Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Amor polo país

Clarividencia reflexiva

Ilustración da portada de "Dicionario irreal para un país imposible".

Ilustración da portada de "Dicionario irreal para un país imposible".

Xavier Seoane (A Coruña, 1954) ábrenos a porta do seu Dicionario irreal para un país imposible como se abrise a súa alma, mostrándonos o que pensa e ve, o que imaxina e soña, o que anhela e aborrece. Nas súas trecentas oitenta páxinas atopará o curioso lector un extraordinario corolario do antedito. Así, quen o explore, quer seguindo a orde alfabética, quer divagando entre as súas liñas, achará un humor de esencia melancólica que se expande na retranca, un lirismo que se exalta nunha prosa soñadora (moi ao estilo de Cunqueiro) como en “Fonte”: “hai unha onde din que bebeu Almanzor, e se alguén bebe cando a primeira raiola, oe o rincho do seu cabalo branco e ve o reflexo da súa crinada cabeza”. Ou na que Guillaume Manier, cando chegou en peregrinación a Compostela, lanzou tan alto o seu chapeu co xúbilo que chegou á Vía Láctea e “Claro que quizais asentase na cabeza de santo André de Slagelse, do que está rigorosamente comprobado que peregrinou a Santiago polo aire, desde Suecia, no século XIII”.

Certamente, o eixo vertebral do volume afírmase no inconmensurábel amor que Xavier Seoane sente por Galiza, polas súas xentes, pola súa historia e pola súa literatura. Porque por estas páxinas veñen desfilar, entón, xograres, trobadores e vates de distintas épocas, letraferidos ilustrados e románticos, políticos xenerosos e mártires nunha Alba de Gloria conmovedoramente vívida. Mais tamén comparecen asemade os praceres epicúreos da nosa gastronomía (lacón con grelos, polbo, empanadas épicas, queixos multiformes), e un erotismo solemne, e unha melancolía perseverante polos avatares e derrotas da nación dos galegos: “Galicia: teceres de Penélope, sombras de Sísifo. Aínda é incomprensible ter chegado aquí, e que algo se salvase, ao longo da Historia, de tanta desidia, dependencia, represión, incultura e fanatismo”.

Así, con clarividencia reflexiva e bonhomía, cunha erudición que se vén amosar exuberante e, desde logo, cun admirábel dominio da poesía da lingua, este libro confirma a singularidade de Schwarzschild, un lugar onde o espazo e mais o tempo se veñen curvar caprichosamente como unha estrela que brilla con luz propria, inmorredoira.

SEOANE, Xavier, Dicionario irreal pra un país imposible, Xerais, Vigo, 2020, PVP. 24, 13 €

Compartir el artículo

stats