Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Colombianas entre dous séculos

Crónica dunha narrativa anunciada

Vista de La Candelaria, no centro histórico de Bogotá.

Vista de La Candelaria, no centro histórico de Bogotá.

Ata os anos 80 do pasado século –ano máis, ano menos– as mulleres casadas en España empregaban, á hora de identificarse e por razóns de prestixio social ou de clase, os apelidos dos seus respectivos esposos precedidos do “de” preposicional como nexo de relación e ata de pertenza. Tal costume mantíñase asemade nas prósperas familias crioulas de países hispanoamericanos como Perú, México, Chil..., aínda en no caso de donas formadas culturalmente en países europeos (Francia, Italia...) e integrantes de minorías selectas que comezaban a colaborar en prensa ou converterse –dende finais do s.XVIII, mais sobre todo no XIX– en pioneiras da creación literaria. Nelas era habitual agocharse baixo pseudónimo.

Colombia, república independente en 1819, pode exemplificar moi ben isto que dicimos nos nomes de Soledad Acosta de Samper (Aldebarán), que fundou en Perú a "Revista Americana"; Amira de la Rosa, autora da novela Marsolaire (1941); Waldina Dávila de Ponce de León, adiantada no cultivo do xénero novelístico en Próceres (1884) e defensora da emancipación da muller; Elisa Mújica Velásquez, colaboradora dos xornais "El tiempo" e mais "El espectador", que comezou a súa traxectoria como novelista con Los dos tiempos (1949) ou Rocío Vélez de Piedrahita, que en Terrateniente critica os poderosos señores da terra pertencentes á aristocracia rural.

Laura Restrepo.

Laura Restrepo.

Mais o avance da situación da muller bateu cunha longa etapa de confrontacións civís armadas que, dende 1850, afundiron o país na violencia. Aínda así, no que atinxe á praxe literaria, o ton airado e duro do rexistro expresivo; a actitude reivindicativa; a denuncia da fonda e plural marxinación que pesa sobre a muller; o rexeitamento do machismo nos ámbitos individual, familiar e social; a indagación na corrupción xeneralizada; a arriscada loita por acceder aos ámbitos do poder reservados tradicionalmete aos homes; a liberación de complexos íntimos da sexualidade, das obrigadas cargas do fogar e do matrimonio; a necesidade de acadar unha expresividade e unha ollada característicamente feminina sobre a realidade e sobre as relacións humanas; as historias propias da actual “nova crónica” coa súa mistura de narración literaria e escrita xornalística son parte do feixe de trazos da narrativa colombiana de muller que vai de 1975 ata 2020 e que presenta a seguinte panorámica, que aquí tentamos condensar, de autoras e títulos.

Marvel Moreno.

Marvel Moreno.

Un posto moi principal é ocupado aquí por Laura Restrepo, a que máis e mellor novelou ( e aínda pasou polas páxinas de prensa) a complexa e plural vida do país coas súas xentes, escenarios e problemas (corrupción, confrontación social, exilio e pobreza, etc). Leopardo al sol (1993), Dulce compañía (1995), ou La novia oscura (1999)son títulos salientabeis da súa novelística. Anteriores a ela temos a María H. Uribe de Estrada, bibliófila e políglota, que animou a tertulia “La Taberna". Polvo y ceniza (1963) como libro de contos e a novela Reptil en el tiempo (1986 ) –o primeiro influído polo existencialismo– son ben representativos do seu labor. Nos anos trinta naceu Flor Romero, compañeira de prensa de García Márquez en "El Espectador". Feminista activa, Triquitraques del trópico (1972) e Mi capitán Fabián Sicachá (1968) son dúas das súas mellor consideradas novelas. Anotamos a súa amplísima contística. Ao seu carón, Marvel Moreno, hoxe obxecto de reactualización. Formou parte do Grupo de Barranquilla e foi pioneira na presencia da muller na universidade. En diciembre llegaban las brisas (1987) foi súa primeira e máis celebrada novela, centrada en personaxes femininos, como acontece tamén nos seus contos (El encuentro y otros relatos, 1992).Formada en Europa, Albalucía Angel é, sobre todo, autora da novela Estaba la pájara pinta sentada en el verde limón (1975), arquetipo da temática da violencia – guerra civil – colombiana.

Teatro, literatura infantil, xornalismo

Teatro, literatura infantil e xornalismo foron terreos nos que se desenvolveu Fanny Buitrago, novelista que frecuenta a ironía, a parodia e a renovación técnica. Situada por algúns como adiantada á posmodernidade, a súa visión da muller abrangue o amor e o erotismo e a súa escrita salienta pola súa expresividade de raíz popular. A aparición de Misiá Señora (1972) representa a súa plena incorporación á novela feminista, liña na que tamén está Las andariegas (1984). Cola de zorro (1970) e mais El hostigante verano de los dioses (1963) acreditan a súa ollada de forte crítica social. Profesora universitaria e xornalista, María E. Bonilla Otoya, é cultivadora da “nova crónica” literario-xornalística. A novela Jaulas (1984) é título relevante na súa traxectoria literaria.

Melba Escobar.

Melba Escobar.

E non deben quedar sin referencia as recentísimas Pilar Quintana, coa dura e asfixiante La perra (2018); Carolina Sanín, cos relatos de Los niños (2014). Melba Escobar espléndida en La casa de la belleza, (2015) e logo en La mujer que hablaba sola (2019); Ingrid Rojas Contreras, de fonda e intensa denuncia da violencia e a pobreza en La fruta del borrachero (2016); Paola Guevara, de inspiración autobiográfica en Mi padre y otros accidentes (2016) e Margarita García Robayo, con Lo que no aprendí (2013), onde atopamos unha historia desmitificadora dos anos da infancia; Piedad Bonnett, mais veterana, debe rematar con Para otros es el cielo (2004) ou Donde nadie me espere (2018), de fonda problemática existencial e moral, esta cumprida relación.

Compartir el artículo

stats