Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Para alén das modas

Unha novela sobre a observación

Para alén das modas

Berta Dávila gañou o Premio Repsol de Narrativa Breve 2020 con Illa Decepción (Galaxia) e converteuse deste xeito na primeira autora que o consegue dúas veces. A novela curta está a ser un dos grandes éxitos comerciais da tempada. A obra está dividida en dous “universos literarios” que se entrecruzan e se solapan: ‘Algunhas casas” e “Illa Decepción”. As dúas características principais nas que se sustenta o libro son a metaliteratura e a observación poética da cotidianidade.

Dávila insire o lector nun xogo. Non só porque un dos cernes da obra sexa a experiencia como gamer da propia narradora co título Beautiful Island (inventado pola autora), senón porque a narración é, sobre todo, unha guía sobre a propia construción dunha novela desde o punto de vista da escritora Berta Dávila, convertida en personaxe dunha ficción protagonizada por ela, polas persoas do seu contorno, pola situación que o sobresalta todo cando a pandemia de covis asola o planeta e as prioridades se han adaptar a un novo escenario.Un novo escenario dominado pola casa. A casa como refuxio mais tamén como gaiola que obriga a estimular a experiencia vital mediante a lembranza e a imaxinación.

En Illa Decepción Dávila compón unha novela sobre a observación. Mais non cos ollos de documentalista ou coas técnicas da crónica, senón coa mirada dunha poeta. A escritora pescuda no ordinario até dar con ese momento único no que a realidade se eleva e lle permite á narradora conectar unha vivencia co recordo dunha lectura ou atopar, coma unha filósofa do doméstico, o aforismo necesario para entender ese todo caótico que, coma o po en suspensión, a arrodea. Outra volta a poesía a facer preguntas e a intentar pór cancelas no inaprensible.

A novela está escrita cun estilo preciso e sobrio, sen perder en cambio a profundidade nin o longo alcance literario. O esforzo por puír o texto trasládase tamén ao exercicio das técnicas literarias propias da autoficción. A narradora reescribe o relato conforme a percepción vai cambiando, non ten medo a amosar as costuras. Na onda de Emmanuel Carrère, Joan Didion ou Álvaro Enrigue, a autora-narradora amósase cunha brillante combinación de desenvoltura e solvencia. Obviamente, con todas as ameazas do xénero: a autocondescendencia, o sentimentalismo, os ecos doutras experiencias individuais. Mais a escritora compostelá mantenas todas a raia.

Con Illa Decepción, Dávila confirma que é unha das voces máis interesantes da literatura galega actual, unha moza veterana (trinta e dous anos, oito obras, nove premios) a salvo de modas ou etiquetas. Unha autora que escribe para o tempo no que vive, cunha visión persoal, mais común a un público lector de literatura pouco atendido por gran parte da biblioteca galega contemporánea.

DÁVILA, Berta, Illa Decepción, Galaxia, Vigo, 2020, PVP. 14, 25 €

Para alén das modas

Para alén das modas

Compartir el artículo

stats