Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha presa de debuxos

Díaz Pardo e a xente do seu rueiro

Unha das tintas presentes no volume Unha presa de dibuxos feitos por Isaac Díaz Pardo de xente do seu rueiro (Buenos Aires, 1956).

Inserido no contexto da celebración do centenario de Isaac Díaz Pardo (Santiago de Compostela, 1920-A Coruña, 2012), o Ateneo de Santiago e a Deputación da Coruña veñen de publicar, en edición facsimilar, unha das obras máis singulares do intelectual e artista, intitulada Unha presa de dibuxos feitos por Isaac Díaz Pardo de xente do seu rueiro. Trátase dun volume que combina o textual e o pictórico que foi impreso en Buenos Aires en 1956 nas Ediciós Arsnovos, unha cabeceira tras a que estaba a figura de Luís Seoane. A tiraxe orixinal era moi reducida, composta por 200 exemplares numerados e asinados todos os debuxos polo autor. A elaboración da obra pode situarse entre 1954, data citada no texto inicial da publicación que leva o título de “Meu cabalete”, e o ano de impresión altura en que a autor xa se instalara na Arxentina.

Cómpre lembrarmos que entre decembro do ano 1955 e xaneiro de 1956 Díaz Pardo realiza en Buenos Aires, no Centro Galego, unha exposición bastante ampla das súas pinturas e tamén das porcelanas que elaboraba no Castro de Samoedo (Sada) desde 1949. O seu propio testemuño é revelador da súa situación e das expectativas que xerara nel esta viaxe á Arxentina. En numerosas ocasións recordou que decidiu emigrar como única solución e que este feito, ademais, supuña conectar coa Galiza do exilio que mantiña viva a conciencia reivindicadora: “Na Arxentina tratei especialmente a Seoane, Lorenzo Varela e Dieste. Castelao xa morrera. En 1955 voltei a reencontrarme con Seoane –que coñecera no taller de meu pai polo ano 30-. Formaba parte dun grupo moi reducido de xentes que se entendían, dispostos a morrer no exilio porque amaban a xustiza e rexeitaban a indignidade: Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Núñez Búa, Lois Tobío, Antonio Baltar, Sánchez Guisande, Otero Espasandín, Blanco Amor, Arturo Cuadrado, Martínez López, Emilio Pita, e poucos máis. Este grupo parecíame formado por xentes doutro mundo, ben diferente ao que remataba de deixar na metrópole. Dábame vergoña ir a América cunha información tan peregrina, tan feble, como a que eu levaba de acá. Seoane representou para min unha torre de saber, de bo gusto, de amor ás raíces, de estar máis cerca do futuro que ninguén e de ser todo el un exemplo de conduta, unha torre ética e estética”.

Unha das principais consecuencias desta conexión vai ser a creación da empresa Celtia S. A. (unha sociedade da que facían parte Cerámicas do Castro, galegos exiliados e accionistas arxentinos) e a fábrica de Magdalena. Neste contexto xogaron un papel importante para convenceren a Díaz Pardo de levar adiante a empresa exiliados como Luís Seoane ou Xosé Núñez Búa.

Este decisivo momento da súa vida ten reflexo no libro Unha presa de dibuxos feitos por Isaac Díaz Pardo de xente do seu rueiro onde no citado texto “Meu cabalete” expresa a ruptura co seu traballo de pintor de éxito no medio burgués da España franquista dos anos corenta e a vontade de escapar dese mundo asfixiante. Como nos recorda o testemuño que acabamos de citar do propio Díaz Pardo, a saída vai ser o contacto coa tradición da modernidade galega que representan creadores no exilio como Luís Seoane, o que o levará a comezar unha nova etapa vital e creativa presidida pola vontade de reconstrución do tecido cultural galego, con Sargadelos como proxecto nuclear e co deseño gráfico como ferramenta indispensábel, sen que iso supoña a renuncia total á súa dimensión pictórica.

Expresionismo e preocupación social

Desde o punto de vista estritamente plástico, as tintas de Unha presa de dibuxos feitos por Isaac Díaz Pardo de xente do seu rueiro están na liña do tipo de obras que xa estaba a realizar desde comezos dos cincuenta, como as ilustracións para a revista Aturuxo -creada en 1952 en Ferrol- e as elaboradas para o libro Espantapájaros de Tomás Barros, obra de arredor de 1950 e non publicada por prohibición da censura. Trátase de traballos que xa se situaban en sintonía coa a arte do Movemento Renovador da Arte Galega, logo do artista romper coa súa produción máis académica.

A marca que deixa en Díaz Pardo esta tradición é ben evidente nas pinturas e debuxos destes anos, e en especial en Unha presa de dibuxos feitos por Isaac Díaz Pardo de xente do seu rueiro onde os textos e as tintas, en simbiose, son un compendio das súas preocupación sociais (miseria, emigración, caciquismo, futuro político...) e persoais (profesión, familia...). En xeral, en todos estes traballos Díaz Pardo presenta figuras e rostros que remiten á “estética do granito”, co desacougo das faces que delatan un ollar dunha intensa inquedanza social, aspecto sempre presente no autor. Porén, un trazo que singulariza estes traballos -e tamén os óleos desta altura- é o expresionismo, mesmo con manifestas pinceladas de sarcasmo e sátira. Nestas obras Díaz Pardo lígase a un certo primitivismo expresivo -na liña de Carlos Maside, Arturo Souto ou Manuel Colmeiro- que contrasta fortemente coas obras da súa primeira etapa clasicista e académica.

Unha das tintas presentes no volume Unha presa de dibuxos feitos por Isaac Díaz Pardo de xente do seu rueiro (Buenos Aires, 1956).

Unha das tintas presentes no volume Unha presa de dibuxos feitos por Isaac Díaz Pardo de xente do seu rueiro (Buenos Aires, 1956).

Unha das tintas presentes no volume Unha presa de dibuxos feitos por Isaac Díaz Pardo de xente do seu rueiro (Buenos Aires, 1956).

Unha das tintas presentes no volume Unha presa de dibuxos feitos por Isaac Díaz Pardo de xente do seu rueiro (Buenos Aires, 1956).

Compartir el artículo

stats