Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O xeneral e os celtas

Polos roteiros de Charles de Gaulle

De Gaulle paseando pola praia irlandesa de Sneem (maio de 1969).

Líder indiscutible da Francia libre, o xeneral Charles de Gaulle (1890-1970) é considerado como un dos grandes mitos históricos. Organizador da Resistencia francesa contra a ocupación alemá e mais o fascismo, a súa proclama o 18 de xuño de 1940, polos micrófonos da BBC de Londres (traducida ao bretón), déixanos unha frase lapidaria: “a chama da Resistencia non debe apagarse e non se apagará xamais”. Winston Churchill, Primeiro ministro británico, recoñeceu daquela a De Gaulle como representante da Francia libre ante o Reino Unidos e os seus aliados. En realidade, Churchill tiña del unha opinión ambivalente: “irrítame a súa paixón e intransixencia. Porén, admiro o seu heroísmo. É un home da miña talla”. Da súa parte, os EE.UU. non se entenderon ben con De Gaulle; o seu candidato viña ser o tamén xeneral Henri Giraud, quen perdidos os eus poderes como co-presidente do Comité Francés de Liberación Nacional (Alxer, 1943), deixou o campo libre a De Gaulle.

As forzas francesas libres foron rachar de contado coa Francia de Vichy e acompañaron o xeneral, alicerzando así o seu poder militar. A Resistencia interna, moi dispersa, foi agrupada por De Gaulle baixo o seu mando, coa creación do Consello Nacional da Resistencia en 1943. Xa En xuño de 1944 os Aliados desembarcaron en Normandía; un desfile vitorioso terá lugar en agosto nos Campos Elíseos de París o 25 de agusto dese mesmo ano. De Gaulle foi exclamar: “París aldraxado!! París rachado!! París martirizado!! Porén, París liberado!!

Entre a Bretaña e o xeneral estableceuse un nó: un pacto de honra e fidelidade, simbolizado en 1960 coa inauguración do monumento aos bretóns da Francia libre: “Kentoc’h mervel” (“Mellor morrer”), o soldado que non se recoñece vencido sempre ten a razón. Dirixíndose ao pobo bretón, De Gaulle proclamou: “vós sodes a metade de Francia!”. En 1959 De Gaulle pronunciou a palabra “autodeterminación” e os alxerianos foron aclamalo en Aïn Temouchent. Condenado o golpe militar do xeneral Salan e os seus (1961), os acordos de Evian (1962), culminan unha Alxeria independente.

A explosión no maio 68, contra do consumo, o capitalismo, o imperialismo... empurrou a De Gaulle a organizar un referendo en abril 1969, que perde cun 52,41%. Ese mesmo día comunicou: “eu ceso de exercer as miñas funcións”. Ese mesmo ano o xa expresidente de Francia pasou seis semanas en Irlanda, no condado de Kerry, localidade de Sneen, onde hai un monumento que conmemora a visita. De Gaulle viaxou a Connemara e a Down, para ver o seu lugar ancestral. O presidente irlandés, nesa altura Éamon de Valera, invitouno a xantar en Aras an Uatcharain, residencia oficial en Phoenix Park (Dublín), acompañado de parentes lonxanos. De Gaulle resaltou entón as súas orixes irlandesas: “hai feitos importantes na vida dun home, e sinto -quizais debido ao sangue que corre polas miñas veas- que foi o instinto o que me trouxo a Irlanda neste intre. Un regresa as súas orixes, teño escoitado”. Os parentes do xeneral, Thérése Ghesquiére & Sean McCartan, publicaron en 2013: The McCartans of Kinelarty and Charles de Gaulle’s Irish Roots. Anthony McCartan, establecerase en Francia en 1692, integrado na Brigada Irlandesa do exército francés do rei Luís XI.

O imaxinario colectivo dos quebequeses está marcado por toda unha serie de acontecementos históricos: revolución tranquila, coa separación igrexa-estado (1960/70); Exposición universal (1967), fracaso dos referendos sobre a soberanía (1980 e 1995) e, desde logo, a visita do xeneral De Gaulle (1967), quen deixou a frase “Vive le Quebec libre!”. O Quebec, a Nouvelle France, con 8.164.361 de habitantes, é unha república francófona, con duascentas comunidades étnicas; un pais que ocupa tres veces a superficie de Francia, tendo a Montreal como gran metrópole, con 3.607.000 habitantes. As empresas Hydro Quebec ou a cooperativa de Dejardins son proxectos públicos, así como o sistema de saúde e educativo. A Universidade de Quebec à Montreal é unha das institucións máis queridas coa maior concentración de estudantes de toda América do Norte. A concepción republicana de Quebec contrasta co Canadá anglófono e liberal: colectivismo contra individualismo.

En Galicia

O 5 de xuño de 1970 chegaba ao Parador Nacional do Albariño de Cambados Charles André Joseph Marie de Gaulle, atravesando a península Ibérica a bordo do singular Citroën DS “Tiburon”, despois dunha imprescindible parada en Compostela, con abrazo ao Apóstolo e mais contemplación do botafumeiro.

Por que De Gaulle viaxou onde nós? O seu lugar de nacemento, Lille, fora poboado por celtas e viquingos. O seu tío historiador Charles estaba namorado da cultura celta e era partidario da unión entre escoceses, galeses, irlandeses e bretóns. Por outra banda, o seu avó Julien Philippe, tamén dedicado a investigación histórica, sempre lle falou con sentimento dos primitivos celtas. Con certeza, De Gaulle,achegouse a Galicia por ser un pais celta! Ao longo da súa estancia en Cambados, o xeneral tivo tempo para visitar a comarca do Salnés, así como as vilas da ría de Pontevedra (Sanxenxo, Combarro, Pontevedra, Marín...). Nomeado “Cabaleiro do Capítulo Serenísimo do Albariño”, foi agasallado cun lote de seis botellas dese viño. De regreso en Francia envioulle unha carta ao presidente da Alianza Francesa en Santiago, agradecendo un viño que cualificou de exquisito e cuxas cepas –dise-, viñeran desde Francia no s. XII a través da Abadía de Cluny.

O xeneral no balcón do Concello de Montreal (Canadá) en xullo de 1967.

Compartir el artículo

stats