Serafín Parcero | Escritor

“Nesta novela imaxino a Castelao vivindo na Illa de Ons”

Serafín Parcero,en Cangas. | FOTO: GONZALO NÚÑEZ

Serafín Parcero,en Cangas. | FOTO: GONZALO NÚÑEZ / Lourdes Varela

Lourdes Varela

–Como lle xurdiu a idea de escribir unha novela tan orixinal coma esta?

As illas dos deuses é a primeira das miñas novelas. A súa xestación foi complexa e difícil. Comecei a escribila hai moitos anos. Tiña un guión, unha localización, que ía ser o ambiente reducido e abafante dunha illa, tiña uns personaxes... pero, por unhas ou outras cousas, a historia non daba avanzado. Ata que un día, moito tempo despois e xa cunha certa bagaxe literaria no campo do relato breve, comparando os debuxos de Castelao con imaxes dos retortos piñeiros da illa de Ons, pasei das musas ao teatro: introducín a figura do insigne galeguista na trama e tamén o sicario que debe eliminalo, e as cousas foron rodadas. En menos dun ano rematei a obra.

–Esta novela mestura realidade con ficción. Cónstalle que Castelao estivo algunha vez na illa de Ons?

Ata onde eu teño coñecemento, non. O que si é seguro é que visitou o Morrazo, pois na súa obra As cruces de pedra na Galicia aparece estudado, entre outros, o cruceiro de O Hío. Así que non sería descartable que visitase Ons; mais, como antes dixen, non teño constancia.

–Houbo algún intento algunha vez de acabar coa vida de Castelao cando estaba no exilio?

Non, tampouco teño constancia. Malia que na novela se fai referencia a moitos personaxes e feitos reais, a trama é ficticia, é filla da imaxinación do autor. Con todo, historiadores recoñecidos como Paul Preston, por exemplo, documentan que houbo represión despois da guerra incluso entre os exiliados.

–Por que lles chama ás Ons “Illas dos Deuses”?

Xa Plinio o Vello no seculo I fai referencia nos seus escritos as “Insula Deorum”, as Illas do Deuses, chamadas así pola súa beleza, digna dos deuses, tamén por estar preto do Finis Terrae, a fin do mundo. O xeógrafo romano nomea tamén as illas Siccae (Cíes) Corticata (Cortegada) e Aunios (Ons). Non podo afirmar que as illas que Plinio nomea se correspondan, en efecto, coas “iIlas dos Deuses”, mais pola súa extraordinaria beleza, calquera das que forman parte do Parque Natural das Illas Atlánticas é merecente dese nome.

–Teño entendido que se documentou moito sobre Ons. Como era e como se vivía alí a principios do século pasado?

Álvaro das Casas, unha figura algo esquecida que me gustaría reivindicar, si que foi visitar Ons. Das Casas foi catedrático e director do Instituto de Noia. Así mesmo foi un dos fundadores do grupo “Ultreya”, unha organización xuvenil nacionalista formada por estudantes dos distintos centros de Galiza que visitaron diversos lugares do noso país coa intención de estudar e poñer en valor o inmenso patrimonio arqueolóxico, paisaxístico, etnográfico e cultural da nosa terra. Das Casas estivo en Ons e publicou o seu traballo no número 131-132 da revista Nós. Esa foi a miña principal fonte de documentación. O lugar, a época e as xentes axustábanse coma unha luva ao meu relato. Hoxe hai abundante documentación, mais na época do relato, a información era escasa. Nas primeiras décadas do século pasado a vida en Ons era moi distinta á actualidade. Na Illa vivían máis de catrocentos habitantes, tiña escola con máis de corenta nenos, igrexa... Mais non tiñan crego, nin médico, nin botica. Os veciños moraban de aluguer e pola terra tiñan que pagar rendas ao dono da illa. Unha vida moi dura, que se reflectía no seu carácter. Sempre segundo das Casas: “Os nenos non cantan nin xogan, son tristeiros de seu”. A pesar de todo, ningún dos seus habitantes quería abandonar Ons.

–Que ou quen é o verdadeiro protagonista da novela: Castelao, a illa de Ons ou o sicario que pretende asasinalo?

Supoño que cada lector escollerá un deles. Castelao, pola súa relevancia política e artística, pode selo para moitos. A inquietante figura do pistoleiro chamará a atención doutros. Mais entre todos eles, eu destacaría a illa; de feito solicitei de xeito expreso que o nome figurase con letra inicial maiúscula, como nome propio. Por outra banda, considero tamén fundamental a presenza dalgúns personaxes, non por secundarios menos atractivos: o Fuxido, Avelino o carreteiro, o dono da casa de comidas, a bruxa...

–En quen se inspirou para crear este personaxe do sicario?

Creo que as miñas obras están bastante influídas e comparten algunhas características coa linguaxe cinematográfica e, no caso do personaxe do sicario, coido que se poderían atopar certas reminiscencias do policía tolleito que Spencer Tracy interpreta na película titulada en español La conspiración del silencio. Levado ao outro lado do espello, naturalmente. O sicario viría a ser algo así como o “reverso escuro” do policía maneto.

–Como se documentou para poder describir a personalidade de Castelao?

Debo aclarar que non son nin historiador nin, moito menos, un especialista na vida e na vida e obra de Castelao. Si que son un grande admirador da súa obra, tanto gráfica como literaria. Na miña novela cometo a ousadía de darlle voz aos seus sentimentos, ás súas dúbidas, ás súas opinións; as miñas palabras explicitan as súas reflexións, os seus temores..., o desacougo cando é consciente do seu inminente e tráxico destino. Creo que dun modo convincente. Os lectores xulgarán, polo tanto, o meu atrevemento.

–Vde. empezou na literatura escribindo microrrelatos e relatos curtos. Como de difícil lle resultou pasar dos relatos curtos s novelas coma esta, que ten case catrocentas páxinas?

En realidade, os meus inicios no mundo da literatura foron no xénero poético. Máis adiante, influído pola miña profesión (exercín como mestre durante case corenta anos) e mais a paternidade, escribín contos para nenos e aínda teatro infantil. Ao microrrelato cheguei case por casualidade. Creo que, nunha evolución natural, do conto pasei logo o relato breve.O paso á novela longa foi un reto persoal, custoso e difícil. E aínda que a imaxinación e mais o talento non teñen idade, na transición a un relato de longo percorrido, ademais do “oficio” que creo que fun adquirindo cos outros xéneros, axudoume en gran medida o feito da xubilación, o poder ter tempo dabondo para poder dedicarllo ao reto de ir enchendo o folio en branco.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents