Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Improvisación liberadora

Cando a música flúe

Os membros da Orquestra Galega de Liberación: dezasete membros para un combo de talentos, baixo a batuta de Xacobe Martínez.

Hai agora unhas semanas, saía á rúa a estrea discográfica da Orquestra Galega de Liberación, un disco que recolle o concerto de presentación deste novo proxecto promovido e dirixido por Xacobe Martínez Antelo, celebrado no Teatro Principal de Compostela o pasado 12 de setembro de 2020.

Daquela, o teatro compostelán, que no vindeiro mes de abril cumprirá 180 anos, acolleu a presentación desta orquestra, á que só puideron asistir sesenta persoas por mor das medidas restritivas aplicadas coa pandemia. Agora, aquela experiencia catártica, que deu a coñecer a primeira proposta de música totalmente improvisada feita no país, publícase en formato físico, o que nos permite a todas as persoas que non tivemos a sorte de poder estar na presentación en Compostela gozar coa última argallada deste jazzman galego.

A Orquestra Galega de Liberación, que fai homenaxe no seu nome á Liberation Music Orchestra do contrabaixista norteamericano Charlie Haden, é un combo formado por dezasete músicos residentes en Galiza que unen o seu talento baixo a batura de Xacobe Martínez Antelo para afondar na improvisación e na creación espontánea e dar forma a un traballo único, irrepetible por definición e que nos permite descubrir xeitos comunicativos que lle descoñeciamos á música.

Dentro desta orquestra hai loxicamente espazo para os ventos, a trompeta de Javier Pereiro, os saxos tenores de Diego Alonso e Xosé Miguélez, o clarinete de Rosolino Marinello e o saxo alto de Olivier Cano; para as cordas, as guitarras de Antonio Bravo e Manuel Cebrián, o violín de Elena Vázquez, a viola de María José Pámpano, o violoncello de Macarena Montesinos e o contrabaixo de Saúl Puga mais tamén para as baterías de LAR Legido e Max Gómez e as voces de Sheila Patricia e Rubén Fernández, todo baixo o control e dirección de Martínez Antelo.Velaí, entón, a listaxe de músicas e músicos que Antelo deu reunido baixo o paraugas da Orquestra Galega de Liberación, entre os que atopamos nomes consolidados no panorama jazzístico galego – o propio Antelo, Legido, Bravo, Gómez,...- xunto a interprétes máis novos ou afastados do eido jazzístico e que coñecemos pola súa traxectoria vinculada ao rock, á música de autor ou ao folk, como a propia Sheila Patricia, Olivier Cano -habitual na sección de ventos de formacións roqueiras- ou Macarena Montesinos, polifacética cellista á que descubrimos hai anos en Ávalon. Con todos estes vimbios remata Antelo por lle dar forma a esta Orquestra que sorprende incluso a aquelas persoas que non estamos habituadas a gozar co jazz. Porque realmente é unha mágoa non posuír os coñecementos preciso para captarmos reflexos e chiscadelas que se translocen na improvisación e que de certo saben aprezar ouvidos máis avezados. Porén, a beleza, a orixinalidade absoluta que emanan do disco de estrea da Orquestra son abondas para conmover a quen escoita. E é que acontece que a escoita do traballo de debut desta Orquestra Galega de Liberación é agradable e sorprendente, mais isto non quita que non é até que podes ollala ao vivo -o que nos permite a canle de Youtube de Martínez Antelo, onde hai varias vídeos da estrea no Principal- cando entendes de vez a dinámica e podes entender o labor do director e gozar completamente destas músicas improvisadas.

Como un chamán , Xacobe vai armando unha melodía, creando un transo que engole a ouvinte até lle facer sentir a plasticidade do ritmo cando Antelo xogarica con el. A música flúe, vai e vén movida polos acenos misteriosos do director, linguaxe secreta que os integrantes da orquestra saben transformar en cancións marabillosas. Nun desafío constante á tendencia universal ao aumento da entropía, a Orquestra arma as súas cancións a partir de disonancias e un caos aparente que de súpeto mudan na melodía que subxacía baixo a desorde.

Zume novo para a música galega, liberadora improvisación desta nova Orquestra que une o seu nome ao doutras formacións estatais como a Orquesta del Caos ou a Orquesta FOCO na súa investigación no impredicible universo das músicas improvisadas.

A LMO e as cancións da Guerra Civil

Como dicimos, o nome desta Orquestra Galega de Liberación é unha homenaxe á Liberation Music Orchestra, formación e disco homónimo que o contrabaixista Charlie Haden creou en 1970, na que foi a súa primeira experiencia como líder dunha formación. Di a lenda que a idea de crear unha orquestra improvisada lle veu a Haden cando estaba a escoitar cancións dos loitadores antifascistas da Guerra Civil Española.

Sexa certa a historia ou non, dentro daquel traballo de Haden podemos escoitar “El Quinto Regimiento” ou “Los Cuatro Generales”, himno dos combatentes demócratas e antifascistas na Guerra Civil, ao carón doutros temas como “Song For Ché” ou “We Shall Overcome”.

A Liberation Music Orchestra foi, aínda o é, unha maquinaria de propaganda ideolóxica, rompedora na súa proposta artística e concibida por Haden e a súa dona, Ruth Cameron, como unha ferramenta de transformación social.E de aí, pois, o seu nacemento, creando improvisacións a partir das cancións que os voluntarios estadounidenses na Guerra Civil crearon e/ou levaron cara aos EEUU, e o percorrido posterior ao longo da súa traxectoria, onde foi interpelándonos sobre diversas problemáticas, focándose na loita medioambiental nos últimos anos de vida de Haden.

Porque o jazzman de Iowa faleceu no 2014 pero a súa orquestra segue a espallar a mensaxe polo mundo, entre as que sempre hai un oco para algunha desas cancións que lle cantan ao Jarama Valley e que temos fixadas na memoria interpretadas coa voz rota de Pete Seeger.

Compartir el artículo

stats