas con animais ou obxectos levou os devanceiros a nomealas e identificalas. E a imaxinar mouros e feitizos que se repiten en numerosos lugares da Galicia máxica. Así, contan que na cova que forma a Pena dos Mouros un labrador viu saír un día unha galiña con cen pitos. Asombrado, decidiu ver o interior do oco, onde se atopaba unha moura –ser de cegadora beleza- que cosía xunto a unhas tesouras de ouro. A muller propúxolle con quen quedar, se con ela ou co ouro, pero a cobiza levou o home para escoller o tesouro. As versións din que ela, agraviada, fíxolle perder a vista; outras, que desapareceu sen deixar rastro.

Cóntanse moitas máis cousas, como que a pena foi dinamitada nos anos vinte por mor dunhas disputas familiares. Antes formaba un abrigo pétreo máis grande baixo o que se facía o magosto. A cultura popular asegura que o penedo de seu é unha moura e dentro habita unha gran cobra que pode devorar a xente. As lendas seguen coas súas variantes, aínda que case todas relacionadas con seres sobrenaturais e tesouros.

Na mesma parroquia atópanse os petróglifos de Donalbai, con circunferencias concéntricas arredor dun punto central. Na actualidade existe un roteiro chamado precisamente así, Círculo de Donalbai, un itinerario acondicionado duns vinte e seis quilómetros de perímetro que discorre polos concellos de Begonte e de Outeiro de Rei e que se poden percorrer en varias etapas ou pequenos tramos adaptados ás capacidades dos camiñantes. O traxecto dá a coñecer a natureza e o patrimonio chairego, tanto do pasado prehistórico como castrexo, románico, medieval e doutras épocas. Na contorna hai doce igrexas, todas asociadas a elementos rupestres ou a fontes milagreiras como as de Santa Helena ou Santa Marta, en Begonte. E no centro está o templo de San Cristovo de Donalbai, moi preto da Pena dos Mouros. Outra das construcións relixiosas máis coñecidas na zona é o santuario da Virxe dos Milagres de Saavedra, lugar onde rituais e promesas fanse realidade por obra e graza dunha Virxe de gran devoción popular. Ademais de ser unha das abadías máis concorridas da provincia, existen diversas historias relacionadas coa intercesión mariana. No interior conserva unha lápida funeraria do século XVI e retablos de interese.

Parte superior da pedra en forma de ril.

Parte superior da pedra en forma de ril.

Igrexa de San Cristovo de Donalbai.

Igrexa de San Cristovo de Donalbai.

Pasos do Camiño

Existen moitas outras igrexas en Begonte, todas aureoladas pola beleza do granito galego. Por esta terra de lendas e milagres pasa o Camiño do Norte, polo que acudían a Santiago aqueles que chegaban de Europa pola cornixa Cantábrica. Entra por Baamonde, parroquia que esconde tesouros pouco coñecidos e herdados, en parte, por ser desde sempre encrucillada de roteiros e itinerarios de peregrinación. Entre as súas construcións significativas atópase a igrexa de Santiago, probablemente con orixe no século IX, edificada sobre un templo anterior. Combina a arquitectura gótica con detalles de tradición románica na súa decoración, influxo das peregrinacións a Compostela e en cuxas pedras poden verse aínda as marcas de canteiros. No adro atópase un Calvario formado por tres cruceiros realizados en granito, datados no século XVIII, de fermosa factura.

Preto álzase un castiñeiro ao que lle calculan máis de cincocentos anos de antigüidade ou poida que moito máis. Catalogado como árbore senlleira de Galicia, sobreviviu a numerosas vicisitudes, entre elas a tala á que estaba abocado nos anos setenta debido ao plan de ampliación da Nacional VI. A actuación do escultor Víctor Corral, que se encerrou no oco da árbore, e a resposta veciñal, permitiron a súa supervivencia. O artista deixou o seu sinal neste monumento natural cunha imaxe da Virxe do Rosario, patroa de Baamonde.

Compartir el artículo

stats