Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os fachos de Galicia

Lumaradas en defensa do territorio (II)

O Monte do Facho; ao fondo  a vila de As Neves.

O Monte do Facho; ao fondo a vila de As Neves.

Con frecuencia o lume, pola súa virulencia, aparece vinculado á guerra, pero tamén aos sinais visuais que ofrecían os fachos que ardían estratexicamente nalgúns outeiros do país, xa for a través das lapas nocturnas ou do fume diúrno. “Onde hai lume, hai fume” reza o refrán.

A referencia máis antiga que coñecemos dos fachos aparece documentada en Agamenón, unha das traxedias de Esquilo (525-456 a.C). Alí cítase o ángaro ou mensaxeiro por relevos, un termo que fai referencia aos lumes ou fachos que se prendían en determinados outeiros a modo de alerta, xa for para dar conta da chegada dun barco, de misións políticas e comerciais ou de tropas inimigas. Para designar estes lumes , acuñouse no noso idioma o termo facho, e en castelán “almenara” e “fuego de atalaya”. Na costa da Galicia medieval a utilización de campás, espellos e fachos foi empregada para comunicar as torres (A Lanzada, Castellum Honesti, San Paio de Lutto, Cedofeita, etc.) que defendían a costa e mais os accesos a Santiago de Compostela de razias e piratas.

Para o Padre Sarmiento (Colección 1746-1770) “La voz facho es muy común en Galicia a las eminencias en donde, para avisar de la venida de los enemigos, se encienden hogueras; y así viene de fax, facis. Si en ellas hay farol continuo para guiar a los marineros, se llaman Faros, y si sólo para hogueras Fachos. A veces se toma uno por otro, v. g.: ô Monte do Faro, ô Monte do Facho, y éste continuamente tiene a centinelas en la marina. Desde el Facho o Parafita de Marcón” –refírese á parroquia de Pontevedra– “por su grande altura, se ve inmenso mar”. Da súa parte, cando o ilustrado José Cornide (1764) describe a organización defensiva da costa galega anota o papel estratéxico que exercen os fachos e atalaias, que dependen de “compañías en que se alistan los naturales desde la edad de diez y ocho años hasta cincuenta con obligación de tomar las armas en los rebatos e invasiones bajo las órdenes de dos o tres jefes, hombres distinguidos del país, y de dos o tres cabos, hombres llanos pero más robustos y expertos que los demás. Están armados unos a su costa con escopetas, y municiones propias y otros con fusiles de S.M. (...). Tiene[n] obligación de presentarse armados siempre que se les avise por alguno de sus jefes si da tiempo la urgencia y si no acudir a las armadas que se hacen en las atalayas para libertar con más prontitud el país de cualesquiera insulto.” Tamén do século XVIII data un documento de 1773 asinado por Don Andrés Taboada no que se titula “Sargento Mayor de Fachos de la villa de Puentedeume”, nomeamento autorizado polo Xeneral de Galicia, ao abeiro da instrución de 1º de agosto de 1762 aprobada polo rei. En fin, a documentación que conservamos, procedente do fondo documental de Casto Sampedro (Instrución y advertencia para la utilización de los fachos; 1739) e do Gremio de Mareantes de Pontevedra (Ordes sobre rondas, vixilancia, fachos e defensa no Morrazo; 1800), permítennos concluír que no século XIX chega á súa fin a utilización deste tipo de luminarias.

Cando falamos de fachos, non procede pensar sempre en atalaias fortificadas como a que existiu en Ribadeo, por exemplo, senón, en ocasións, en construcións humildes como a de Rinlo, dependentes de atalaias principais. Así, cando Cornide (op. cit) visita este facho, escribe: “Es la segunda Atalaya o facho que se encuentra en esta costa para juntar las gentes de guerra en caso de enemigos; pero no hay torre; sí sólo una miserable choza donde se pone el hachero.”

Para Soraluce Blond (1985) “los datos de las Juntas del Reino de Galicia indican dotaciones de hasta seis hombres por garita o facho, lo que supone unas dimensiones amplias y unos suministros periódicos. También se mezclan con estos destacamentos otros llamados cuerpos de guardia, con guarniciones de hasta 16 hombres (...) y las «centinelas perdidas», compuestos de un solo hombre aislado y comunicado con otros puntos de referencia cercanos.”

Caudillatos da Ría de Vigo

Un mapa do enxeñeiro Alejandro des Angles ,datado en 1762, sitúa un total de sete fachos principais protexendo a ría, desde O Cabo Silleiro (Baiona) ata o Castro Barbudo (Ponte Caldelas). Entre eses dous puntos localizábanse outras cinco lumaradas: O Facho de Monteferro (Nigrán), A Garita (nas proximidades do lugar da Sobreira, en Alcabre), o Facho de Cabanas (na freguesía de Trasmañó, Redondela) e O Facho da Peneda (Arcade; Soutomaior).

No mapa de des Angles sitúanse e descríbense un total de vinte e dous “caudillatos” dos que dependían unha serie de garitas e fachos, todos eles intervisibles, situados estratexicamente “sobre las colinas del itinerario” (Soraluce Blond; op. cit), e dotados de casetas utilizadas como abrigo de sentinelas e vixiantes. Cada un deles dependía, polo demais, dun “caudillato”. De nordeste a suroeste eran os que seguen: Caudillato de Soutomaior; tiña á fronte a Joseph Blanco Salgado “y empieza por el alto de Castro Barbudo e acaba en el puente de San Payo, tiene dos fachos y una garita”; O de Redondela tiña como caudillo a Pedro de Araujo “y termina al Rio de esta villa, tiene quatro garitas que sirven de facho y un facho en el alto de la Peneda”; Seguíalle o de Saxamonte (sic), “su caudillo Dn . Carlos Barreyro, Pereyra, y Castro, termina en el castillo de Randy” (Rande) “y con un facho en otro. Castillo”; O caudillo de Vigo era “Dn . Joseph de Parraga, termina en el arenal de Coya, con una garita que sirue de facho”; de seguido citábase ao “Caudillato de Bausas” (Bouzas) que era “dn . frano. antonio Labusta, termina en Corujo, con una garita que sirue de facho”; Caudillato de Coruxo, que tiña á fronte a “Dn . Isidro fernandes dela Cueba, y termina en el puente de la Ramallosa, tiene quatro garitas en los altos que siruen de facho”.

Detalle do plano de fachos da antiga provincia de Tui (Alejandro des Angles, 1762).

Compartir el artículo

stats