Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Andinas de Bolivia e Ecuador

Con letra de muller

Mulleres bolivianas durante unha manifestación.

No continente sudamericano, a actualidade última ten como feito máis chamativo o espléndido crecemento da panorámica de narradoras en Ecuador; algunhas listaxes superan os oitenta nomes. Arredor dos coarenta temos en Bolivia. Porén, hai nestas cifras non pouco de equívoco ou de autoengano, pois tras delas atopamos unha realidade que agocha graves problemas de visibilización das escritoras, vítimas dun forte rexeitamento socio-cultural; de carencia de canles de dición e distribución das súas obras; de polémicas cos sectores conservadores e tradicionais da poboación e tamén cos medios de comunicación e coa igrexa; de necesidade absoluta de acadar éxito no estranxeiro para seren aceptadas no país propio. Unha canle positiva ao respecto é a colaboración de editoriais españolas como Candaya, Páginas de Espuma, Seix-Barral, Alfaguara, etc, que teñen o imprescindible poder de difusión e aínda de tradución. A devastadora Guerra do Chaco (1933), a desestructuración social, a problemática do encaixe do mundo indíxena, a inestabilidade sociopolítica, os constantes estoupidos de violencia, os importantes continxentes de migrantes e as continuadas situacións de fame e miseria integran un corpus de temas e motivos reiterados que ateigan estas páxinas agora ocupadas pola forza expansiva do feminismo, con frecuencia de manifestación agresiva e intransixente: radicalista.

Nin en Bolivia nin en Ecuador podemos falar de presenza da muller nas súas literaturas ata ben entrada a segunda metade do pasado século XX, mais o que levamos nestas tres últimas décadas supera en cantidade e calidade todo o anterior. Polo demais, existe unha evidente fronteira entre o número de narradoras e títulos reais do país e os que chegan ata nós, que en moitos casos teñen que agardar anos para arribar aquí. Neste terreo é frecuente o recurso á autoedición ou a colaboración de institucións doutros países, Estados Unidos, por exemplo.

Os cosmos de ficción acusan unha pegada intensa do feminismo radical e militante como instrumento visibilizador e ferramenta de función igualitarista fronte ao home, coa finalidade de acadar postos de poder tradicionalmente reservados a el como instrumentos de submisión, marxinalización e dominación. A actitude das voces feministas pasa por un plano verbal de confrontación aberta, expresivamente duro e crispado e dende logo con acentos de disidencia, rebeldía e rupturismo. Estamos, reiteradamente, diante da polémica de xénero e da oposición muller-sociedade rexistrada pola prensa. Nomes como os das bolivianas Liliana Colanzi, fundadora da revista feminista Dum Dum, e Giovanna Rivero, que xunto a Magela Bandoin fundou a Editorial Mantis, son particularmente significativos. Mais a pioneira do feminismo no país é Adela Zamudio (1854 – 1928), homenaxeada no Día da Muller boliviana; poeta, ensaísta e autora da novela Íntimas (1913). Así mesmo destacan nesta narrativa María Virginia Estenssoro, autora dos libros de relatos El occiso (1937) e Memorias de Villa Rosa (1937); Magela Baudoin con La composición de la sal (2014) e moi especialmente a Liliana Colanzi, editora e xornalista, que conseguiu un importante logro cos relatos de Nuestro mundo muerto (2016). Mais é sen dúbida Giovanna Rivero a narradora de máis forza creativa, máis reivindicativa e contestataria. Varios libros de contos (Las bestias foi o primeiro, 1997) e as novelas 98 segundos sin sombra (2014) ou Tierra fresca de su tumba (2021) outórganlle un posto de privilexio avalado por varios premios.

As narradoras ecuatorianas son máis e son moi boas. Están nun intre de expansión e éxito sobre todo fóra do seu país andino e disto son protagonistas María Fernanda Ampuero, Solange Rodríguez e Mónica Ojeda confrontadas cun país con graves carencias de promoción, edición e distribución das súas obras e onde as páxinas culturais de prensa chámanse “de entretenimiento”. O paso destas tres narradoras e doutras como Gabriela Alemán, esta coa súa novela Humo (2017); Daniela Alcíbar Bellolio, con espléndidos momentos na crúa e emotiva Siberia (2019); Sabrina Duque coa súa ben recente VolcáNica (2019); Gabriela Ponce con Sanguínea (2021) por editoriais como as citadas Candaya ou Páginas de Espuma – ademais de instalarse a vivir en España – axudou con claridade ao recoñecemento da súa obra.

A escritora Mónica Ojeda (1988)

A escritora Mónica Ojeda (1988)

A escritora Giovanna Rivero (1972)

A escritora Giovanna Rivero (1972)

A escritora Magela Baudoin (1973).

A escritora Magela Baudoin (1973).

Voz precursora

Tamén a muller conta cunha precursora nas letras ecuatorianas, Gabriela Alemán, a primeira que publicou en España, adiantada feminista, cultivadora das vetas temáticas social e de xénero, creadora de ficcións non so locais, senón variadas e ata universais, centradas na actual e renovada, dignificada e máis libre figura da muller. Outra liña temática é a fantástica (onírica, visionaria), e con ela a de carácter autobiográfico e dimensión testemuñal. A súa obra vai dos contos de Maldito corazón (1996) ata a súa xa citada Humo (2017).

Remataremos esta panorámica que tenta acadar unha función só informativa coa referencia aos impactantes relatos de Las voladoras (2021) de Mónica Ojeda, onde converxen motivos como a violencia, o amor, o mal, o fantástico e mítico.

Parte desas mesmas temáticas aparece xa en Mandíbula (2018), de María Fernanda Ampuero (que acaba de publicar un feixe de contos co título de Sacrificios humanos (2021) e tamén nas narracións de Solange Rodríguez contidas en La primera vez que vi un fantasma (2018); as tres son o grupo de Guayaquil e manteñen unha fonda amizade e un mesmo compromiso de loita feminista e de confrontación social.

Compartir el artículo

stats