Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fascinación polas dinastías

Na desobediencia da razón

A familia Kennedy: toda unha dinastía glamourosa para a fascinación dos Estados Unidos (e aínda do resto do mundo occidental).

Serán como deuses. Pode que a afirmación do Xénese inspirara os costumes licenciosos dalgunha dinastía, mesmo entre as moi temerosas de Deus. De lembranza fácil, certo é que os Médici vivían como príncipes; mais non grazas á nobreza, toda vez que, segundo contan, amasaron a súa fortuna -entre outras cousas- por respectaren certas regras tales como a de non prestarlles cartos aos aristócratas polo arraizado costume destes de non pagar as débedas. Será que falar de cartos é de xente vulgar pero verdade resulta que algunhas cousas nunca cambian: os ricos son ricos grazas aos que non son ricos.

Pero volvendo ao Xénese e mais á nosa atractiva familia de Florencia. Eles atoparon no libro revelado idea para os luxos pero tamén licenza no clero para dispensar os seus pecados porque daquela a usura xa era un pecado moi mortal. No sétimo círculo do averno, xunto cos blasfemos e os sodomitas, había un lugar especialmente cálido para os prestamistas. A ciencia aínda non demostrara que os milagres bíblicos podían ser replicados sen poderes especiais, polo que a ameaza do inferno non era unha metáfora, era un problema serio para a familia. Dante non ofrecía ningunha excepción a este destino fatídico, pero a Santa Igrexa, coa súa natural misericordia, prometía a salvación se o pecador patrocinaba unha obra de arte, un retablo ou a construción dunha Basílica; isto é, un detalle en consonancia co tamaño do pecado. A xulgar pola pegada dos Médici en Florencia, estes tiveron unha tendencia superlativa aos sentimentos de culpa, isto que os psicólogos chaman neuroticismo exacerbado, xa que ademais de facer de Florencia o que é, cada un dos membros da familia atesourou a súa propia colección de arte; será que cando o medo entra dentro do corpo, é como a humidade.

A fascinación por estas familias é innegable. Son un éxito seguro para a industria cultural; producións de series e documentais sempre conseguen espertar o interese transversal da poboación. Hai moitas dinastías prometedoras: Fugger, Borgia, Ford, Guggenheim, Rockefeller… Nós xa presentamos algunha produción principesca. Os americanos teñen a súa favorita: os Kennedy, eles tamén foron mestres do márketing xa que souberon captar o interese da poboación e xerar sentimentos tan intensos que velan as súas travesuras. Este interese polas súas vidas resulta irracional porque o motivo polo que nos gusta saber sobre as súas preferencias sexuais, no xantar, por bragas ou tangas ou pola orientación do inodoro é difícil de xustificar. Pero o certo é que non nos resistimos a ler calquera información que promete revelar algún dato sobre eles.

Esta desobediencia da razón é vulgar curiosidade morbosa. Din os expertos que o morbo leva con nós dende sempre, aniñado xunto aos instintos máis básicos e primarios como o sexo, o sono ou a fame. Unha especie de remanente, e xa sabemos que o que está suxeito á natureza é irremediábel e, neste caso, tamén tranquilizador porque non semella ser unha conduta elevada. Pero estas accións consumatorias para obter pracer do encontro co socialmente privado, xustificadas quedan.

A pesar da nosa colaboración na construción das lendas, o prezo por obter pracer morboso parece moi elevado. Claro que o morboso ten unha existencia moi ancha e non falamos aquí da súa expresión patolóxica ou delituosa nin das profundidades da sombra junguiana. Hoxe estamos nos brillos do lúdico, na exploración do pracer inofensivo, do que Dorian Gray chamaría “a marabillosa beleza das aparencias.” Nisto reside unha parte da súa función analxésica: apartarse das traxedias e sucumbir ante un pracer fácil e instantáneo.

Pero non vai ser todo morbo. Embriáganos o desexo de pertencer ao grupo, esa forza que emana da asociación e de sentirse parte de algo que transcende a existencia individual. Porque que cousa máis instintiva que a natureza asociativa que nos libroun de desaparecer? Se abandonamos por un momento os xuízos éticos, a característica fundamental destas dinastías é a presenza dun mínimo de tres xeracións que comparten identidade e intereses, conseguindo crear a súa historia pola capacidade para asociarse. Así pois, aociarse é unha tendencia humana sumamamente exitosa; segundo algúns científicos, trátase dunha das condicións primeiras da vida.

Compartir el artículo

stats