Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A moda en negro

Loito e rigores na indumentaria

Unha das pezas presentes na exposición Vestir Épocas (1860-1960)  que se mostra nas instalacións do Museo de Belas Artes  (A Coruña).

Unha das pezas presentes na exposición Vestir Épocas (1860-1960) que se mostra nas instalacións do Museo de Belas Artes (A Coruña).

Outras pezas presentes na exposición Vestir Épocas (1860-1960) que se mostra nas instalacións do Museo de Belas Artes (A Coruña).

A roupa negra agocha moitos significados; entre todos eles, vén ser o do respecto polo pasamento dos seres queridos, o de máis predicamento en Occidente. É o loito como significante téxtil dun significado de sombra, a negación absoluta da cor que deixa de atraer as miradas pois habita sen luz. Vestir de negro conforma a representación semiótica da dor, o desconsolo e a metafísica do infinito.

Ao longo da historia, a cor negra foise relacionar co rigor da Corte española dos Austrias. En terras inglesas, co vestido -negro- da raíña Vitoria logo do pasamento do seu marido, o príncipe Alberto, en 1861. Un loito que durou corenta anos até a morte da raíña no cambio de século. Asemade, na atemporalidade das obras de arte atopamos a cor negra nas roupas do teatro de Federico García Lorca e tamén naqueloutros variados pasaxes das Sonatas escritas por Ramón María del Valle-Inclán, onde se describen as intermitencias do corazón daquel Marqués de Bradomín, “feo, católico e sentimental. “

Entre as referencias específicas nos estudos de moda, percibimos o negro en enderezos solemnes e profanos, mais en todos ele constitúe unha declaración de principios imbricada nos contidos sociais, místicos, filosóficos, estéticos e políticos. Pero xa anos 20 do pasado século, a petite robe noire de Coco Chanel constitúe un deseño sinxelo e moderno, relacionado co movemento de liberación da muller e mais as vangardas artísticas da época (cubismo e suprematismo). Con todo, malia a modernidade desa nova perspectiva en pequenos vestidos para toda ocasión, aínda se mantiña o poder semiótico que relacionaba o negro co loito. Hai una historia apócrifa daqueles anos onde o modista Paul Poiret atopa a Gabrielle Chanel e vénlle preguntar a esta : “vai vostede moi de negro, mademoiselle; é por loito?. Resposta a muller: “si, por vostede!”.

A cor negra das coleccións de Cristóbal Balenciaga despois de 1948 é mística ou, dito doutro xeito, é unha cor que reflicte un estado de ánimo e unha crenza relixiosa. Quen fora colaborador, amigo e compañeiro do modista dende os anos de San Sebastián até a apertura da empresa na avenida Georges V de París, o aristócrata franco-polaco Wladzio d´Attainville morreu en Madrid en 1948. O pasamento do cabaleiro supuxo un duro golpe para o señor Balenciaga, influíndo no humor e mais o ton das modas creadas por el que foron ese ano esencialmente negras, impoñendo a todas as donas unha especie de hábito ou uniforme de rigor. Non soamente a cor, mais tamén as formas dos traxes adoptaron un carácter certamente racionalista e austero que habería de manterse até o peche da empresa en 1968. Ese negro verdadeiro estará por sempre presente nas coleccións da casa Balenciaga. Da súa parte, en 2017,o Museo Galliera de París dedicou unha mostra aos “anos de negro” do modista de Getaria. Baixo o título Balenciaga, l´oeuvre au noir facíase repaso, e baixo o comisariado de Olivier Saillard, dun notable conxunto de traxes no ámbito da cor negra, creados polo “o mestre de todos os modistas”.

Outras representacións do negro relacionadas coa filosofía aconteceron nos anos do existencialismo en París, logo da Segunda Guerra Mundial e axitados polos acontecemos do maio de 1968; os mozos e mozas vestían de negro como resposta política e para denunciar a vacuidade das súas vidas. En fin, foi aínda en pleno movemento filosófico postmodern cando outra lectura da cor negra se introduciu en Occidente da man dos deseñadores xaponeses: velaí Yohji Yamamoto, Issey Miyake e Rei Kawakubo Comme des Gaçons coa idea da non cor, do sinxelo e usado da estética do wabi sabi. Foi ese o derradeiro manifesto sociolóxico en forma de cor negra, facendo habitar as figuras humanas nun limbo ingrávido de formas atopadas, alleas ao antropomórfico.

Vestir Épocas

Na mostra que acolle o Museo de Belas Artes de A Coruña dende o mes de outubro de 2020 até a primavera próxima se exhiben as modas do ámbito cultural de Galicia dende 1860 deica 1960. Vestir Épocas é unha escolma conceptual da colección de Ana González-Moro. Para ordenar as roupas -que ocupan a totalidade do espazo expositivo do museo- seguiuse a disposición das salas de pintura, incoporándose un alento para explicar as modas. O fío narrativo é o da vida privada das persoas, facendo fincapé nas cousas sinxelas do cotián e nos acontecemos ligados á cultura relixiosa e acontecementos sociais.Hai, pois, unha sala de bautismos, outra de roupa de paseos e visitas, roupa de servizo, roupa de gala, de casamento, de etiqueta..; hai accesorios, chapeus, mantóns... e tamén unha sala das marabillas onde se gardan obxectos de arte e moda de gran singularidade e preciosismo. E hai tamén unha sala dedicada ao rigor no vestir: o loito e os uniformes.

Nesta sala, a carón dos cadros románticos e historicistas, hai un gráfico repaso por todas as siluetas, dende mediados do século XIX até mediados do século XX. Dous uniformes, un de mariño e outro de embaixador, poñen o ton do rigor castrense. Unha parella de nenos vestidos de veludo negro subliñan as esixencias do vestir no troco de século. E hai unha silueta larva, inspirada en Balenciaga, con colo cheminea e fronte bordado con macramé do ano 1955. Un traxe tubular dos anos 1920. Un traxe anos 1910 e un traxe con encaixe do 1900. Todo iso en negro.

Hoxe máis que nunca a roupa de loito é a chave da exposición. Pódese afirmar que o vestido e a moda dos nosos días van rexidos pola austeridade e o loito. Desgrazadamente suman millares os falecidos pola actual pandemia e todos rematamos por ter alguén golpeado pola gadaña implacable. Eu mesmo perdín a miña nai, Alicia, a quen con fondo pesar dedico estas liñas.

Compartir el artículo

stats