Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Libros para un país

Cuberta de Un ollo de vidro (1922).

No meu maxín de pícaro gravouse a cuberta d´Un ollo de vidro, de Castelao. A imaxe do ollo dentro da caveira fascinárame, coma faría o propio relato de ultratumba. El será verdade que, tras a morte, miraremos a vida? A fe é poderosa, pero mellor vivir o presente para non laiarse do pasado. Este texto foi o primeiro de creación literaria publicado polo rianxeiro. Saíu na editorial Céltiga, sita en Ferrol e sostida por Xaime Quintanilla e Ramón Villar Ponte, uns verdadeiros dínamos made in Galiza militantes das Irmandades da Fala.

O Novo xuez de Gonzalo  López Abente, volume publicado por Céltiga.

O Novo xuez de Gonzalo López Abente, volume publicado por Céltiga.

A editora fundouse hai un século para ser a casa do libro galego e en galego. Un propósito coma unha cuña para fender contra a desculturización do país. Aquela xente ía contracorrente porque a porcentaxe de analfabetismo era moi alta. E a meirande parte da sociedade letrada vivía de costas á nosa cultura. Entendíana coma unha expresión pintoresca ou unha representación folclórica no senso máis pexorativo; é dicir, unha expresión inculta das almas mortas. Céltiga publicou, pois, para o futuro. Nada había asegurado, todo era canear atrancos. Hoxe estudámolos nos libros escolares e nos manuais da literatura.

Feliz tenacidade! Tras pechar en 1923, Céltiga tivo continuidade na Coruña coa Editorial Lar (1923-28). Logo proseguiría co nome de Nós (1928-36), a editora de Ánxel Casal violada polo franquismo, preludio ao asasinato do dono.

A editora fundouse apra ser a casa do libro galego e en galego

Céltiga (nome coa resonancia do mito fundacional) comportouse, entón, coma unha peza máis no proceso de dotar Galiza con estruturas propias, alleas do poder, capaces de galvanizar a conciencia nacional nun tempo en que a autonomía era unha demanda minoritaria. Hoxe, agás os tolos e mais os feixistas, ninguén renunciaría a este dereito político nin a desenvolvelo deica a liberdade. Porén, o destino dos promotores de Céltiga foi tráxico: o médico Xaime Quintanilla (renovador do teatro galego e que chegou a alcalde socialista de Ferrol) foi fusilado no 36; Manoel Morgado (administrador, concelleiro socialista e obreiro do metal) foi asemade fusilado nesa altura; Fiz Álvarez Castelo (secretario): preso político; Ramón Villar Ponte (xerente): represaliado. Os tres primeiros libros publicados pola editorial son textos teatrais. Tamén houbo relato curto nela e só un volume de poesía. Algúns autores que alí publicaron foron López Abente, Euxenio Montes ou Correa Calderón. As cubertas deviron asinadas por Castelao, Díaz Baliño, Álvaro Cebreiro ou Fernández Mazas. Letra e pintura, un cóctel delicioso.

Almas mortas de Antón Vilar Ponte, volume publicado por Céltiga.

Almas mortas de Antón Vilar Ponte, volume publicado por Céltiga.

Malia que o discurso correcto estima a arte, a realidade é que as editoriais galegas contemporáneas son refuxios de resistencia cultural. A alta precariedade contrasta co éxito da literatura galega, recoñecida a nivel internacional, tanto en prosa coma en poesía. Non digas que Galiza é pequena como escusa para renunciares ao idioma: es ti quen tes a visión diminuta, a esperanza espenicada e a confianza avesía! Porque contra prognóstico, aquí seguimos. En nós reside o segredo. Compartímolo entre a comunidade. O éxito é o cerebro colectivo. El exprésase na distinta arte, no patrimonio (in)material, nos honrados costumes ou na paisaxe.

Vénme agora á mente unha escena do filme Desexando amar, do director Wong Kar-Wai (delicada peza sensual que volve aos cinemas). Cando o protagonista afuraca na árbore, farfalla palabras, despois e que ben xuntas, conforman un segredo. Ao final, tapa o buraco con barro. Alí gardarase para sempre. Gústame imaxinar que no carballo ou na sobreira, nos bídolos ou nos castiñeiros desta nazón de Breogán hai gardados milleiros de confesións. Nalgúns detectamos o segredo que permite funcionar a fábrica da cultura galega.

Martiño Dume (s. VI) escribiu textos coma oráculos. Tras converter o reino suevo ao catolicismo (sendo o primeiro reino católico de Europa), cavilou sobre os costumes pagáns da anterga Gallaecia. E dixo: “adoran o espírito das árbores”. Eu engado: “nelas gárdanse os máis íntimos segredos da nosa terra”.

Compartir el artículo

stats