Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Olga Brañas | Directora do grupo timparrantela

“Divertímonos xuntas, e iso nótase cando tocamos”

As Timparrantela facendo “traballo de campo”. | FOTO: EDITORIAL GALAXIA

– Fundar unha banda con sete compoñentes, non debe resultar doado nestes tempos. Como naceu Timparrantela?

Non, non é doado. Vimos tempos en que resulta máis cómodo formar grupos pequenos (dúos, tríos, cuartetos todo o máis...), entre outras razóns porque consegues que te contraten máis doadamente, e polo tanto podes facer máis concertos. Pero é que a min apetecíame facer unha banda grande porque me abría máis perspectivas en torno ás sonoridades que se poden acadar. Incluso pensei en incorporar a máis instrumentistas, como unha trombonista e unha trompetista, pero non atopamos ninguén disponible, alomenos en Ourense, que é de onde somos.

– Xa se coñecían Vdes. de antes?

A verdade é que a formación do grupo foi bastante complicada porque eu, ao principio, só coñecía a Raquel Huete e a María Blanco, ás demais compoñentes cáseque houbo que ir buscándoas debaixo das pedras. E non porque non as houbese, senón porque compartiran a idea central que ten este grupo.

– E cal é esa idea central?

Pois é, precisamente, a de reivindicar a muller como instrumentista e a de que, na banda, todas sexamos iguais; é dicir, que ninguén destaque sobre a outra, nin sequera a que exerza de voz solista, que é o que ocorre moitas veces

– A súa procedencia é moi variada, veñen Vdes. de distintos xéneros musicais. Como fan para que a súa música soe tan galega habendo como hai tanta variedade de xéneros neste disco (folk, pasodobres, tangos, jazz….)?

– Non sei se a música soa tan galega, grazas por deiilo (risos). Nós o que facemos é intentar unificar un estilo pero respectando as procedencias de cada unha.

– Agás excepcións, ata hai poucos anos, cando se falaba de “grupo feminino galego de folk” case sempre se pensaba nas pandeireteiras. Esta a cambiar esta situación ou aínda se considera unha rareza que apareza un grupo composto integramente por mulleres….e que non son todas pandeireteiras nin cantareiras?

Eu coñezo varias formación musicais femininas que non son de cantareiras-pandeireteiras, e dalgunhas incluso formamos parte tanto Raquel coma min. No sei se o público aínda nos considera unha rareza, pero o que está claro é que estamos abrindo camiños, poñendo cada unha o noso pequeno gran de area.

– Está claro que se preocupan Vdes. moito polas letras, como se demostra no feito de que a maioría das cancións do disco estean asinadas por poetas, tanto homes como mulleres. Como foi a relación con elas/eles á hora de compoñer as músicas? Deixáronlles total liberdade ou estiveron atentos a ver que facían Vdes. cos poemas?

Todas e todos os poetas foron marabillosos e comportáronse moi ben, aínda que o xeito de traballar con eles resultou diferente. Nalgúns casos tratouse de poemas que xa tiñan escrito e noutros foron poemas expresamente escritos para que os interpretase o grupo.

– De entre todas as letras chama a atención a da canción “Zarca”, escrita e composta por Clara Pino. Como foron dar Vdes. con esta xoia?

Alégrome que che goste,e por iso che voucontar un segredo: en realidade, Zarca son eu, e o que quixo Clara foi contar unha historia sobre a nosa amizade, sobre o noso amor tan atípico. A min paréceme máis bonita e mellor incluso que “Mujer contra mujer” (risos).

– De onde vén a palabra Timparrantela?

- Todo empezou porque eu estaba buscando nomes para un grupo e, de súpeto, atopei un dicionario sexual antigo galego (que por certo contén marabillas) e alí descubrín que Timparrantela (palabra que eu descoñecía) significaba cona, ou sexa, un concepto moi básico, non? O certo é que, a estas alturas, aínda non sei de certo se se trata dunha palabra inventada por quen fixeron o dicionario, porque non a escoitaramos antes nas nosas vidas. Así e todo, dende esa propuxémonos todas popularizar a palabra Timparrantela, non só polo grupo, senón tamén para socializala: Imaxínaste dicirlle a alguén: “Estou de ti ata a timparrantela! Oxalá que, se non se usou, a partir de agora se use e, e xa se usou, que se volva usar!

– O que se nota tamén neste disco e nos videos é que teñen Vdes. un gran sentido do humor e que se divirten facendo estas músicas. Lamentablemente, debido á pandemia, non poden Vdes. actuar en directo tanto como quixesen, pero cando así sexa: os seus concertos van ser tan divertidos como semellan?

Si, divertímonos moito xuntas. Temos unha conexión persoal que coido que tamén a apreza o público. E iso, ademais, é bo para nós mesmas porque, así, o espazo de traballo convértese nun lugar onde te sentes apoiada, querida e, si, ríste moitísimo porque todas, malia ter personalidades diferentes, compartimos un punto común que nos fai sentir felices cando estamos actuando. E, ben, a verdade é que este período de pandemia está sendo moi duro pero a nós coido que o que nos salva, e que nos anima a seguir traballando música xuntas, é o libre que nos sentimos facendo o que queremos. Facemos o que nos sae do nariz, vaia! E iso non hai cartos que o pague. E a todo isto hai que engadir que, a estas alturas, xa todas as compoñentes do grupo somos moi boas amigas.

– Por certo, a que vén esa teima que teñen cos palcos?

Esa é unha obsesión miña. É que, para min, os palcos, que foron construídos para que neles tocasen os músicos, representan a verdadeira esencia da música popular; a nós gústanos moito actuar neles. A min, ademais, tráenme lembranzas da infancia.

– Que lles prestaría que dixese o público de Timparrantela despois de escoitar este disco ou de asistir a un dos seus concertos?

Creo que me quedo co que, de feito, xa nos está a pasar: que sorprendemos, e que este resulta ser un disco con moitas capas; un disco do que disfrutar máis cantas máis veces o vas escoitando. E iso a nós encántanos.

Compartir el artículo

stats