Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Viñetas de Madialeva

Unha homenaxe ás mulleres do rural galego

Viñeta da novela gráfica Madialeva (2020).

Viñetas da súa gráfica Madialeva (2020).

Viñetas da súa gráfica Madialeva (2020).

A creadora galega Ana Moreiras  (Lugo, 1976).

A creadora galega Ana Moreiras (Lugo, 1976).

Chegou 2021. Lonxe de supoñer esa ruptura utópica fronte ao pasado ano, preséntase máis ben como unha secuela aínda por desvelar. Por iso de manter (máis ben recuperar) certa sensación de benestar, comecémolo con dúas boas noticias: a mediados do pasado mes de decembro, o Observatorio da Cultura Galega publicou un estudo sobre os hábitos culturais da poboación galega durante a pandemia da COVID-19 no que mostran que o hábito da lectura non só non se viu afectado, senón que aumentou un pouco. Unha boa maneira de celebralo é continuar lendo; así que aí vai unha suxerencia na seguinte boa noticia que é a seguinte: a publicación dunha segunda edición de Madialeva, novela gráfica de Ana Moreiras (Lugo, 1976) por parte da editorial Aira. A primeira edición, de principios de 2020, foi unha auto-publicación, baixo o selo de Morandeira, financiada por crowdfounding na plataforma Verkami, grazas a máis de 150 mecenas. Esta primeira edición contou cun número de exemplares reducido, así que é unha alegría esta nova canle de difusión.

Madialeva é unha novela coral composta por once relatos gráficos, protagonizados por mulleres do rural galego ao longo de cen páxinas a cor. Trátase dunha homenaxe honesta e reivindicativa da sociedade matriarcal, pese a todo e a todos, das aldeas; que mostra con agarimo e realismo a fortaleza das «nosas» nais, avoas e bisavoas, mulleres traballadoras que loitaron por soster as súas familias en épocas difíciles. Relatos dunha aldea luguesa que mesturan realidade e ficción e que nacen da propia tradición oral, herdada da autora.

As voces de todas estas mulleres e xeracións enlázanse a través do personaxe de Pelines, unha xornalista que vive en Madrid e que acaba de sufrir un revés na súa carreira. Con intención de aclararse e recapacitar, regresa un tempo á casa da súa nenez en Miraz (Friol, Lugo), onde a súa nai preséntalle a Mirta e Gloria. Mirta e Gloria son rexias e honestas, crúas en moitos aspectos. Superado o choque inicial de confrontar unha realidade tan diferente á súa, que tiña moi esquecida, Pelines atopa no valor e a emoción das historias que lle contan estas mulleres unha nova motivación para loitar pola súa carreira. As súas voces non poden nin deben morrer, así que ten que documentalas. Isto permite establecer a fluidez dunha conversación en que os relatos, personaxes, temas e tempos se mesturan de forma natural. Semellante rebelión persoal da protagonista contra a extinción do relato reflicte a intención da propia autora ao crear o cómic. Como ela mesma explica no prólogo, debido a un problema clínico, endometriose aguda, Moreiras non pode concibir. Nunha fuxida por atoparse, ten unha pequena revelación. Nas súas palabras: «Constatei que a tristeza da esterilidade non me nacía tanto de quedar sen pequechiños coma da sensación de tronzar a transmisión do relato. E a carga facíaseme insoportable». Así é como nace Madialeva.

O tema central é a emancipación da muller, facendo as lectoras e lectores testemuñas dese logro a través de matrimonios concertados, caciquismo, a miseria de postguerra, explotación en talleres, a soidade e a vellez… Unha aproximación que pretende achegar o rural a todo o público, rompendo a visión idílica que ás veces se fai deste pero dunha forma próxima, nostálxica e cálida. Canto ao estilo, as ilustracións de Moreiras son tradicionais e sinxelas, liña e acuarela, cheas de personaxes con grande expresividade. Aínda que non ten formación específica en artes, Moreiras recibiu clases de pintura na infancia, disciplina que continúa a traballar nos seus cadernos de viaxe, a través de bosquexos «urbansketching». Nótase un cambio no estilo no transcurso da novela, que foi realizada ao longo de catro anos, nos que a evolución da técnica se pode apreciar.

Recupero as palabras de David Rubín (Ourense, 1977) na contraportada de Grandarroiba (Cristian F. Caruncho, Demo Editorial, 2019): “mentres o cinema coreano ou chinés nestes días gaña premios e prestixio alá por onde pasa por contar, a maioría das veces, historias do seu rural, aquí parece que nos dá vergoña, con celebradas excepcións como a de Oliver Laxe, e no campo da BD, de Cristian F. Caruncho”. Podemos sumar tamén a esta lista a Ana Moreiras, recuperando e mostrando un tema moi noso e cheo de historias interesantes aínda por contar.

A autora

Ana Moreiras naceu en Lugo en 1976, con orixes en Vilaformán (Trabada) e Miraz (Friol) por parte de pai e nai, respectivamente. Licenciouse en Física de Partículas na Universidade de Santiago de Compostela, pero a súa faceta creativa fixo que se focalizase nos campos do ensino, tentando motivar os seus alumnos a través de talleres e clubs que mesturan cinema e ciencia. Actualmente vive en Boiro, onde imparte clases de Tecnoloxía no IESP A Cachada.

A súa primeira banda deseñada é Madialeva (2020), composta por historias que escoitou ao longo da súa vida na aldea da súa nai, aínda que realizou outra pequena incursión gráfica en abril de 2019, con Ottawa meets Galicia, un relato pedagóxico en formato de diario gráfico dunha experiencia de inmersión lingüística en Ottawa a través do programa PIALE (Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras).

Compartir el artículo

stats