Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Proposta arquitectónica

Cando a palabra se fai Verbo

Proposta arquitectónica

Antón Blanco Casás (Vilagarcía de Arousa, 1996) prolonga, con pulso firme, unha poética iniciada baixo a focalización cinematográfica e seguida pola incursión mítico-ensaística dos seus primeiros libros. O que agora publica, Voz do arqueiro (gañador do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón), consolida a súa proposta estética. Podemos definila de arquitectónica pola pureza do material lírico que emprega. Esta pulsión contamina a estrutura do poemario até que cada peza encaixa na coherencia do conxunto. Nel emerxe a voz que, alén de ser ferramenta do dicir, tamén pode devir melodía que significa e que transmite estados da alma: “Canta icebergs/e ten a ollada fixa nos cascallos/de Halicarnaso atlántica,/no canto xémeo da fremosa que non chega”. A música é unha vibración que nos integra no tempo e, simultaneamente, nos arrebata del. Até que se independiza de quen a emite: “En dous tempos a voz desúnese/do que pensa”, como se nos declara no fermoso poema “Ela, o arqueiro, era un río”. Cuxo final nos esclarece e nos estremece: “Murmura/do morrer/sen intervención da morte”.

A segunda presenza que percorre o volume procede do mundo acuático e insular que aquí se espalla e se espella: “Grava un océano esta galería./Idioma de auga,/contense na casula, inmensurable”. A partir dese instante comprendemos a suxestión do título: o arqueiro remite a un pasado remoto (desde o medieval, “como cervo ferido de monteiro de-el rei” até o presocrático, o paradoxo de Zenón de Elea). Seguindo a traxectoria da frecha eleática, que non pode alcanzar o albo (pois a distancia até chegar á tartaruga é infinitamente divisíbel), atinximos a dimensión metafísica da obra. A palabra do poeta atravesa o tempo como un asteroide náufrago no cosmos. A vivencia do Tempo é a que nos conforma: “Tanto é así que,/da aceleración da carreira,/hai quen consegue erixir un lugar habitable”. Non é polo espazo polo que o Verbo chegará ao lector. É através do tempo que a palabra se fai Verbo, que versa, é diversa e se fai verso.

BLANCO CASÁS, A., Voz do arqueiro, Chan da Pólvora, Santiago, 2021, PVP.13 €

Proposta arquitectónica

Proposta arquitectónica

Compartir el artículo

stats