Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sangue do Norte, sangue do Sur

Os viquingos na xenética paneuropea

Drakkars navegando,nunha secuencia da serie de TV Vikings (2013). Na imaxe pequena: un momento na celebración da Romaría Viquinga de Catoira.

Se hai un pobo que quedou na memoria europea foron os viquingos. Especialmente nas terras litorais ou veciñas cando, entre 750 e 1050, foron espertar nelas aquela pregaria a Deus que imprecaba “fura normandorum, liberanos Domine” (‘líbranos Señor da fura dos normandos’). Así, con dita latinización da denominación xermánica é como viñan denominarse os habitantes dos países escandinavos que formaban os pobos coñecidos como viquingos. Agora, un estudo sobre a xenética destas xentes do Norte, publicado o pasado setembro na revista Nature, demostrou que os seus movementos marítimos e comerciais (moitas veces con importantes doses de violencia) supuxeron levar o sangue nativo a diversas partes do continente europeo e asemade incorporar ao propio esoutro dos habitantes das zonas visitadas-atacadas. Este estudo foi feito a partir da escavación de diversos enterramentos situados no Atlántico norte europeo cun equipo interdisciplinar formado por case cen membros. Os autores salientaron dous xacementos en illas suecas e outro nunha illa danesa que tiñan restos humanos pertencentes a individuos de terras máis meridionais, posiblemente de épocas serodias do ciclo viquingo, cando xa había unha rede comercial entre Escandinavia e diversos territorios europeos e groenlandeses. En sentido inverso, nun xacemento das illas Órcadas, ao norte de Escocia, os arqueólogos atoparon restos de poboación local (pictos) enterrados á maneira viquinga.

En conxunto, os investigadores lograron secuenciar o xenoma completo de restos correspondentes a 442 individuos, os máis pertencentes ao ciclo viquingo. Unha primeira conclusión que foron tirar é que os viquingos posuían unha cultura común (relixión, costumes, arte de navegar) pero tiñan perfiles xenéticos distintos segundo o seu lugar de asentamento e as correspondentes vías de expansión. Así, os que estaban situados no sur da actual Suecia foron cara ao Báltico, chegando incluso a fundar o Rus de Kíev, a primeira forma estatal en terras eslavas; pola súa banda, os viquingos daneses orientaron as súas rutas cara ás Illas Británicas, a faciana atlántica europea e mais o Mediterráneo; finalmente, os viquingos dos fiordos (a actual Noruega), levaron a súa expansión a Islandia e Grenlandia.

Ao ser un pobo con grande habelencia para a navegación, e sendo as súas terras pobres para establecer un sistema agrícola e gandeira suficiente, orientaron a actividade cara ao comercio (especialmente de compra-venda), que completaban moitas veces co saqueo violento ou incluso con servizos militares a soldo. Entre os produtos obxecto das súas rapinas estaban as persoas, que trataban coma escravos. O feito de que tivesen preferencia polas mulleres podería explicar a presenza de xenes meridionais nas poboacións viquingas.

Para poder garantir as rutas comerciais foron establecendo asentamentos, comezando pola costa británica oriental, que nalgunhas ocasións chegaron a constituír verdadeiros reinos. Foi ese, entón, o caso de Normandía, cando en 911 Carlos III o Simple concedeu unhas terras ao xefe viquingo Rollon para defender Francia dos ataques doutros viquingos: un ducado que lles permitiu en 1066 cruzar a canle da Mancha e conquistar Inglaterra, e en 1071 expulsar os musulmáns de Sicilia por conta do Imperio bizantino e establecer nesta illa un reino que durou un século.

Entre as terras atacadas polos viquingos estivo, naturalmente, Galicia, tanto pola súa situación xeográfica como pola atracción que espertaba Compostela. Uns ataques nos cales cabe salientar a batalla de Fornelos, no río Louro, que permitiu que oito mil guerreiros viquingos entrasen pola ría de Arousa con cen naves, vencesen o bispo Sisnando e atacasen a rexión. Un asunto que podería poñer en relación este estudo e a marca xenética deixada polos viquingos en terras do sur de Galicia sería unha maior prevalencia de glaucoma a causa da chamada síndrome de exfoliación, coma xa sinalaron hai tres anos Antonio Salas, profesor da Facultade de Medicina, e Federico Martinón, xefe de Pediatría do Hospital Clínico de Compostela.

Compartir el artículo

stats