Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Oriana Méndez | Poeta

“En Interna hai unha viaxe ao interior do mundo que eu coñezo”

A poeta viguesa Oriana Méndez nos xardíns da Praza de Compostela.  | FOTO: @ELIREGUEIRA

A poeta viguesa Oriana Méndez nos xardíns da Praza de Compostela. | FOTO: @ELIREGUEIRA

–Sen desmerecer galardóns anteriores, con Interna obtivo vostede o que seguramente é o premio máis importante na súa traxectoria poética até a data. É este, tamén, o poemario do que se sinte máis satisfeita ou, preguntando doutro xeito: vén resultar Interna o lugar da poesía ao que quería chegar?

É fermoso así dito: “o lugar da poesía ao que quería chegar”, especialmente tendo en conta que Interna é un territorio somnámbulo, que camiña entre soños. Si, aí quería chegar: ingresar nun lugar de fronteira entre o real e o que non son máis ca ecos. É un proceso que comeza uns anos antes, coa escrita de O corazón pronúnciase extenso, co que tiven a honra de gañar o Premio Rosalía de Castro do Concello de Padrón en 2019, mais que aínda non viu a luz. Penso que aí tentaba comezar un camiño novo para min.

–Podemos falar dunha obra de madureza (se iso é posible na poesía) literaria ou dun paso máis na súa traxectoria como poeta?

É a obra dunha autora de trinta e cinco anos que vén lendo e tentando escribir poesía desde moi nova, daquela é probable que exista xa certa madureza, capacidade de ollar para atrás e ver o pasado, entender a memoria, contemplar ruínas. Agora, como poeta, teño moi presentes aqueles versos de Pizarnik: recuerdo las negras mañanas de sol / cuando era niña / es decir ayer / es decir hace siglos. Por outra banda, non creo demasiado nas etapas da vida entendidas dun xeito lineal. Na realidade, penso que a madureza depende máis dos acontecementos vitais ca dos anos.

–En que aspectos conecta Interna cos seus poemarios anteriores e en cales (se os hai) quixo rachar coa súa creación poética anterior?

Interna non é un poemario épico. En xeral, esa era unha fórmula na que me sentía cómoda e segura escribindo. Case sempre escribín desde a concepción dun universo colectivo co protagonismo centrado na subalternidade, cuestionando a periferia e levándoa ao corazón dos versos. Os arrabaldes da cidade, moi especialmente de Vigo, foron foco de preocupación literaria para min. E seguen a selo, mais en Interna hai unha viraxe cara ao interior. Non necesariamente cara ao interior de min, senón cara ao interior do mundo; do mundo que eu coñezo, claro.

–De que xeito mudou a súa maneira de ollar e mesmo de “enfrontarse” á creación poética dende os seus inicios até agora mesmo?

Dixen que non acredito demasiado nas etapas da vida, pero terei que desdicirme en certa medida. Agora afronto a creación poética desde un lugar máis experimentado, é inevitable. Experiencias como lectora e como persoa que viviu o que lle foi tocando. Iso dáme algúns coñecementos e, non obstante, tamén moitas dúbidas.

–“Fan ferver, fan ferver porque traen o amor/ e a sombra”. Estas verbas están nun dos versos do primeiro poema. Esta obra está escrita dende o amor ou dende a sombra?

Interna está escrita, precisamente, dende o amor e dende a sombra. Hai moito amor porque está a memoria de territorios, de acontecementos, de momentos que amamos e que camiñan cara a extinción ou que xa están extintos. O libro é un intento de ingresar aí, de pecharse aí, e acompañar eses espectros da vida. E a sombra está porque a sombra é o dominio de Interna.

–Sombra, certamente, é unha palabra que pronuncia varias veces ao longo de Interna. A “sombra” de Oriana Méndez ten algo que ver coa “negra sombra” de Rosalía?

Adoita considerarse a “negra sombra” de Rosalía como unha maneira maxistral de levar á escrita, unha angustia existencial. Semellante ao que, tempo despois, outra muller de excepción, Julia Kristeva, caracterizou coma o “sol negro”. Son formulacións, tanto dende a poesía como dende o ensaio, moi vizosas que nos axudan a reflexionar, con toda creatividade e intelixencia, sobre un trazo humano primordial: a dúbida sobre a propia existencia, a anguria. E esas sombras tamén están neste libro. Tanto as influencias directas das autoras como a representación de certo “dominio do negro”, como deixou escrito para Wallace Stevens, están en Interna.

–E en Interna hai rebeldía ou, mellor dito, rebeldías, nomeadamente contra a/s inxustiza/s. Sen rebeldía, non pode haber poesía?

Non é un libro que se ocupe demasiado de rebelarse contra as inxustizas, aínda que é probable que no que escribo se transluza sempre, aínda que só sexa coma un alento, a vontade de superar a orde actual das cousas cara a outro estado en que os últimos e as últimas de hoxe sexan as primeiras. Sen rebeldía pode haber poesía? Os actos creativos que a min me interesan, sexan a través da palabra, das artes plásticas ou do cine, por exemplo, implican unha mobilización, unha activación da inventiva, unha chamada a imaxinar un espazo novo ou, se non é novo, visto cunha ollada diferente. Máis Alá, díxoo con claridade Manuel Antonio. Polo tanto, isto non significa que a rebeldía implique unha temática social que nos represente a realidade tal cal é. Non me estou referindo a iso, senón ao feito creativo como acto de mobilización.

–Roman Raña, na recensión que escribiu no FARO DA CULTURA, dixo que este poemario “escarva nas feridas da alma da escritora”...

Supoño que, na súa moi xenerosa lectura deste libro, o poeta Román Raña quixo salientar Interna como un poemario máis introspectivo cós anteriores e no que aparecen unhas representacións da realidade máis espectrais ca materiais. Eu só podo dicir que lle estou sinceramente agradecida a Román por esa crítica, como tamén o estou, desde logo, por outras que foi recibindo o libro. É unha honra, e tamén a maior satisfacción, que unha obra chegue e mova -nese acto de mobilización que é o feito literario- a algúns lectores e lectoras.

Compartir el artículo

stats