Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Memorias dunha cibdá

No castro de Borneiro, Cabana de Bergantiños

Panorámica dos muros defensivos da cibdá bergantiñá.

O concello de Cabana ocupa a parte interior da ría de Corme e Laxe, no sector occidental da comarca de Bergantiños, alí onde o río Anllóns transfórmase nun fermoso estuario. E aquí están dous dos monumentos prehistóricos máis importantes de Galicia, xa cantados por poetas: o dolmen de Dombate e o castro de Borneiros.

A vella Cibdá bergantiñá ostenta desde hai anos –do mesmo xeito que o dolmen- a máxima catalogación patrimonial. Declarado Ben de Interese Cultural (BIC), o castro de Borneiro é un museo aberto da historia galega desde que en 1924 fose descuberto para a investigación arqueolóxica por Parga Pondal e Pérez Bustamante. É tamén un dos máis antigos asentamentos de poboación conservados en territorio galaico.

O estudo dos restos materiais recuperados nas diferentes campañas de escavacións, ademais de axudar a comprender o modo de vida dos habitantes, permite supoñer que o castro estivo habitado desde o século VI antes de Cristo deica a primeira ou a segunda centuria da nosa era. E aí segue, entre a rumorosa brisa dos piñeiros pondalianos, controlando desde os seus algo máis de 200 metros de altitude todo o enclave que o rodea, desde a desembocadura do río Anllóns á ría de Corme e Laxe. Na parte central do castro, ou croa, é onde se atopan a totalidade das construcións dedicadas a vivenda, delimitada en todo o seu perímetro por un parapeto de terra –de altura variable– que aínda conserva no seu interior os restos da muralla defensiva. Para acceder desde o exterior á zona central había que cruzar a zona entremuros, onde suponse que os habitantes se abastaban de auga mediante unha fonte e onde realizaban actividades especializadas como o traballo dos metais. A defensa do poboado complementaríaa un pequeno antecastro, separado do contorno a través dun parapeto terreo ao que lle segue un foso. Estímase que na comunidade vivirían entre 300 e 400 persoas, que se dedicaban principalmente á agricultura e a gandería. Había tamén cuadras, almacéns e obradoiros artesáns, como o testemuñan as ferramentas e obxectos de metal (adornos, armas…), atopados nos sucesivos traballos de escavación. Xa na zona extramuros, foi localizada unha construción cunha pedra formosa –conserva a calor– que dá ao recinto unha condición de balneario. A sauna presenta varias salas diferenciadas por temperatura, entre as que destaca a zona de vapor e o forno. Crese que non sería só unha zona balnearia sen máis, senón que tería tamén unha función ritual, como vodas, pactos ou cultos aos deuses.

Un dos itinerarios acondicionados para coñecer a riqueza patrimonial e ambiental do concello de Cabana de Bergantiños é o roteiro arqueolóxico de Borneiro, de dez quilómetros e con punto de saída e de chegada no mesmo castro. Despois de coñecer A Cibdá, o traxecto continúa polo Monte Gontón e miradoiros como o da Fernandiña, desde o cal pódese observar unha das vistas máis fermosas da enseada da Ínsua, de todas as parroquias do concello e dos municipios limítrofes.

Proseguindo o camiño aparece o castelo de Borneiro, constituído polos restos dun poboado que destaca pola grandeza do seu sistema defensivo. Un desvío opcional achégase ata a Igrexa dos Lobos, un dolmen natural con capacidade no seu interior para varias persoas, que foi usado para refuxio de pastores e, di a lenda, tamén do Canis lupus. O cruceiro do Sacramento e a igrexa de San Xoán de Borneiro integran os elementos patrimoniais deste roteiro, do que destaca tamén a capela do Briño coa súa fonte de augas milagrosas e a súa carballeira, ademais do dolmen de Dombate, considerado como a catedral do megalitismo galego. Datado entre o 3000 e o 2500 antes de Cristo, está formado por sete grandes laxas verticais e unha que as cobre, formando unha cámara poligonal de 4 por 2,5metros.

Patrimonio de séculos

Aparte do seu abundante legado arqueolóxico, o concello de Cabana destaca pola súa arquitectura relixiosa en forma de igrexas, capelas, cruceiros e petos de ánimas. Pola súa antigüidade é reseñable o rosetón prerrománico da ermida de San Fins do Castro, mentres que de época románica quedan mostras en Santo Estevo de Anos. Vestixios dese tempo aparecen tamén nas igrexas de Cundíns, Cesullas ou Reibó, esta última cun retablo barroco que é unha pequena xoia. As dez parroquias do concello teñen máis de medio centenar de cruceiros no seu territorio. A freguesía con maior número é San Xoán de Borneiro, con once exemplares, algúns significativos e de notable factura. Polas súas imaxes e decoración destacan o cruceiro do Sacramento e o de San Fins, en Cesullas, e o dos Romero en Canduas, onde está a Casa Grande do mesmo nome. Outras edificacións señoriais que forman parte do pasado bergantiñán son a Torre da Penela e os pazos de Nantón, Corcoesto ou o de O Bosque, entre outros.

Por outra banda, a natureza que ofrece o Monte Blanco e a Enseada de Ínsua son o hábitat de numerosas aves que escollen as marismas do río Anllóns para a cría. En época de migracións grandes bandadas descansan neste fermoso estuario.

Vista parcial do conxunto castrexo.

Outra panorámica parcial de Borneiro.

Compartir el artículo

stats