Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Dolorosa e o Cristo

Un díptico flamengo no Museo de Pontevedra

Dolorosa (seguidor flamengo de Arbert Bouts, ca.1550).

O Museo de Pontevedra presenta no edificio Castelao unha mostra dedicada aos dous cadros flamengos recentemente reclamados desde Polonia como parte do espolio artístico nazi durante a Segunda Guerra Mundial. Trátase dun díptico que foi comprado no mercado de arte por José Fernández López, fundador das empresas Zeltia e Pescanova, e que ingresou no museo en 1981 como depósito para ser despois adquirido en 1994.

A obra pertenceu en Polonia á colección Czartoryski e reapareceu no mercado español a principios dos anos setenta. De se confirmaren os datos e a propiedade, o museo galego, de acordo coas normas internacionais, xa se comprometeu á devolución da obra aos lexítimos propietarios, aínda non totalmente acreditados xa que o estado polaco reclama as pinturas mais tamén o fai a familia Czartoryski. Nada se coñecia nas datas en que foron adquiridas as táboas desta orixe das obras, pensábase que podían ser unhas pezas facilmente existentes no ambiente do coleccionismo peninsular xa que entre nós circularon este tipo de traballos nos séculos XV e XVI.

Desde o punto de vista puramente artístico estamos perante un díptico que representa a Dolorosa e un Cristo coroado de espiñas coas mans entrelazadas. Trátase dun traballo plenamente inserido dentro da tradición flamenga do século XV, aínda que xa realizado no XVI, que foi inicialmente atribuído á contorna do famoso pintor Dirk Bouts, (1410/20-1475), artista nado en Haarlem, nos Países Baixos do Norte e que se sabe que traballou en Lovaina inicialmente influído polo estilo de Jan van Eyck e Petrus Chistus e despois máis afín ás fórmulas de Roger van de Weyden. Na actualidade crese que o díptico de Pontevedra é obra dun seguidor de Albert Bouts (1451/55-1549), fillo de Dirk, e realizado cara a metade do século XVI, como semella testemuñar o marco orixinal con representación de tenantes e anxos meniño de ar manierista, que contrastan fortemente coa Dolorosa e o Cristo. Como se pode tirar desta tan diferente cronoloxía, estamos perante unha pintura que responde con fidelidade aos prototipos de Dirk Bouts, recorrentemente reproducidos, que hai que ligar a un amplo mercado internacional que demandaba obras de formatos reducidos relacionados cos novos hábitos relixiosos e de consumo doméstico ou de pequenas capelas familiares.

Os pintores e escultores flamengos dos séculos XV e XVI pintaban e tallaban imaxes destinadas ao culto e á oración, que se adecuaban ás novas tendencias espirituais de finais da Idade Media, con proliferación de oratorios e capelas privados, e cunha devoción virada para a contemplación dos obxectos sagrados e para unha unión persoal da alma con Deus, algo que o díptico de Pontevedra recolle con claridade. Este tipo de pintura facía pública a imaxe mística e transportaba o devoto espectador á escena evocada, en sintonía coas prácticas de devoción íntima que se impoñen nas últimas décadas do medievo, como reforza o texto do himno Stabat Mater Speciosa que se le no marco que rodea a imaxe de Cristo: “QUIS EST HOMO QUI NON/ FLERET, IESUMCRISTUM/ SI VIDERET/ IN TANTO SUPLITIO?” [Que home non choraría ao ver a Cristo en tanto suplicio?] e o que acompaña a Dolorosa: “QUIS POSSET NON/ CONTRISTARI PIAM MATREM/ CONTEMPLARI/ DOLENTEM CUM FILIO?” [Quen non entristecería coa Nai contemplando tanta dor do seu doliente fillo?].

Título: Díptico da Dolorosa e o Cristo coroado de espiñas

Autor: Seguidor flamengo de Albert Bouts. Época: mediados do século XVI. Técnica: óleo sobre táboa.

Local: Edificio Castelao, Museo de Pontevedra.

Cristo coroado de espiñas.

Cristo coroado de espiñas.

Espolio nazi/espolio franquista

En Dirk Bouts foi creador dun modelo de Cristos, o chamado Salvator coronatus en que Xesús se presenta en tamaño busto coa testa cinxida pola coroa de espiñas. Este modelo tivo unha grande fortuna non só en Flandres senón tamén no mundo xermánico e na Península Ibérica, onde foi moi imitado. Cristo coa ollada frontal viste túnica púrpura, unha imaxe do Fillo a sufrir con regueiros de sangue que responden á devoción contemporánea pola Paixón, evocada apenas co rostro de Xesús. É evidente que a efixie de Cristo así elaborada ten un carácter icónico e devocional, potenciado, alén diso, polo fondo neutro e os tons dourados, algo que se pode trasladar á imaxe da Dolorosa, que reza e mostra as bágoas.

Díptico da Dolorosa e o Cristo coroado de espiñas continuará exposto no Museo pontevedrés até que o Ministerio de Cultura, con competencias exclusivas sobre o destino da obra, decida finalmente a quen e en que condicións se producirá a devolución.

Por novas de prensa sábese que o Ministerio de Cultura xa contactou formalmente co seu homólogo polaco para que acredite que eles son lexítimos reclamantes, xa que non son os únicos. O que parece seguro é que unha vez clarificados os aspectos legais, as táboas regresarán a Polonia, en atención á xusta demanda. O contraste coa situación en que vivimos a respecto do espolio do franqusimo non pode ser máis elocuente.

Compartir el artículo

stats