Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Dominios de Brandomil

Na Arca da Piosa, Zas

Vista da ponte de Brandomil (Zas).

Outra vista da ponte sobre o Xallas

A Arca da Piosa contemplada desde o sur.

Outra vista da ponte sobre o Xallas

En Terras de Soneira, Zas alberga unha notable riqueza megalítica e monumental, tanto pola abundancia das súas mámoas como pola conservación de senlleiras edificacións medievais, como o pazo Torres do Allo ou a ponte de Brandomil, cuxo nome evoca lendas milenarias. Entre elas, a do guerreiro que aquí tería morada e dominio, e cuxa tumba podería ser o dolmen da Piosa, na parroquia de Muíño, un conxunto prehistórico en perfecto estado de conservación que o converten nun dos máis importantes do noroeste peninsular.

A da Piosa pode presumir de ser unha das mámoas de maior tamaño de Galicia e das máis coñecidas. Mantén catro das cinco pedras da cámara poligonal e dúas do pequeno corredor do plano inferior, de tramo curto e orientado ao leste, cara á saída do sol. Calcúlaselle un peso dunhas trinta e cinco toneladas, polo que sería preciso a intervención duns cento dez homes para arrastrala se o facían sen rodamentos, nun tempo que pode remontar cinco mil anos atrás. No interior tamén se atoparon vestixios de pintura negra e vermella en tres das súas pedras.

O mito di que o valente Brandomil está sepulto baixo A Piosa, como escribiu Pondal nun dos poemas de Queixumes dos pinos. O bardo fixo do dolmen a tumba dun guerreiro morto quen sabe se na loita contra os romanos ou noutra lide anterior. As verdades poéticas non hai por que poñelas en dúbida, e o certo é que Brandomil existe e existiu. Existe como topónimo na parroquia de Zas e na súa contorna, lugar estratéxico en época romana onde puido haber un importante centro mineiro e asentamento contiguo. E ese pasado segue enterrado mais ás veces emerxe coas escavacións e investigacións. Desde antigo tal legado foi obxecto de interese, e ségueo sendo porque continúan aparecendo vestixios arqueolóxicos. Que Brandomil estivo habitado desde tempos remotos evidénciano os castros, a ponte e mais os numerosos restos romanos, entre eles aras votivas, estelas ou miliarios, ademais de moedas, cerámicas ou xoias, entre outros. Así pois, Brandomil é lugar con relevancia na historia e na arqueoloxía e tamén na literatura, como mostraron grandes escritores, pero aínda nas cantigas populares o nome reflicte a súa importancia na memoria veciñal (“A Brandomil quero ir / anque me poñan cancelas/ ou guindalas ou rompelas/ ou pasar por riba delas”) e no rico patrimonio da tradición oral.

Unha das xoias da zona é a ponte de designación homónima que cruza para comunicar Zas con Mazaricos, erixida en cantería con catro arcos de medio punto lixeiramente desiguais, o que indicaría as diferentes épocas construtivas do viaduto. Por aquí transcorría a vía romana XX per loca marítima, dada a presenza de ouro no río Xallas, o cal debeu dar lugar á explotación mineira. Formaba parte do antigo camiño de Santiago a Fisterra antes de ser relevado por unha ponte de formigón nos anos 40 do século XX. Por Brandomil pasaban os peregrinos que desembarcaban nos portos de Muxía e de Fisterra en dirección a Compostela. Hoxe, a vella ponte –reformada na Idade Media e reforzada quizais no século XVII- intégrase nunha acolledora área de lecer a beira do Xallas, en cuxas inmediacións se atopa o castro prerromano.

Hai unhas setenta e tres mámoas no concello, entre elas a de Pedra Vixía, que dá nome tamén a unha área recreativa rodeada dun fermoso bosque de carballos. Ademais de xacementos megalíticos, Zas conserva un dos mellores exemplos de arquitectura soarenga no Pazo Torres do Allo, un dos máis antigos de Galicia, levantado onde un día existiu unha fortaleza. Construído polo fidalgo Gómez de Rioboo Vilardefrancos na primeira metade do século XVI, é de estilo renacentista, con dúas torres e un longo corpo central que as une.

Memoria das pedras

Concello de Zas, xunto con outros nove da comarca, integra o Parque do Megalitismo da Costa da Morte, onde son visitables e están sinalizados os grandes dolmens do territorio. O obxectivo deste extenso museo ao aire libre é a difusión cultural e turística destes elementos prehistóricos, ao tempo que o coñecemento axude á súa conservación. Máis de trescentas mámoas, dolmens e outras construcións funerarias compoñen unha das mostras en mellor estado e máis representativas da Idade de Pedra en Galicia.

En Zas están Pedra Vixía e Arca da Piosa, e noutros concellos tumbas monumentais como a Pedra da Arca en Malpica cos seus catro metros de lonxitude e case dous metros de ancho. Vimianzo é tamén concello rico en construcións funerarias, mentres que en Cabana de Bergantiños está o dolmen de Dombate, onde se atopa o Centro de Interpretación do Megalitismo de Galicia. Ademais de antigüidade, todos teñen lenda, como o de Pedra Moura, situado en Carballo e datado entre o 3500 e o 2700 antes de Cristo, na época de apoxeo da cultura megalítica. Di a narración mítica que as pedras foron carrexadas por unha moura desde o Petón de Calvelo mentres fiaba e aleitaba a unha criatura. Está en Aldemunde, nunha zona de gran interese paisaxístico e ecolóxico. Preto está o castro e A Ribeira da Pena, un dos bosques autóctonos máis importantes da Costa da Morte.

Compartir el artículo

stats