Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Road movies de noso

O Camiño de Santiago no cinema

Alba Prol e Raúl García na gravación de O Gran Camiño (2019).

David Bordwell sinalaba que o argumento da maioría dos filmes clásicos responde a un modelo canónico do relato, o cal parte dunha situación estable inicial que se altera e debe ser restaurada ao final. É dicir, toda historia comporta unha viaxe: ben xeográfica, ben espiritual. Cando ambas tipoloxías concorren nunha mesma narración, daquela xorden historias que, en termos cinematográficos, se adscriben no xénero da road movie. Pola súa parte, a ruta Xacobea compostelá reúne as condicións idóneas para contextualizar toda sorte de relatos arredor desa dobre viaxe —física e espiritual— que pode ser emprendida por motivos alén dos estritamente relixiosos.

O cine achegouse en numerosas ocasións a este itinerario espiritual, artístico e, incluso, turístico. Nos últimos tempos, a película con maior repercusión foi The Way (O camiño, 2010), protagonizada por Martin Sheen —fillo dun emigrante galego; concretamente, de Salceda de Caselas— e dirixida polo seu fillo Emilio Estévez. O filme narra a historia dun oftalmólogo que recibe a tráxica nova da morte do seu fillo nos Pirineos, cando iniciaba o Camiño de Santiago. Por esta razón, o protagonista decide carrexar coas súas cinzas e emprender a viaxe que non puido finalizar o primoxénito. Tamén en datas recentes foron estreadas dúas películas con formatos diferentes: unha comedia seudo-televisiva , Al final del camino (Roberto Santiago, 2009), e O Apóstolo (Fernando Cortizo, 2012), a primeira stop-motion realizada con plastilina en España.

Porén, o primeiro achegamento atopámolo xa en 1953, cunha película de Rafael J. Salvia, El pórtico de la gloria, concibida para promocionar o ano santo compostelán e visionada antes da súa estrea polo cardeal Quiroga Palacios. Trátase dunha produción moi na liña do cine católico filmado en España durante os anos 50, iniciada por Aspa Films e continuada por outras produtoras. Con todo, se existe unha película sobre este tema universalmente recoñecida esa é A Vía Láctea (La Voie Lactee, 1969), na que Luis Buñuel, “ateo grazas a Deus”, esculpe a súa visión do cristianismo tomando como punto de partida unha viaxe picaresca a través da teoloxía á maneira española. O fío condutor son dous vagabundos de nomes Juan e Pedro que, na época da rodaxe da película, realizan o camiño de Santiago, sen saber que ían emprender tamén unha peregrinación polas herexías.

O xénero do documental tamén proxectou a súa mirada sobre o Camiño. No ano 2016, Juan Ramón Cotelo filmou Footprints: el camino de tu vida, sobre a pegada que a peregrinación deixou nun grupo de norteamericanos. Máis recentemente, a grata sorpresa atopámola nunha pequena produción galega, The Great Way (O Gran Camiño) un documental dirixido por Alba Prol Cid e Raúl García sobre algúns dos camiños a pé máis importantes do mundo: o Pacific Crest Trail, que atravesa a Costa Oeste de Estados Unidos: o camiño Kumano Kodo na rexión do Wakayama en Xapón; o Camiño Inca a Machu Picchu en Perú e, como non, o Camiño de Santiago. A obra é finalista nos European Cinemathography Awards (Premios Europeos da Cinematografía) que se celebrarán no Teatro Tuschinski de Amsterdam o 28 de agosto, e iniciou neste 2021 unha extraordinaria andaina por festivais internacionais recibindo premios, entre outros, no New York Cinematography Awards, Istambul Film Awards, Druk International Film Festival (Bután), Silk Road Film Awards (Cannes, Francia),Virgin Spring Cinefest (Bengala, India), e Mabig Film Festival (Augsburgo, Alemania). Aplicando o lema de Chéjov, “se queres ser universal, fala da túa aldea”, Alba Prol e Rául García referendan a idade de ouro do cinema galego, cun ollar ecuménico desde a contemplación do noso.

No audiovisual televisivo

Ademais da presenza na gran pantalla, a ruta Xacobea, nos últimos tempos, tamén subiu ao tren do audiovisual televisivo ou de plataformas, consciente de que as series, na última década, acadaron unha repercusión que na actualidade está a competir coas longametraxes. O final do camiño supón un proxecto de Voz Audiovisual que conta coa colaboración de TVE e TVG e que foi emitida case simultaneamente polas dúas canles, tanto en castelán como en galego. A historia, con reminiscencias de Os piares da terra de Ken Follet, narra as peripecias que rodearon a construción da catedral de Santiago a través de tres irmáns naturais de Catoira.

Máis recentemente, a plataforma de contidos audiovisuais Amazon vén de estrear 3 caminos, un produto na que tamén participa a TVG e que está ambientada na actualidade. Interpretada por Ález González, Verónica Echegui e Celicia Suárez, entre outros, a serie utiliza o Camiño como nexo de unión entre cinco mozos de distintas nacionalidades, cuxas peripecias son presentadas en tres períodos diferentes das súas vidas, facendo, deste modo, perceptibles os cambios que acontecen arredor da súa etapa vital. De novo, un percorrido físico como metáfora dun itinerario emocional e espiritual

Martin Sheen en The Way (2010)

Martin Sheen en The Way (2010)

Luis Buñuel na rodaxe de A Vía Láctea (1969)

Compartir el artículo

stats