Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cara a un novo mundo

Historia do pensamento (XIII)

Vista parcial da “Cidade prohibida” (Pekín).

Bernard Lewis (1916-2018)

Samir Amin (1931-2018)

Enrique Dussel (1934)

A historiografía occidental , comprometida coa idea hegeliana de que “a historia universal vai de leste a oeste”, retoma de xeito recorrente o debate que busca explicar por que se na volta do ano 1450 Europa era unha rexión atrasada con respecto a outros territorios, principalmente a China da dinastía Ming, o imperio de Malí ou o imperio mexica, apenas uns anos despois estaba a liderar un proceso de expansión universal que acabou por situala no centro dun sistema mundo por primeira vez verdadeiramente mundial.

A miúdo, a resposta, comprometida coa visión excesivamente simplista da huntingtoniana loita das civilizacións (1996), identificada principalmente co enfrontamento entre Oriente e Occidente, radica en ‘responsabilizar’ do atraso en que quedaron esas rexións con respecto a Europa a factores culturais. Velaí a explicación de Bernard Lewis, quen no seu libro Qué fallou? (2002), sostén que o motivo do atraso do Islam con respecto á Europa cristiá de Occidente foi a marxinación da muller e o rexeitamento do coñecemento científico. Obviamente esa resposta non pode ser válida, xa que esquece demasiados feitos: o desenvolvemento tecnolóxico e científico do islam nese mesmo intre; a cuestión do atraso-desenvolvemento non pode limitarse a unha loita entre un islam considerado como unha única entidade (non distingue entre o imperio otomán, o reino meriní de Fez, o imperio timúrida de Samarcanda, o sultanato de Delhi ou o imperio de Malí) e a Europa cristiá baixomedieval, desprezando a existencia doutras rexións do mundo tamén avanzadas e que lideraban importantes sistemas-mundo en diferentes lugares do planeta; e, sobre todo, o papel das nacións e das clases no desenvolvemento desigual das sociedades, como propón o sociólogo e historiador Samir Amin no seu ensaio O desenvolvemento desigual (1974).

Un longo proceso de transición: Entre os anos 1050 e 1450 a Europa cristiá occidental, que no contexto das sociedades tributarias deses anos coas que mantiña relacións económicas e políticas (imperio abásida, imperio mongol, imperio chinés...), que en distintos momentos dese período lideraron sistemas-mundo, sempre tivo unha posición periférica, sendo precisamente a marxinalidade e a fraxilidade do feudalismo europeo a que fixo posible que xurdise unha nova clase social: a burguesía, vinculada ao rexurdimento das cidades e ás novas actividades económicas, que foi a promotora de todas as transformacións, tanto socioeconómicas e políticas como culturais, que tiveron lugar nese momento.Nese sentido, fronte a unha sociedade tan desenvolvida como a China da dinastía Ming, cuxa cidade imperial e corte era tan diferente ás que había en Occidente -lembremos o que contou Marco Polo ao regresar da China en 1295-, na que existía unha rede de estradas e de correos completamente estruturada, tiña a maior flota naval coñecida -lembremos a flota do almirante Zheng He, que arribou ao sueste asiático, á India, ao golfo Pérsico, á península arábiga e ao litoral índico africano-, e desenvolveu importantes inventos, froito dunha longa tradición de científica tecnolóxica, velaí o compás, a pólvora, o papel moeda ou o observatorio astronómico de Beijing, que naqueles anos era máis importante do mundo..., pero inmobilizada burocraticamente como consecuencia da primacia do valor de uso sobre o valor de cambio, unha das características principais das sociedades tributarias, o proceso de conquista e colonización de América e a tráfico de escravos promoverán un proceso de acumulación de capitais decisivo para a transformación socioeconómica de Europa e, asemade, para unha revolución cultural na que o ‘encubrimento’ de América, en palabras de Enrique Dussel, foi decisivo.

Datas para o cambio

A primeira delas, 1405. O almirante Zheng He inicia a primeira das súas sete viaxes de exploración ao mando da flota chinesa da dinastía Ming. Xa en 1438, Pachacutec convértese no primeiro sapa inca do imperio incaico e fai da cidade de Cuzco o centro dun activo núcleo cultural e científico. Da súa parte, en 1447 Ulugh Beg favorece un fondo renacemento cultural no imperio timúrida.En 1453 os turcos otománs conquistan Constantinopla e apenas unhas décadas despois poñen fin ao imperio mameluco (1517) e chegan ás portas de Viena (1529). En 1455 o navegante veneciano ao servizo do infante Henrique de Avis, Alvise Cadamosto entra en contacto co poderoso imperio de Malí, que dominaba os intercambios comerciais transaharianos entre a África negra e o mundo mediterráneo.Xa en 1456. Moctezuma I fai de Tenochtitlan, a capital do imperio mexica, un centro económico e cultural sen precedentes.

A tradición atribúe a Rodrigo de Triana o avistamento de terra dende a Pinta, unha das naves que baixo o mando de Colón arribaron a América o 12 de outubro de 1492, ‘descubrindo’ para a Europa meridional un mundo que os amerindios e os inuits levaban séculos habitando e que outros pobos, como os viquingos, xa coñecían. En fin, en 1504. Sikandar Lodi traslada a capital do sultanato de Delhi a Agra, convertendo á cidade nun centro cultural e científico de primeira magnitude.

Compartir el artículo

stats