Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Músicas, galegas e ilustradas

Propostas en feminino

Tamara e Masha, integrantes de Residuos Atractivas, vistas por Laura Romero.

Hai agora catro anos, aproveitando os tempos mortos omnipresentes nos festivais musicais para as bandas participantes, a baixista da banda cercedense Zënzar, Laura Romero, comezaba un proxecto no que converxían as súas dúas grandes paixóns -a música e o debuxo- coa necesidade que a propia Romero sentía de visibilizar as mulleres que fan música en Galiza. Así naceu Músicas Galegas Ilustradas.

O proxecto mántense vivo catro anos despois, aloxado na web musicasgalegasilustradas.com, e tamén deu o salto ao papel tanto coa creación dunha exposición itinerante con parte das creacións de Romero coma coa publicación -man a man con Iria Pedreira- de Ferreñas & Rock and Roll (Baía Edicións, 2019), un catálogo ilustrado que recolle trinta e unha músicas ou formacións integramente femininas que supuxeron un fito na música do país. De Ana Kiro a Susana Seivane pasando polas Garotas de Ribeira ou Mercedes Peón, o libro é un resumo perfecto do inxente traballo de Romero no seu proxecto, o que lle valeu ser gañadora do II Concurso de ideas Luísa Villalta de proxecto culturais pola igualdade, convocado pola Deputación da Coruña no 2018 e dar ao prelo esta obra.

Esa converxencia de paixóns e inquedanzas que segue a ser o motor deste proxecto permitiulle á autora atopar a resposta para a pregunta que de seguro se teñen feito todas as mulleres que un día deron o paso de se dedicar á música en Galiza, -non só no noso país-, e en calquera estilo mais nomeadamente no rock: Por que somos tan poucas? Máis en concreto, Laura Romero quixo saber se a escaseza da presenza feminina entre as intérpretes en salas e festivais era porque, efectivamente, hai poucas mulleres na música ou se había algún outro factor que axudaba a que a súa presenza fose, historicamente, case testemuñal neste eido.Así, malia ser licenciada en Belas Artes apostou por unir a súa creatividade co rigor do método científico e, ao mesmo tempo que as achegas ao catálogo feminino da música galega aumentaban, Romero tamén artellou uns gráficos nos que recolle as porcentaxes de homes e mulleres que soben aos escenarios de distintos festivais ao longo de todo o país.

As conclusións que se poden tirar do proxecto de Laura Romero semellan claras. Máis de duascentas bandas e/ou artistas mulleres galegas catalogadas e ilustradas nestes catro anos, o que mostra con rotundidade que si hai proxectos e propostas musicais no país liderados por mulleres. Porén, as porcentaxes de mulleres a tocar nos escenarios son ridículas na inmensa maioría de festivais. Botarlle unha olladela aos gráficos de Mulleres Galegas Ilustradas disipa as dúbidas: Resurrection Fest 2018, un 4% de mulleres artistas; Port América apenas chegou ao 10% na edición dese ano. Ademais, a problemática está presente tamén en festivais de pequeno formato ou alternativos como mostra o discreto 12,5% de presenza feminina no Millo Verde do 2019 ou o 0% do Rock in Rian dese ano. Non son datos escollidos a mantenta, son a realidade que reflicte o rigor do traballo de Romero, que deita luz sobre unha situación que paseniño está, canto menos, a ser contestada.

Porque grazas ao traballo de Romero e de moitas outras, hoxe en día os e as programadoras de festivais, salas e institucións teñen presente que visibilizar a muller na música é imprescindible, basicamente porque están aí, creando e achegando cousas interesantes. Un cartaz 100% masculino, por exemplo no 2010, era perfectamente “normal” e non espertaba comentarios de ningunha caste. Hoxe, de xeito minoritario aínda, érguense voces abraiadas fronte a esas programacións sen mulleres, ás que persegue o cancelo #todopirolos polas redes sociais para lles mostrar a quen o crease que as cousas están a mudar. Pouco a pouco, iso si, pois no 2019 apenas un par dos festivais analizados, Festigal cun 38% e a Festa do 17 que se fai o dezassete, cun 55%, presentan unha situación que se pode considerar normalizada neste aspecto.

Outros modelos

Evidentemente, Mulleres Galegas Ilustradas, alén das consideracións artísticas e da reivindicación necesaria ten un tremendo potencial como ferramenta educativa para lle mostrar á mocidade outros modelos e posibilidades para as mulleres -e non só a elas- fóra da cousificación ou a secundariedade que lle mostra decote o mainstream. Non só pola constatación de que existen literalmente centos de proxectos musicais e artísticos en feminino no país -do que a propia Romero é un exemplo- senón pola grande heteroxeneidade destas propostas, que abranguen desde a absoluta profesionalización até alternativas amateurs que lle permitan a rapazada entender tamén que atrás das inquedanzas artísticas non debe estar, ou canto menos non en exclusiva, o desexo de triunfar e converterse nunha estrela da música. Algo que nestes tempos en que a competitividade e o éxito económico son fomentados a todas horas vén ben deixar claro á mocidade para os axudarmos a se converteren en adultos felices e realizados.

Isto enténdeno ben no IES Álvaro Cunqueiro de Vigo, en Coia, onde a exposición itinerante creada por Laura Romero vai estar exposta durante os primeiros días do mes de marzo. Lamentablemente, e por mor das restricións sanitarias, só será visitable para o alumando do centro.

Compartir el artículo

stats