Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Chico #2! entre nós

Cotidianidade tenra pre-pandemia

O creador de Banda Deseñada Pablo Carreiro (Vigo, 1985) á canda do seu personaxe Berto, protagonista de Chico! | FOTO: CORTESÍA DO AUTOR

A moitas e moitos quizais vos soe xa este nome: Pablo Carreiro (Vigo, 1985). Defínese a si mesmo como ilustrador, historietista e fan das Spice Girls, un de tantos toques pop e noventeiros que son unha constante na súa obra. Recentemente viu publicado o segundo tomo de Chico!, de mans da editorial Libros Indie.

Pablo, como o seu parcial alter ego na banda deseñada, Berto, tamén é un soñador. No seu caso, logrou, aos poucos pero con moito esforzo, empezar a atopar o seu lugar no mundo. Que rápido se escribe un proceso tan longo e tan inherentemente inacabable. Porque a de Pablo Carreiro é unha desas historias que, como a súa obra, consegue sacarche un sorriso. E iso é algo que todos necesitamos nestes días. Licenciado en Psicoloxía, con experiencia no campo de Recursos Humanos, decidiu pechar esa porta e abrir outra completamente diferente cando a súa empresa desapareceu hai uns anos. Dicir que non ten formación artística sería unha mentira. Ademais de que leva debuxando desde que é moi pequeno –si, iso que din todos os nenos nos programas de Bertín Osborne ás veces é certo–, pasou por varios cursos de debuxo, tendo entre os seus profesores a artistas da talla de Norberto Fernández (Pontevedra, 1967). Tamén descubriu que o mellor compañeiro do talento é o esforzo, confesa que "a debuxar apréndese dedicando un anaquiño cada día a iso. Non hai máis segredo que ese. Debuxar e debuxar moito."

Chico! #2 é a continuación das andanzas de Berto, un vinteañeiro mainstream que podería ser unha mirada no espello de calquera persoa nova (ou non tan nova): un traballo modesto, incerteza ante o futuro, experimentación sexual, anhelo por atopar a alguén especial ou, "polo menos", atoparse a si mesmo, frustración por non facelo… pero, sobre todo, alegría, moita alegría, xa que Berto ten a sorte de enfrontarse ás vicisitudes da vida adulta coa mellor das armaduras: a compañía e apoio do seu grupo de amigas e a súa familia. E é que a Berto pásanlle as mesmas cousas que che poderían pasar a ti, porque Pablo Carreiro fai moito fincapé en resaltar a importancia da vida tal como é, sen reviravoltas estrafalarias de guión para facela máis atractiva. Ademais, se es millenial, a conexión está case asegurada.

O libro comeza cunha especie de dramatis personae no que se nos presentan o propio Berto e mais a súa contorna: o seu grupo de amigas (Lorelá, Hannah e Rika), os colegas (Ricky e Marco) e a familia (Mamá, a súa irmá pequena, Cayetana e o gato Sasa), todos eles definidos de forma moi sinxela pero concreta, case como arquetipos, un recurso que lle funciona moi ben á hora de crear escenarios cun humor rápido e resultón. Ademais, entre as vivencias dos personaxes, que xa de seu resultan moi familiares, atopámonos con anécdotas escritas do propio autor. Detalles arbitrarios da súa vida que amplían esa sensación de calidez e pertenza.

Xa que logo, Chico! #2 está composta por tiras autoconclusivas cheas de humor e amor polo cotián, unha oda tenra ao día a día e aos detalles que nos alegran a vida, sen poder fuxir da realidade, que ás veces se atopa acazapada nalgunha das esquinas das viñetas e salta ao centro do escenario, achegando un toque agridoce que nos pode lembrar a algúns dos referentes do autor, como Peanuts de Schulz, Macanudo de Liniers ou Calvin e Hobbes de Bill Watterson.

E, sen dúbida, outro punto interesante desta obra é a visibilidade e normalización da diversidade sexual. Temas como a homosexualidade, a promiscuidade ou a orientación fluída, entre outros, son incluídos cunha incrible naturalidade, sen unha posición socio-política deliberada marcada. Algo que non debería ser incrible pero que, tristemente, segue a selo.

Non se trata, polo tanto, dun cómic que nos vela falar da diversidade; trátase dun cómic que a inclúe no cotián, cunha relación simétrica co resto dos elementos que o conforman.

Viva Spice! e Ukiyo!

As andanzas de Berto e compañía comezaron no Instagram do autor (@p_carreiro). Cando contou co suficiente número de historias para compoñer un volume sólido e despois de ver a súa proposta rexeitada por varias editoriais, decidiu crear un crowdfunding a través de Libros.com. En menos dun mes obtivo o diñeiro necesario para facer a súa novela realidade, que viu a luz en outubro de 2019. En pouco máis dun ano, temos a sorte de contar coa segunda parte. Dado o formato e natureza das viñetas, é moi probable que Chico! sexa para longo.

Pablo traballou e continúa traballando noutros proxectos creativos, como ilustracións e webcomics para xornais e revistas. Ademais, o pasado ano comezou coa súa exposición itinerante Viva Spice!, co seu grupo favorito como fío condutor. Aínda que moitas datas e lugares foron cancelados pola situación sanitaria, a xira non está concluida. Pódense consultar próximas datas a través das redes sociais do autor, onde tamén se pode botar un ollo ao seu último proxecto, Ukiyo!, un cómic sobre cultura xaponesa no que Pablo explica tradicións coa súa especial maneira de contar as cousas.

Compartir el artículo

stats