Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Antonio Herbert

Crónica dun suízo, promotor turístico de Vigo

Debuxos de Carlos Sobrino

O suizo Antonio Herbert Bueler viviu en Vigo durante cinco lustros. Foi apoderado da banca Sobrinos de José Pastor en Vigo e tamén exerceu como cónsul de Bolivia e do Perú na cidade. Ademais diso, Herbert foi un home interesado na promoción turística de Vigo e da súa comarca. A proxección do potencial turístico de Galicia no eido internacional inciárase xa a finais do século XIX coas apostas balnearias de A Toxa e Mondariz, o pulo dos seus portos e a riqueza cultural, artística, histórica e relixiosa simbolizada por Santiago de Compostela. Vigo foi fundamental nese proceso e xa en 1909 creábase aquí unha “Sociedade para o Fomento do Turismo en Galicia”, apoiada polo Concello, os consignatarios marítimos e os balnearios galegos. Os xornais vigueses fixeron unha campaña intensa para explicar as vantaxes de atraer turistas estranxeiros a Galicia e aproveitar o porto como receptor de pasaxeiros desde as Illas Británicas, Francia ou Alemaña. Aquela Sociedade, presidida por Guillermo de Oia, contaba na súa directiva con persoeiros das consignatarias viguesas como Estanislao Durán, Barreras ou Francisco Tapias. A promoción da cidade no estranxeiro facíase coa publicación de folletos en diferentes idiomas ou a invitación á cidade de diferentes expedicións de escritores e xornalistas, sobre todo ingleses, para que contasen as principais atraccións destas terras ao seus lectores. Mister Geissler foi invitado en 1910 e a sociedade publicoulle o libro Impresiones de un viaje por Galicia e a Booth Line británica xa presentara o ano anterior un paquete turístico denominado como “First-class inclusive tour to Galicia”, con parada en Vigo e Mondariz.

Debuxo interior da Guía de Vigo (1933): “Vista do Berbés”, por Carlos Sobrino.

O incipiente turismo que chegaba ao porto vigués paralizouse coa Primeira Guerra Mundial e habería que agardar aos anos 20 para retomar aquelas iniciativas. Aínda que para daquela xa desaparecera o turismo de balnearios e o turismo de saúde.En 1929, con motivo dos cincuenta anos da creación de Centro Galego de Montevideo e coa colaboración da Real Academia Galega, A. Herbert gañaba un concurso de ensaio co tema ”Fomento do turismo cara a Galicia”. O cónsul boliviano implicouse na divulgación de Vigo e a súa comarca como un destino turístico e, coa axuda do seu paisano Eugenio Kraft e a colaboración do artista Carlos Sobrino, comezou a editar unha serie de guías turísticas en inglés destinadas aos viaxeiros británicos que chegaban nos numerosos barcos que tiñan orixe nas Illas Británicas. Eran guias de reparto gratuíto que se financiaban coa publicidade do banco Sobrinos de José Pastor e a Pacific Line que facía a rota Liverpool – La Rochelle - Santander – A Coruña – Vigo. As guías contaban cun mapa das principais vías de comunicación entre A Guarda e Santiago, unha selección de restaurantes e lugares para facer compras en Vigo así como outras informacións prácticas para os turistas. Os textos descritivos eran do mesmo Herbert e Sobrino encargábase da ilustración da capa e das páxinas interiores.

Sobrino xa estaba instalado en Vigo desde 1920, onde casara e exercía como profesor de debuxo na Escola de Comercio e no Instituto de Segundo Ensino e de modelado e baleirado na Escola de Artes e Oficios. A súa obra pictórica completábase coa ilustración de revistas e xornais ademais da realización de carteis publicitarios, deseño de pezas cerámicas e a ilustración de folletos como eran as guías encargadas por A. Herbert. Nestes folletos apreciamos a calidade técnica do debuxo de Sobrino ao servizo dunha temática impregnada do folclorismo e costumismo que precisaba a visión publicitaria e turística. Os visitantes extranxeiros atopaban un catálogo de debuxos dos lugares máis pintorescos dunha Galicia idealizada, na que predominaba a visión do mundo rural. A descrición detallista incidía no carácter etnográfico das escenas populares que se amosaban aos turistas que viñan na procura dun mundo que xa estaba a desaparecer nas cidades europeas e mesmo nunha cidade industrial coma Vigo.

Compartir el artículo

stats