Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Deixándonos arder

Na fogueira dos Chicharrón

Mara Pérez, Alberto M. Vecino e Rubén Rodríguez: os tres membros do grupo Chicharrón. | FOTO: PABLO MELLA

A vindeira semana, a data oficial é mércores 7 de abril, publícase o novo traballo da banda carballesa Chicharrón. A fogueira intacta (Ferror Records, 2021) é o cuarto traballo de estudio da banda, que comezou a súa actividade artística cun disco homónimo publicado através do colectivo Prenom en xuño de 2014.

Nos sete anos que pasaron desde que Alberto M. Vecino, Diego Gende e mais Rubén Domínguez sacaron á luz aquel traballo de estrea, gravado no Estudio A Ponte de Roxos, Compostela, por Tomás Ageitos, que tamén tocou a batería no disco, Chicharrón mutou, evolucionou, expandiu e contraeu a súa formación, experimentou e soubo incorporar á súa bagaxe todo o interesante que os seus integrantes ían atopando polo camiño.Do pop urxente da estrea, que nacía esgazado pola dor da perda que marcou a xénese do grupo, pasouse logo a unha música máis luminosa no seguinte disco, que mantiña no entanto a melancolía que atravesa dun xeito ou outro toda a obra da banda. Postal (Prenom, 2016), de volta gravado con Ageitos n’A Ponte mais masterizado agora en Terraforma, o estudio de Ibán Pérez no Igrexario do Hío, pola banda do Morrazo, significou tamén o paso do castelán ao galego nas letras e a entrada de Mar Catarina, Xurxo Meis e Mara Pérez na formación.

Despois dun par de sinxelos sacados no 17, o 9 de novembro de 2018 publicaban Cancións clínicas, (Prenom, 2018), agora con tan só Alberto, Rubén e Mara conformando o núcleo duro da formación, que avanzou neste disco cara aos sons electrónicos, por veces industriais, influídos polo traballo de Rubén Domínguez no seu proxecto persoal, Pantis. Esta viraxe cara á escuridade e un punto de desacougo alimentados na electrónica veu acompañada do cambio de estudio de gravación e tanto este Cancións clínicas como o novo disco que han presentar nuns días foron gravados por Ibán Pérez no Estudio Terraforma.

Pódese colixir da continuidade no mesmo estudio e da escoita dos sinxelos que Chicharrón foi liberando nas redes en forma de videoclips nas últimas semanas, “Ondeando o 12 de decembro pasado” e “Highway To Heaven” hai dúas semanas, que os de Carballo continúan a investigar as liñas abertas no seu anterior traballo. Isto é certo, cando menos en parte, xa que nesta fogueira intacta seguen a arder a mesma escuridade e a mesma melancolía de Cancións clínicas se acaso co desacougo máis presente, reforzado nunhas liñas de baixo e percusións omnipresentes e nos efectos sonoros que rematan por conformar as atmosferas repetitivas e asfixiantes de “Ondeando”, “Procesos de oxidación”, “O Espigador” ou a engaiolante “Highway to Heaven.”

Mais tamén é certo que A fogueira intacta, que dalgún xeito fecha a triloxía comezada con Postal no 2016, supón unha sorte de monólogo interior, repousado, madurado no illamento pandémico, unha procura do que hai atrás dos anteriores discos, -como ten confesado Alberto M. Vecino-, nun traballo en que, segundo el, todas as cancións son a mesma e, asemade, entre todas forman unha soa.

Apesar de estar creado ao longo do 2020, cos seus períodos de confinamento e limitacións de mobilidade, ou quizais precisamente por iso, o novo disco de Chicharrón é unha obra que busca deliberadamente a transversalidade artística e a incorporación ao proxecto de moitas creadoras admiradas polos integrantes da banda. Así, “Highway To Heaven” parte dun cómic de Kike J. Díaz baseado nun poema de Yolanda Castaño e tamén a poesía de Luz Pozo e Alba Cid están presentes no disco. A portada d’A fogueira intacta é unha fermosa fotografía dun vagalume, obra de Pablo Mella.

Ademais, a listaxe de colaboracións musicais é longa, Anxos Fazáns -Contenedor de Mierda-, Cibrán Tenreiro -Monstruo, Zara-, Xiana Arias -Atrás Tigre- ou Charles Rapante -Os Vacalouras, Contenedor de Mierda- son algúns dos nomes, todas e todos eles no miolo do máis interesante do panorama indie e underground galego dos últimos anos, amigos escollidos por Chicharrón non para simplemente colaborar, senón para ser plenamente partícipes do proceso creativo desta alfaia, A fogueira intacta, un traballo que consegue ser un faro que nos guía através da escuridade.

Arredor do novo pop galego

Este novo disco de Chicharrón vai ser publicado por Ferror Records, un selo ferrolán que naceu a mediados da década pasada cun propósito claro, dar saída a propostas musicais e culturais da escena local, sempre desde a militancia e a autoxestión. E iso veñen facendo desde que en 2015 publicasen o seu primeiro lanzamento en formato físico, un CD compilatorio que reunía dezaseis bandas da comarca de Ferrolterra, unha mostra do que pretendían e pretenden ser, unha familia ben avida de xente creativa. Xa naquel traballo aparecían bandas fundamentais do universo underground galaico, como Carrero Bianco, Alarido Mongólico ou Quant, que despois publicaron os seus traballos neste selo no que Chicharrón vai publicar o seu cuarto disco.

E se a entrada no catálogo de Ferror Records conecta dalgún xeito a banda e o seu novo disco con ese panorama musical independente de Ferrolterra, as colaboracións devanditas fanos dialogar con boa parte do novo pop galego que vimos coñecendo desde o 2010 através das compilacións de Galician Bizarre, nas que atopamos moitos dos nomes que dun xeito ou outro conforman este novo disco de Chicharrón, desde o propio Rubén Domínguez, que participou cos extintos Telephones Rouges ou con Pantis, até bandas coma Atrás Tigre ou Contenedor de Mierda.

Compartir el artículo

stats