Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Héctor Cajaraville | Editor dos "Cadernos persoais" de Lois PereIro

“Este libro vai diluír clixés que subsisten sobre Lois Pereiro”

O escritor Héctor Cajaraville. Distrito Xermar / Cedida pola AELG

A publicación de material inédito da obra de Lois Pereiro constitúe unha das noticias culturais do ano en Galicia. O escritor Héctor Cajaraville correu a cargo da edición destes Cadernos persoais (Chan da Pólvora) cos que se conmemorará, o próximo 24 de maio, o 25 aniversario da morte do poeta

–Teño entendido que este material recopilado, xa hai tempo que foi descuberto. Como recibiu que lle propuxeran o reto de ser responsable da súa edición?

–Os cadernos de viaxe e mais a axenda de Lois Pereiro chegaron a min en 2011 a través de Edicións Xerais de Galicia. A idea inicial da editorial era publicalos naquel mesmo ano, xa que en 2011 se lle dedicou o Día das Letras Galegas a Lois Pereiro. Pero logo o proxecto paralizouse e agora, dez anos despois, é Chan da Pólvora quen se vai encargar da súa edición, coincidindo co vinte e cinco aniversario da morte do autor.

De que constan estes cadernos inéditos que proximamente verán a luz?

–Neles hai un pouco de todo: desde simples anotacións realizadas durante as diferentes viaxes de Lois Pereiro por Europa ata bosquexos de poemas (e incluso poemas enteiros), ideas para relatos, aforismos, citas literarias e musicais, reflexións e anécdotas de todo tipo. Aínda que, malia esa disparidade (e a distancia espacial e temporal entre uns escritos e outros), non é difícil atopar unha serie de fíos condutores que lle outorgan ao conxunto certa unidade en canto a estilo, temática...

–Que cre que achega este material para o maior e mellor coñecemento da dimensión literaria da obra de Lois Pereiro?

–O máis importante é que nos dá a coñecer a esfera máis íntima do autor: a súa curiosidade universal, a súa capacidade de observación, o seu inconformismo... Creo que servirá para diluír os clixés que aínda subsisten arredor de Lois Pereiro: o de poeta maldito, vencido pola enfermidade, que só fala desde o hermetismo, o fatum ou a autodestrución. Estes irradian vitalidade, calma, sentido do humor... Os que o coñeceron, destacan que Luisón (como lle chamaban na confianza) era un tipo moi divertido, “que le sacaba punta a todo”. Algo diso hai nestes cadernos!

–Atopou algo que o sorprendese, que non esperaba?

–En realidade, eu coñezo a obra de Pereiro de xeito moi tanxencial. De modo que para min todo resultaba sorprendente, porque eu en 2011 tiña a idea preconcibida dese Lois Pereiro escravo da súa circunstancia, do seu pesimismo vital, mesmo da súa imaxe. Pero a transcrición e despois a lectura sosegada destes cadernos ofrecéronme o retrato dun home con moitas facetas, entre as que a do poeta do marxinal é só unha máis, nin sequera a principal. É máis, tamén estes textos poden servir para coñecer un Pereiro “non poeta”.

–Cando se publica unha obra destas características, hai quen se pregunta se, como se trata duns apuntamentos persoais, ao autor, xa falecido, lle gustaría ou non que se publicasen. Formulouse Vde. esta cuestión?

–Si, por suposto, reflexionei sobre iso moitas veces, aínda que no meu caso eran xa “feitos consumados”. E supoño que antes ca min tamén o fixeron os depositarios destes cadernos (principalmente o seu irmán, José Manuel Pereiro) e os editores que se interesaron pola súa publicación. Pero a conclusión unánime é que a Lois Pereiro si que lle gustaría que estes textos visen a luz. Primeiro, porque el sempre foi un poeta que se espiu nos seus textos ata o máis íntimo, que compartiu a súa esfera privada en cada poema. Segundo, porque nos cadernos pode observarse un alto coidado estético polo que escribe, o que lles confire unha innegable calidade literaria. E terceiro (e isto xa é suposición miña), porque coido que lle gustaría que a súa figura fose coñecida desde esoutra perspectiva: a de quen busca tirar o máximo proveito da vida malia ser consciente (ou xusto por iso) da súa brevidade.

“A súa obra forma parte do canon literario dos grandes autores da segunda metade do século XX”

decoration

–En 2011 dedicóuselle, non sen polémica, o Día das Letras Galegas. Vde. opina que foi suficiente para que se coñecese a verdadeira dimensión da obra de Pereiro?

–Penso que non. O gran reto daquel ano era que Lois Pereiro deixase de ser un autor de culto e pasase a ser un autor popular (creo lembrar esa era a angueira do seu amigo e principal promotor da homenaxe, Manuel Rivas). Algo se conseguiu, pero o obxectivo non se completou. Por exemplo, é indiscutible que Lois Pereiro forma parte xa do canon literario dos grandes autores da segunda metade do século XX. Pero aínda hoxe, vinte e cinco anos despois da súa morte, teño a sensación de que segue sendo unha icona, unha imaxe rebelde e transgresora, máis ca unha voz poética que se vale de seu, sen necesidade de engádegas estéticas ou procedentes da traxedia persoal do autor. De feito, estou seguro de que a súa obra se valoraría máis se a súa vida encaixase nos estándares do poeta “convencional”.

–Cales son as características que mellor definen a obra de Lois Pereiro?

–Eu non son un gran coñecedor da súa obra, máis alá de ler (hai xa bastante tempo) os seus dous libros de poemas máis recoñecidos: Poemas 1981/1991 e Poesía última de amor e enfermidade. Por iso prefiro acollerme ás palabras doutros que o coñeceron ou indagaron na súa poesía e na súa vida máis ca min. Destaco dúas achegas que me parecen moi acaídas. A primeira, a do tamén poeta Daniel Salgado: “É imposible ler a súa obra sen saber como foi a súa vida”. Porque a poesía de Lois Pereiro parte sempre das súas experiencias vitais. E a outra, a do dramaturgo Lino Braxe, falecido recentemente: “Sinto os seus versos como a compaña final. [...]. Un bo xeito de despedirme deste estúpido paseo cotián pola vida”. Braxe tamén deixou dito: “Oxalá o último alento da miña vida sexa para evocalo”. Pode un poeta aspirar a máis?

–Déixase ver que a obra poética de Pereiro marcou pegada na actual nova xeración de poetas galegos?

–Non estou moi ao tanto de cara a onde camiña a poesía galega actual. Non teño moita capacidade para abordar con solvencia un xénero tan complexo. O que si que teño claro é que non imaxino un ou unha poeta galega actual que se poida ter por tal e que non coñeza a obra de Lois Pereiro.

Compartir el artículo

stats