Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sempre en Castelao

No centenario do Diario 1921

Dous homes: unha das pinturas sobre cartolina, con infuencias do expresionismo centroeuropeo, que Castelao levou a cabo por volta de 1921.

O 26 de xaneiro de 1921, hai agora cen anos, comeza Castelao o seu diario xusto cando chega a París. Como é ben coñecido o rianxeiro elaborou este diario durante a súa viaxe a Francia, Bélxica e Alemaña ao longo do ano, froito dunha pensión concedida pola “Junta de Ampliación de Estudios” para estudar, sobre todo, distintas técnicas de gravado.

A recepción desta obra fixo en ocasións excesiva énfase no suposto conservadurismo de Castelao, que critica aspecto da arte de vangarda. Porén, este debate ás veces é formulado desde posicións reducionistas e afastadas do contexto daquela altura. Neste sentido cómpre lembrarmos que a modernidade é algo múltiple e poliédrico, e máis aínda neses anos. Que alguén se desmarque do cubismo -sobre o que por certo escribe para a revista Nós- implica unha opción posíbel. Castelao, daquela, rexeita algunhas das escolas da arte moderna mais amosa o seu interese por outras, sobre todo pola estética de raíz popular que estaba presente en moitas tendencias da modernidade desa altura, como é o caso da vangarda rusa.

Un bo exemplo é a súa resposta perante os famosos “Ballets rusos”. Cando estaba a finalizar a estadía en París, o 20 de xuño, visita unha exposición de artistas ligada aos “Ballets rusos” que dirixía Serguei Diaghilev. Castelao deixa constancia da fascinación que lle provoca o que pode ver na mostra e realiza unha serie de reflexións xenéricas sobre o que olla, engaiolado polo pouso primitivista e popular que detecta nos artistas de quen salienta a riqueza cromatica, o ritmo e a capacidade creativa. A fonda pegada do que alí ve vai ser duradoira na obra do noso artista e chegará á concepción estética, aos deseños e figurinos da súa obra teatral Os vellos non deben de namorarse.

Entre os mellores artistas que cita nesta exposición está Natalia Goncharova (1881-1962) -unha das máis sinaladas pintoras da vangarda rusa-. Castelao percibe nela “unha fantasía verdadeiramente interesante. Un dos cadros é un traxe teatral para Liturgie: un anxo con roupas douradas e con catro ollos na cara; non se pode ollar este dibuxo por medo a perder a testa”.

Do comentario de Castelao, dedúcese que se trata dun figurino para o ballet Liturgie realizado entre 1914 e 1915, un espectáculo nunca estreado. A obra de Goncharova consérvase actualmente nunha colección inglesa. No mesmo diario Castelao debuxa unha muller con catro ollos, aínda que non é unha copia do deseño de Natalia Goncharova, xa que se limita a sintetizar a idea por medio dunha face moi esquemática que semella unha carauta, ríxida como a dun sartego exipcio. O que é evidente é que este debuxo do diario esta na orixe dun cartel publicitario para o xornal vigués Galicia, que o rianxeiro vai realizar o ano seguinte. Arte popular, primitivismo e expresionismo son, pois, detectábeis, quer no debuxo de 1921, quer no cartel publicitario do xornal.

Sen que desapareza a linealidade e o tratamento de superficies de influxo modernista e referentes simbolistas, a recepción deste primitivismo e do expresionismo de corte centroeuropeo percíbese en moitos dos debuxos do diario, o mesmo que podemos enxergar noutras obras desta altura como un conxunto de pequenas pinturas sobre cartolina: Dous homes; Muller nun bar; Parella falando; Parella nun bar e Home con pipa. Estas obras, non moi afastadas do debuxo inspirado en Goncharova, de tamaño reducido, reproducen situacións da vida cotiá captadas en cafés berlineses tal como o facían os pintores de entreguerras en Centroeuropa. Son traballos de claro influxo expresionista, cunha simplicidade que nos permite achegarnos a intres en que homes e mulleres testemuñan a experiencia da vida da cidade moderna.

A influencia do visto en exposicións como a sinalada e do cartel expresionista, que Castelao contempla pouco despois en Múnic e Berlín, fai que o artista presente estas figuras case sen espazo pictórico, plasmadas en trazos grosos e con colorido mesto, o que supón, sen dúbida, que estas creacións se acheguen a unha dicción marcadamente innovadora.

Influxo expresionista

Esta pegada do expresionismo xermánico e da arte rusa vai ser intensa e é a que deixará a súa impresión na súa produción gráfica e nos seus deseños. Neste sentido cómpre lembrar que en París ve gravado clásico e estampas xaponesas e compra material para gravar e en Múnic aprende a técnica da lineografía. Tratábase dun tipo de estampación que tiña como soporte un material industrial feito de iute que permitía un traballo rápido e fácil, que favorecía a realización de obras moi sintéticas, adecuadas para crear ilustracións baratas. Estas características facían do linóleo un instrumento perfecto para a ilustración de revistas, carteis e libros de baixo custe, como eran, en xeral, os volumes galegos desta altura. De volta a Pontevedra, Castelao ensina a técnica a artistas da súa cidade e o novo tipo de gravado vai ter axiña unha importante presenza en diversas publicacións.

Desde o punto de vista formal, a propia técnica vai favorecer unha arte máis afastada da tradición figurativa máis convencional. Por exemplo, o propio Castelao realiza xa en 1922 un cartel Esposición Castelao, un autorretrato dun expresionismo manifesto, algo que tamén se percibe nas ilustracións do seu libro Un ollo de vidro (1922).

Castelao móstrase no Diario como o que é, un home da súa época que participa no debate sobre a modernidade e esta modernidade era máis un magma que unha realidada estábel. Castelao e a súa xeración galega -penso por exemplo en Camilo Díaz Baliño- non era allea á construción dun discurso de modernidade e o seu traballo estaba encamiñado a que o noso país se mergullase nas grandes preocupacións daquela altura, mais ao tempo coa mente “sempre en Galiza”.

Compartir el artículo

stats