Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Desbordante creatividade

Alleas ás restricións

Desbordante creatividade

Desbordante creatividade

No 2005 constituíuse unha dupla, Aldaolado, que fusionou dúas poéticas, a de Lucía Aldao e a de María Lado. A feliz iniciativa xurdiu de compartiren unha visión da poesía allea ás restricións, ao encorsetamento, e a unha ansia común de espallar esta visión en recitais que non fosen cerimonias acartonadas, cansativas, soporíferas. Desde entón percorreron as salas máis variopintas e transversais do noso país, desde pubs a institutos, de bares a cubículos. Encheron as actuacións de música, cancións, imaxes, interpretacións actorais e bo humor a esgalla. Cunha actitude similar ao cabaret futurista de Maiakoski e Jlébnikov, nestas accións pula a pura rebeldía de rachar co establecido. Tamén o anhelo de romper a fronteira entre o acto de escribir e o acto de existir, pois a vida (os feitos máis cotiáns e banais que a constitúen) é poesía e, de igual modo, a poesía é unha arriscada forma de vivir, mesmo de sobrevivir.

O libro que publican, Ninguén morreu de ler poesía, compila e selecciona toda a súa produción, onde atopamos a súa irreverencia, “Droga por nós”; imaxes vangardistas, “bicos coma puzzles”; ou visionarias: “Aquí era a lúa/O seu nome era a moeda de Salomé”; efusións irónico-festivas: “os teus brazos son unha sucursal do paraíso”; e un humor caudaloso e ricaz que empapa os textos de alegría e dozura, con gotas de amargura que se dilúen no sarcasmo, como en “sen móbil non hai amor”. Noutras ocasións, “Cousas que fago cando ninguén me ve+cousas que fago por amor”, desemboca en venturosas gargalladas. Ver a Aldaolado constitúe todo un espectáculo; lelas, unha gozada, pois todas as súas páxinas rezuman unha desbordante creatividade e concitan o sagrado acto de rir ou de sorrir.

ALDAOLADO, Ninguén morreu de ler poesía, Xetrais, Vigo, 2020, PVP. 11,87 €

Desbordante creatividade

Desbordante creatividade

Compartir el artículo

stats