Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cativador volume

Poesía de edénica pureza

Cativador volume

Comezo con dúas evidencias. A primeira é que a literatura dirixida a un lector menor de idade non é de ningún xeito menor fronte á dedicada a un público adulto. A segunda resulta de que nas letras galegas, a pesar da súa precariedade institucional (deliberada?), somos unha potencia no xénero infanto-xuvenil. Ningún outro alcanzou máis galardóns e recoñecemento tanto a nivel estatal (Ministerio de Cultura) como internacional (a lista de honra do IBI). Lembremos a pléiade narrativa de Paco Martín, Fina Casalderrei, Xabier P. Docampo, Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas… O último en conseguilo, Antonio García Teixeiro, alén de prosista, destaca principalmente no ámbito poético.

O libro Nós outras, de Marica Campo (Val do Mao, 1948) e Menchu Lamas (Vigo, 1954) é, todo el, cativador. Como a capa informa trátase de poesía para nen@s e consta de doce pezas que abordan a temática da diversidade cunha tenrura e cun cariño enmeigantes. Doce poemas como doce alegacións contra a discriminación racial: “Non choro café/nin levo nas veas/a tinta das luras/nin froitos das hedras”; contra os estereótipos de xénero: “Xogo con bonecas,/xogas con camións,/segues a ser Clara/sigo a ser Antón”; contra o machismo das tarefas domésticas ou da vida laboral, “Traballos”; pola igualdade na diferenza: “Sangue vermello, todos e todas,/no arco da vella/iguais: persoas”; pola integración dos discapacitados en “Auriga sen cabalo”, que remata “Leva as rédeas ben sostidas/e o cabalo que non hai/ten orballadas as crinas” e dun neno con síndrome de Down en “Chámanme chinés”; pola vindicación das persoas “trans” no magnífico “Ela era un”, que comeza: “Ela era un e era outra,/era outro e era unha,/gaiola e corpo de home/a convertela en reclusa”; contra o machismo nas relacións de parella: “Se a tivese por escrava/eu estaría en prisión,/sería o seu corazón/o alxube que a apreixaba”; a louvanza dun vello retranqueiro en “Personaxes” e dunha anciá que decide ser ciclista en “Tía Dorotea”; para finalizar co conmovedor “Ti, os meus ollos” onde o suxeito poemático lle revela a un cego o universo das cores con belas sinestesias: “Explícame as cores, que eu non podo ver./A que ole a vermella? Di que sabor ten”. Neste caso o texto tamén aparece transcrito en Braille.

Poesía de edénica pureza e candor primixenio, de compromiso translúcido cos seres máis fráxiles. Acompañada sempre polas espléndidas ilustracións de Menchu Lamas, en maridaxe de abstracción polícroma e figurativismo expresivo dialogando cos versos. Finalmente o precioso acabado do volume, a calidade das cores, o deseño, as texturas, converten esta obra en algo tan especial como especialmente fermoso. Parabéns a Chan da Pólvora por editalo.

CAMPO, Marica/LAMAS, Mencgu, Nós outras, Chan da Pólvora, Santiago, 2020, PVP. 16 €

Compartir el artículo

stats