Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Seis séculos do Cupolone

Cando Brunelleschi revolucionou a arquitectura

Vista da cidade de Florencia. En primeiro termo, a cúpula de Santa Maria del Fiore, obra do arquitecto Filippo Brunelleschi, 1377-1446).

En marzo de 1990 tiven ocasión de facer unha breve parada en Florencia camiño de Boloña, onde ía como invitado ao XIX Congreso do PCI. Naquelas dúas horas, e desde a estación ferroviaria, calquera idea de visita era limitada. Como a catedral quedaba a dez minutos a pé, decidín achegarme a ela e daquela vin que era posible subir pola súa magnífica cúpula, cousa que fixen decontado. Unha ascensión que pareceu eterna ata acadar o balcón que rodea a súa lanterna, desde a cal é posible contemplar toda a cidade. Xa descendido, un café e unha copa de grappa asciuta nunha terraza completaron a rápida visita.

No século XIV Florencia rivalizaba con Siena e Pisa, e unha maneira de demostrar a súa superioridade foi erguer unha catedral que superase ás destas dúas cidades. A fábrica da catedral de Santa Maria del Fiore, de estilo gótico, foi rematada en 1380. No centro da súa planta en cruz ficou un enorme burato aberto ao ceo, a 55 metros do chan e cun diámetro de 54 metros. Os arquitectos que tentaron cerralo –coa técnica gótica- fracasaron por mor das enormes dimensións daquel espazo aberto. Semellaba que a cidade do Arno pagaría cun fracaso a súa ambición.

Pero Cosme de Medici, daquela o gobernante da república florentina, decidiu que tal empresa axudaría ao prestixio da cidade e da súa propia familia. Para iso impulsou que a Opera del Dumo, o organismo encargado da catedral, convocase un concurso que resolvese aquel despropósito. Dos doce proxectos presentados, quedaron dous finalistas: os de Lorenzo Ghiberti e de Filippo Brunelleschi. O primeiro gañara ao segundo uns anos antes para esculpir a Porta do Paraíso do Baptisterio pero agora foi o segundo o vencedor. Malia a rivalidade que había entre eles, a Opera decidiu que traballasen xuntos.

Despois do seu fracaso fronte a Ghiberti, Brunelleschi marchara co seu amigo Donatello a Roma, onde estudaron as ruínas dos edificios antigos. Un deles, o Panteón de Agripa, conservaba (e conserva) a mellor cúpula feita polo Imperio Romano. E inspirándose nela, Brunelleschi fixo o seu proxecto para Florencia. Para facer realidade aquel cerramento monumental, deixou as técnicas góticas do nervado e clave de volta –que fracasaran- e recuperou a maneira de facer clásica. Así, de entrada tivo que pensar a cúpula partindo do tambor octogonal que deixaran os arquitectos da fábrica da catedral. Prescindiu dunha armadura de madeira e en troques empregou un andamio aéreo que se ía erguendo conforme avanzaban as obras. E ao tempo que os retos progresaban, inventou a maquinaria necesaria para darlles solución. Doutra banda, pensou nunha dobre estrutura. Na interior empregou a técnica romana da espiña de peixe, consistente en colocar os ladrillos en ángulos, de maneira que formaban un enorme conxunto de cuñas e así todos repartían a carga entre todos. Sobre ela, ergueu a cúpula exterior, articulada con oito nervios externos que comprimen a estrutura e dan soporte á lanterna.

Moi celoso do seu proxecto, Brunelleschi contou para os cálculos coa colaboración do seu mestre Paolo dal Pozzo Toscanelli. As obras comezaron en agosto de 1420 e remataron dezaseis anos despois. A base, situada por riba do tambor quedou sen completar. Setenta anos máis tarde, Baccio d’Agnolo gañou o concurso para decorar este tramo pero só fixo un. Di a tradición que non continuou polas críticas de Miguel Anxo, acaso polo risco de sobrecargar a cúpula.

Pero esta non era só exterior. O seu interior supuña unha extensión de 3.600 metros cadrados virxes. A mediados do século XVI, a Opera del Duomo encargou a Giorgio Vasari a súa decoración pero morto ao pouco tempo, Federico Zuccari continuou o proxecto pero en troques de fresco, empregou a pintura á témpera para completar unha inmensa representación do Xuízo Final.

A cúpula de Brunelleschi marcou o inicio do Renacemento na arquitectura. Cumpría os tres principios de Vitruvio: utilidade, beleza e firmeza. Foi o modelo que Miguel Anxo tomou para erguer a basílica de San Pedro e que despois seguiron os arquitectos de cúpulas.

Compartir el artículo

stats