Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha obra necesaria

Abano de vivencias

Unha obra necesaria

As obras colectivas ben se poden considerar produtos literarios básicos dende unha dobre perspectiva. Dunha banda teñen un valor intrínseco pola obra que conteñen e, dende este punto de vista, o agrupamento nun volume de diferentes autorías contribúe á difusión do coñecemento do panorama literario, asemade alimentan a nosa educación literaria ao nos ofrecer diversidade nos discursos. Doutra banda, resultan un investimento lector posto que sempre son berce de novas lecturas de cada unha das autoras xa en volumes propios.

Non están todas as que son, mais si son todas as que están, a maioría desta decena de autoras (Marilar Aleixandre, Marica Campo, Rosalía Fernández Rial, Inma López Silva, Teresa Moure, Enma Pedreira, María Reimóndez, Eli Ríos, Anxos Sumai, Antía Yáñez) xa ten unha traxectoria consolidada na nosa narrativa. O abano de idade oscila entre os setente e cactro anos de Marilar e os trinta de Antía Yáñez, bótase de menos só, e xa por pedir, que o volume lle dese a oportunidade de nacer a algunha narradora inédita da seguinte década para alimentar a continuidade.

Repítese a modo de mantra “a protagonista é unha muller que ten vontade propia e actúa, polo tanto, é unha obra feminista”. Quizais a estas alturas deberiamos reconsiderar esa definición e reservar o termo feminista para aqueles discursos literarios ou non onde realmente haxa unha defensa da doutrina. As mulleres de Entre donas amosan un abano amplo de vivencias, dende a paixón do texto de Marilar ata tenrura do de Anxos Sumai deseñan unha colaxe na que podemos atopar problemáticas comúns, referencias comúns a todas as mulleres mais tamén a toda a sociedade.

O libro inclúe un epílogo da socióloga Ana Luísa Bouza Santiago que resulta moi interesante porque realiza unha lectura do significado destes textos feitos por mulleres no sentido de que “axudan a reforzar a identidade do propio grupo fronte a outros grupos, ata en contextos igualitarios” e contribúen a rematar cos estereotipos de xénero que na práctica relegan as mulleres as posicións de desvantaxe social.

Gocemos, pois, deste Entre donas e manteñamos a esperanza de que aparezan nas nosas librarías máis iniciativas deste tipo.

VV.AA., Entre donas, Baía Ed., A Coruña, 2020, PVP,12, 35 €

Compartir el artículo

stats