Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Repouso de rei

Santa María de Castrelo, Castrelo de Miño

Exterior do templo

Exterior do templo

Vista exterior da igrexa de Santa María de Castrelo.

Ábsida do mesmo.

Pinturas murais

No corazón do Ribeiro, rodeado de viñedo e de río, álzanse Castrelo de Miño e mais a súa igrexa de Santa María, outrora mosteiro e escenario de numerosos acontecementos históricos. No ano 947 era cenobio monxil, que tivo como unha das súas máis destacadas abadesas a Goto Muñoz, viúva do rei de Galicia Sancho Ordóñez. Ambos recibiron sepultura neste magnífico monumento de orixe románica no que os séculos deixaron numerosas pegadas e avatares.

Da antigüidade do poboamento destas terras dan conta os achados atopados, que suxiren que foi en tempos unha cidadela castrexa dominada despois polos romanos. Era atalaia defensiva dun dos roteiros que ían a Santiago desde Portugal, pasando por terras ourensás. O antigo conxunto monacal puido ser dúplice –unha á para monxas e outra para monxes– e sábese que estivo rexido no século X pola referida dona Goto, viúva do monarca falecido no ano 929 e enterrado na igrexa que é hoxe parroquial.

Foron moitos outros os acontecementos que por aquí pasaron, como a morte do rei Sancho I de León, chamado O Craso, que faleceu –din as crónicas– ao ser envelenado en 967 polo conde rebelde Gonzalo Menéndez quen –ao máis puro estilo das intrigas políticas da época– lle ofrecería unha mazá empezoñada. Posteriormente, os restos do rei serían trasladados á cidade leonesa. Neste mosteiro tamén estivo preso o arcebispo Xelmírez en dúas ocasións. A primeira, cando se dirixía a asinar unha capitulación sobre o fillo de dona Urraca, o pequeno Afonso, que alí se atopaba ao coidado da condesa de Traba e, a segunda, cando regresaba de Portugal atravesando o Miño. O pasado foi deixando moitos outros episodios, á vez que as distintas épocas foron reformando o conxunto monumental.

Do románico inicial, a igrexa mantén a torre e a ábsida semicircular do século XII, con relevos en canzorros e metopas onde poden verse monxes, lobos e a aguia da lenda, a que din que advertiu a Xelmírez dunha posible traizón por parte de Airas Pérez. Tamén no adro pódense observar diferentes pezas da época. O resto do templo foi reconstruído en 1763, en estilo barroco. No interior destacan o arco triunfal e mais as pinturas con escenas do Xuízo Final do século XVI (1560), aínda que a traza aparente románica. Conservan todo o seu esplendor e colorido. Con contrafortes no muro norte e sur rematados por pináculos con bólas, este monumento está situado na parte alta do núcleo de Santa María e ten unhas magníficas vistas cara ao encoro e o río, elemento fundamental na historia do municipio. En tempos medievais había unha ponte sobre o Miño de cinco arcos iguais que, segundo a lenda, foi construída por san Pedro Telmo e destruída por unha riada no século XVI, polo que viaxeiros e mercadorías durante longo tempo tiveron que pasar en barca.

O encoro asolagou terras de viñedos e parece ser que dous afloramentos termais, a Burga Alta e a Burga de Abaixo, que brotaban a 60 e a 47 graos, respectivamente. Cando as augas da presa descenden, aínda pode verse un dos mananciais.

O concello garda outras mostras barrocas noutras igrexas como a de Macendo, de nave rectangular e tres corpos, arcos de medio punto, cabeceira cadrada e tribuna aos pés. Esta parroquia conserva testemuños prehistóricos: mámoas do Vedado do Roxón, onde tamén houbo un castro. Outros templos de interese son os de Astariz, Tallón, Santo Estevo e Vide, xunto cos seus cemiterios e casas reitorais. Sen esquecer o que teñen no interior, como os retablos de Santa María de Astariz, do artista valisoletano Antonio Salvador Carmona. Realizados en 1748, foron doados polo conde de Troncoso, mecenas da comarca.

Polo Camiño Miñoto Ribeiro

Por Castrelo de Miño discorre o Camiño Miñoto Ribeiro que enlaza, desde tempos antigos, o norte de Portugal con Compostela. Segue transcorrendo na maior parte do seu trazado a través daqueles mesmos carreiros, calzadas romanas e camiños medievais. No concello existe un roteiro sinalizado que pasa polos diferentes puntos de interese histórico, os mesmos que eran paso para os peregrinos que se dirixían á cidade do Apóstolo. Comeza no lugar da Ponte, onde antigamente os romeiros cruzaban a estrutura sobre o río, destruída en 1550 por unha crecida das augas, e que se localizaba entre a presa e o viaduto actual. Antes de tomar senda para seguir polo Ribeiro, os camiñantes descansaban en Santa María e o seu mosteiro, e probablemente acudían ás termas do Diestro para curaren das súas doenzas. De época romana, pódense ver cando o caudal do encoro está baixo; é entón cando asoma un pequeno alxibe, a canle e pías de granito para aproveitar o afloramento de tipo sulfuroso e ferruxinoso.

O antigo traxecto ofrece outros puntos de interese como a aldea de Reigoso, onde existe unha estación de petróglifos. Hai diferentes representacións, especialmente coviñas, algunhas delas aliñadas, cruciformes ou en círculos. Existen moitas outras insculturas rupestres, como O Panel, o petróglifo de Vide ou o Abrigo da Canteira.

Compartir el artículo

stats