Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Noa Setemuíños | Escritora e profesora

“A pedra de ámbar gris nace do meu contacto coa xente do mar”

Noa Setemuíños, en Santiago. | FOTO: XOÁN ÁLVAREZ

–Como xurdiu esta historia baseada na factoría baleeira de Cangas?

–A novela ábrese coa secuencia dunha meniña que recolle unha pedra de ámbar entre a maravallada da praia. Esta nena son eu mesma, xa que durante toda a miña infancia pasei os meses de agosto en Pinténs. Non baixaba o coche á praia e tiñamos que pedir prestado o burro a unha veciña para baixar todos os vultos por un carreiro. A pedra de ámbar gris nace deste contacto co mar e coas súas xentes e tamén do desexo de contar unha parte fundamental da historia do Morrazo.

–Onde se documentou para os datos históricos desta novela?

–No libro faise un percorrido histórico dende os tempos da fundación da conserveira Massó no Salgueirón e a apertura nos anos 50 de Balea, onde se vai procesar a carne dos grandes cetáceos, deica a súa decadencia. As fontes manexadas foron moitas, houbo unha etapa previa de lectura de todo tipo de textos relacionados con este tema pero, a pesar de retratar con fidelidad, por exemplo, a caza, os diferentes traballos e as dependencias da industria, a ficción é o que predomina na novela.

–Chegou a falar con algúns dos antigos traballadores ou con descendentes seus?

–Ao comezo non, pero logo funme encontrando con persoas próximas á fábrica e o seu testemuño en xeral coincidía coa visión que eu ía construíndo aos poucos sobre ela.

–Algúns dos personaxes de ficción que aparecen na novela están baseados en persoas reais?

–Habería que dicir que todos son personaxes de ficción. Incluso as figuras históricas como Marconi, Urbano Lugrís ou a propia familia Massó están presentadas dende un prisma literario. Como escritora, tomeime a liberdade de contar os feitos á miña maneira.

–Por queelixiu como “tesouro” a peza coa que titula o libro: a pedra de ámbar gris? Hai algunha lenda sobre iso ou é unha invención súa?

–Un dos momentos clave do libro é o relato da captura dun cachalote que leva nas súas entrañas unha gran pedra de ámbar gris de máis de 135 quilogramos, que será levada a París por un dos protagonistas, para ser vendida a un laboratorio de perfumes. Esta materia, vendida a prezo de ouro, continúa sendo na actualidade un dos máis prezados tesouros do mar. En canto ás lendas, a secreción estomacal do cachalote está rodeada dun gran misterio e coñeceu diversas aplicacións ao longo dos séculos: afrodisíaco, talismán, pedra preciosa ... Aí non foi preciso inventar. Outras lendas varias relacionadas con outras cuestións aparecen no relato, como a do Buraco do Inferno, que seguramente todos coñeceredes, nas Illas Ons, ou a existencia da serea de Mogor

–A pedra de ámbar gris é unha novela de aventuras, unha crítica social ou as dúas cousas á vez?

–Ten partes de novela de aventuras, como non podía ser doutra maneira, cando se relata como daban caza as baleas. Non deixa de ser unha fazaña épica, a dos nosos mariñeiros, enfrontarse a estas criaturas xigantescas. Unha actividade que existe dende hai séculos e séculos. Pero o libro non quere esquecer o impacto ecolóxico deste traballo e máis a “cousificación” que se fixo deste animal, convertido en produto industrial para enriquecemento duns poucos. Por outro lado, tamén me interesou mostrar as relacións que desenvolveron os patróns co poder durante o franquismo.

–Chámame a atención a incorporación de personaxes reais, entre eles os propios irmáns Massó, dos que di que “influenciaban coas súas decisións a vida dos empregados”...

–As fábricas Massó son un emblema dunha época, pero penso que non vén mal unha ollada crítica ao papel que representaron como industriais. É certo que en Cangas contaban con melloras como comedor, gardería, escola, vivendas, asistencia social... pero este foi un emporio construído con man de obra barata, especialmente mal pago o traballo dos centos de mulleres que integraban o seu persoal. De todos os xeitos, da lectura tamén transcende unha visión positiva dos membros da familia como persoas cunha gran formación e interese pola cultura.

–Sábese que os Massó encargáronlle a Urbano Lugrís varios cadros, e algúns deles consérvanse no Museo. Tamén lle encargaron a capela de Santo Reis. Como foi a relación dos Massó con Lugrís?

–Escoller a Lugrís naquel momento debeu ser moi significativo. Non esquezamos que o pintor formaba parte dos artistas represaliados polo réxime franquista,polas súas ideas. Formara parte das Misións Pedagóxicas e era republicano. De feito, estivo na cadea. Máis que suficiente para ser condenado ao silencio durante o franquismo.

–Disque na súa visita ás conserveiras de Bueu e Cangas, Marconi lles deu a idea aos Massó de facer un Museo do Mar. Chegou a confirmar este dato?

–Ao parecer Guillerme Marconi, na súa primeira visita, ficou impresionado pola colección particular de obxectos náuticos que a familia fora reunindo ao longo do tempo e ese puido ser o xermolo da idea da creación dun museo. Ademais, nesta visita, o enxeñeiro expresou a súa admiración polo moderno proceso de produción da fábrica de Massó. Anos máis tarde, en 1932, foi convidado á inauguración do museo. A partir de aí, o resto da historia contada en A Pedra de ámbar gris é fabulación.

–Por que rematou a captura de baleas en Cangas: porque xa non era rendible economicamente ou debido á crise económica dos propios Massó, que acabou con todo o seu imperio?

–A moratoria aprobada pola Comisión Baleeira Internacional facía inviable continuar coa caza, aínda que é certo que outros problemas se asocian coa decadencia das fábricas de Massó e, en xeral, co declive das conserveiras, que unha tras doutra foron case todas pechando as súas portas. A caza comercial, non obstante, continúa vixente en países como Islandia, Rusia ou Noruega e noutros países, baixo a farsa que constitúe a denominada “caza científica.”

Compartir el artículo

stats