Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Materias de Magdalena

Luís Seoane e o muralismo

Perspectiva do mural da fábrica de Magdalena (Arxentina, 1974), agora en Santiago de Compostela. |

Luís Seoane (1910-1979) | FOTO: MANUEL G.VICENTE

En datas moi recentes o goberno galego adquiriu un mural realizado por Luís Seoane para a fábrica de porcelana de Magdalena, creada por Isaac Díaz Pardo nos anos 50 do pasado século e sita nunha pequena vila a corenta quilómetros da cidade de La Plata e a uns cen de Buenos Aires, unha construción hoxe desaparecida.

Cómpre lembraramos que Luís Seoane realizou -fundamentalmente na Arxentina- unha produción mural enormemente ambiciosa ao longo de boa parte da súa traxectoria artística, que xunto co deseño gráfico vai orientar o sentido sintético da súa pintura. Así o afirma o propio artista no seu libro Arte Mural. La Ilustración (Ed. Sudamericana, Buenos Aires, 1974): “Preocupeime sempre de traballar na parede planos de cor, de acentuar os seus ritmos, os seus contrastes, e sobre eles, fun debuxando os meus signos. A cor fai xurdir a forma na miña obra. Sempre tratando, co grafismo que superpoño, de interpretar como sinto a natureza e o home. El Lissitzky, o grande constructivista ruso, escribiu nun ensaio referido á estructuración de espacios: «A cor é unha pel sobre o esquelete» pero, no meu caso, esforceime en sinalar o esquelete sobre a pel”.

O conxunto da obra muralística de Seoane é realizada na maior parte en Buenos Aires entre 1953 e 1968 e inserido no contexto artístico e social arxentino. Porén, a materia argumental é dominantemente de profunda presenza galega, el mesmo afirma que “os meus temas refírense en xeral a Galicia, excluíndo o do Teatro San Martín que se me tiña contratado co referente ao nacemento do teatro arxentino (...) Mais os meus temas, repito, teñen que ver case na súa totalidade coa figura humana galega”. Deste xeito, Seoane ensaia nos seus numerosos murais unha enorme diversidade de técnicas: pintura con resinas sintéticas, témpera, taraceas con mármores de diferentes cores, mosaico, cerámica, metais, pedra picada e reconstruída na parede, vitrais, etc. Asemade, nas representacións muralisticas potencia a monumentalidade das súas figuras ao tempo que o seu estilo tende a unha progresiva esquematización, favorecido polo uso dunha pintura plana, o contraste de cores e liñas interdependentes, en equilibrio coa realidade arquitectónica. En fin, nos seus murais murais asistimos á evolución estilística cara a un maior sintetismo. Obras como Campesiños mallando, realizada para o Centro Lucense de Buenos Aires en 1956 presentan figuras de labregos de rexa estrutura e forte estatismo e monumentalidade. A mesma sensación producían os mosaicos da Historia bíblica de Ruth –hoxe destruídos- e realizados en 1953 para o Banco Israelita del Río de la Plata. No mural para o Banco de la Provincia de San Juan (1955) o indixenismo temático domina o conxunto, construído a xeito de retablo.

No Teatro San Martín, en 1955, desenvolve o tema do nacemento do teatro arxentino por medio da evocación da primeira representación feita na cidade, titulada Juan Moreira, obra que se ambientaba nun circo. É un conxunto no que dominan as cores e o ritmo. Un ano antes realizara xa Os músicos, mural feito a témpera, en que as figuras esquemáticas, cheas de dinamismo, alternan sobre a cor e en 1956 Figuras esperando, mural elaborado con resinas sintéticas que reproducen corpos hieráticos que se reducen a esquemas figurativos, de contido simbólico, con formas organizadas en planos con cores contrapostas.

A Idade Media e mais os tipos populares galegos (peixeiras, labregos...) aparecen con frecuencia en diferentes murais, así como a Mater Gallaeciae, tema ao que dedica en 1956 un mural con figuras de ferro e bronce, a Nai galega que se nos ofrece con intensa forza icónica, cunha rotunda natureza plástica, que desde a modernidade suxire o valor simbólico da pintura e escultura medievais. Un exemplo magnífico deste universo medievalizante son dúas grandes portas, elaboradas para un centro comercial de La Plata (1961), con monumentais figuras femininas concibidas por Seoane e realizadas na fábrica de Magdalena so a dirección de Isaac Díaz Pardo. As portas, combadas, de dúas follas cada unha e de fina porcelana alongada e non con pequenos anacos, provocan unha intensa luminosidade e evocan o mundo bizantino.

De volta onde nós

De volta a Galiza, Seoane non pode levar a cabo unha obra muralística ou monumental acorde coa súa traxectoria, limitándose a realizar murais ligados aos proxectos de Sargadelos e O Castro aos que está intimamente unido empresarial e intelectualmente. Este aspecto resalta aínda máis a importancia de contar entre nós cunha nova obra muralistica do artista. O mural agora instalado na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela foi realizado na propia fábrica de Magdalena e rematado en 1974, segundo información de Camilo Díaz, fillo de Isaac Díaz Pardo.

Trátase dun mural de 230 por 390 centímetros, formado por catro paneis de idéntico tamaño perfectamente ensamblados entre si e elaborado sobre un fondo de táblex de madeira e cartón pintado con pigmento amarelo mesturado con area do río da Plata. A peza estaba destinada á mesma fábrica, en pleno contexto laboral, como as que xa realizara en Galicia no Castro e en Sargadelos. Recolle un motivo paisaxístico moi esquemático e signos elementais que lembran os dos petróglifos e da decoración popular de trebellos tradicionais galegos tratados con eses “planos de cor” e “ritmos acentuados” ao que se refería o artista no seu ensaio sobre o muralismo.

Compartir el artículo

stats