Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Políticas do corpo

Celeste Garrido no MARCO

Nas diferentes imaxes: diversos aspectos da mostra que a artista Celeste Garrido está a expoñer nos locais do MARCO. | FOTO: @ELIREGUEIRA

Políticas do corpo

Políticas do corpo

Políticas do corpo

A mostra da artista Celeste Garrido (Marín, 1972) intitulada Os teus ollos din o que a túa boca cala, que se pode contemplar na sala de proxectos do primeiro andar do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, parte de estratexias conceptuais levadas a variados soportes, en especial vestidos, que serven para dar unha relevancia central ao proceso creativo, orientado desde unha perspectiva de xénero, co corporal como elemento nuclear e co apoio tamén da palabra como concepto artístico.

Celeste Garrido traballa co corpo e en especial co vestido. O corpo vestido é o corpo do suxeito e a través desta vestimenta vanse desvelando datos como o xénero, a condición social e cultural, porque por medio do vestido proxectamos publicamente unha identidade, aspecto que na súa obra adquire vital importancia, precisamente por ser un dos mecanismos diferenciadores que forman parte da indumentaria feminina.

O seu discurso artístico xorde da relación entre a experiencia creativa e a condición feminina e incorpora á súa obra obxectos da vida cotiá e materiais orgánicos, en especial aqueles de uso doméstico –mel, xelatina, uvas, pétalos de rosa...– que polas súas propiedades e carácter simbólico fan alusión á fraxilidade corporal, á noción do tempo que pasa, e ao carácter mutábel das cousas; a inestabilidade unida á idea de beleza que persiste no noso imaxinario colectivo, directamente relacionada co desexo e a sedución. As obras aluden decote a unha muller cuxa acción está condicionada pola ollada do outro, cunha dependencia emocional que fai que a súa propia vontade esvaeza. Pode sorprender a referencia á alegoría nunha artista contemporánea, mais non se debe entender nun sentido tradicional, xa que se ben a artista utiliza imaxes que nos lembran o mundo visual codificado na historia da arte faino como representación da negatividade e do convencionalismo que pexa a existencia e desde a perspectiva das preocupacións temáticas presentes nas súas obras que se materializa en temas como os abusos a menores ou os matrimonios pactados.

Este tipo de traballo, ben frecuente en artistas das últimas décadas, parte de procesos analíticos e autorreflexivos, que entenden a actividade creativa ligada a unha intensa dualidade, marcada pola tensión entre a experiencia vital e o seu contacto co contexto político-cultural, aspectos que inciden na escisión persoal como fonte de creatividade. Son estratexias que teñen tamén os seus puntos febles xa que con certa frecuencia acaban por ser moi semellantes entre diferentes creadoras que traballan desde a perspectiva de xénero. Para ese propósito de análise crítica séguense fórmulas de produción artística fortemente conceptuais, que son entendidas como unha serie prácticas que posibilitan pór en cuestión as estruturas xerárquicas e apostan pola resistencia fronte a un contexto opresivo.

Título: Os teus ollos din o que a túa boca cala

Artista: Celeste Garrido Meira. Comisariado: Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto Soto. Local: Sala de proxectos do primeiro andar, MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Até o 4 de abril de 2021

O traxe, materia simbólica

Na obra de Celeste Garrido a expresión deste universo crítico, do que poderiamos chamar “políticas do corpo”, é froito dunha actitude en que o importante é patentizar a vontade de liberdade fronte as violencias e diseccionar os seus mecanismos de opresión. Esta denuncia da violencia faise por medio da inserción de obxectos cotiáns (como roupas) alterados con ironía e sentido crítico. Este traballo parte no esencial dunha dialéctica entre o espazo e o corpo, complementándose cunha importancia relevante dada ao aspecto procesual da obra, claramente representado nas pezas e deseños da mostra viguesa, con ese fluxo entre o interior -no cal está en cuestión é a privacidade espacial e emocional- e exterior -en que se subliña o que está exposto ao público-. Está dualidade está explicitada dunha forma expresiva por medio deses traxes que poderiamos definir como tensionados e que a artista quere dotar de manifesta carga simbólica. En relación con eles o corpo é entendido na dupla concepción de soporte e resorte para a reflexión. Estamos, pois, perante un tipo de pezas que permite establecer unha tensión da que nace unha lectura simbólica e crítica.

Celeste Garrido sitúanos, pois, fronte a unha maneira de traballar que parte dunha idea de análise da realidade social e que incide en reflexións de extrema actualidade, no formal e no temático. Unha obra que mestura o vital e a realidade opresiva, o visceral e o conceptual, obviamente coa denuncia que funciona como resorte en primeiro termo para logo favorecer a reflexión. A percepción desde o eu, tamén físico, preside as “roupas” de Os teus ollos din o que a túa boca cala; ligado a este feito, podemos percibir un universo que evidencia os silencios, os ocultamentos, as veladuras, as dúbidas e a angustia do mundo feminino como materia e fonte de creación autorreferenciada.

Compartir el artículo

stats